31 de xan. de 2025

PONTEVEDRA

O BNG afea a PP e PSOE que eviten rexeitar os parques eólicos mariños de Pinzón e Roleira na Deputación  

 O grupo provincial nacionalista subliña a necesidade de “defender a nosa costa e o noso sector pesqueiro” antes de que os proxectos sexan firmes  


A esquerda da imaxe, ubicación prevista do parque eólico mariño Pinzón
   

Infogauda / Pontevedra

 O BNG na Deputación afeou hoxe aos grupos provinciais do PSOE e do PP que evitasen rexeitar os parques eólicos mariños Pinzón e Roleira no Pleno provincial. A deputada Manuela Rodríguez subliñou a necesidade de amosar a oposición a ambos proxectos antes de que sexan definitivos para “defender de maneira preventiva a nosa costa e o noso sector pesqueiro”.  

 Rodríguez considerou “escusas” a postura do PP dicindo que os proxectos coñecidos son “documentos de inicio” que poden non saír adiante e a do PSOE falando da necesidade de alternativas enerxéticas por mor do cambio climático. A nacionalista destacou que non se pode aceptar a adopción de políticas enerxéticas que danen o medio ambiente por evitar o mencionado cambio climático, que exportan a enerxía fóra da Galiza sen contraprestacións –como una tarifa eléctrica propia- porque iso, dixo, “é espolio, depredación e comportamentos coloniais”.  

 “Non se pode hipotecar o futuro para dar beneficios a grandes empresas foráneas. Se hai que elixir entre a xente do mar (31.000 empregos) que está en perigo por proxectos deste tipo, mellor non aprobar as cousas. É unha medida preventiva. Non o permitamos. Amosemos oposición a proxectos que danan a nosa costa, que quedará coa dúbida dunha posible afección para sempre. Hai que primar os sectores produtivos estratéxicos para o país”, dixo Rodríguez, lembrando que máis da metade dos proxectos de eólica mariña de todo o estado están previstos na costa galega.  

 O BNG defendeu que os parques de eólica mariña Roleira e Pinzón, ambos na costa suroeste da provincia, terán graves afeccións ambientais, sociais e económicas porque non teñen en conta ningún condicionante ou característica propia da costa nin das augas no seu ámbito de actuación, ademais de entrar en conflito con varios núcleos de poboación no seu tramo terrestre.  

 A moción do BNG destacou que o parque mariño de Roleira suporía a instalación de 33 aeroxeradores (594 MW) a menos de 29 quilómetros da costa da Guarda, cunha liña de evacuación polo fondo mariño de 30,11 quilómetros e outra de 30,35 quilómetros por terra, ata a subestación eléctrica de Atios no Porriño. 

 O trazado do cable submarino partiría de Oia e percorrería a práctica totalidade do fronte costeiro dende Baiona ata A Guarda, atravesando zonas de esforzo pesqueiro das artes de arrastre en parella, arrastre porta, cerco e trasmallo. No seu trazado terrestre, tanto aéreo como soterrado, afectaría aos concellos de Oia, Gondomar, Baiona e Tui, ata chegar á subestación eléctrica de Atios no Porriño, traspasando os cursos dos ríos Miñor e Louro. O proxecto recoñece ademais que afecta a Hábitats de Interese Comunitario (HIC), así como a núcleos de poboación e zonas de gandaría tradicional. 

 O parque eólico mariño Pinzón suporía a instalación de 36 aeroxeradores (540 MW) cunha liña de evacuación polo fondo mariño de 25,15 quilómetros e outra liña de 45 quilómetros por terra, ata a futura instalación de hidróxeno verde da Plisan. Afectaría directamente aos concellos de A Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui no Baixo Miño; As Neves, O Porriño, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño no Condado-Paradanta; e Baiona e Gondomar no Val Miñor. 

 Ademais das posíbeis afeccións paisaxísticas, patrimoniais e ambientais e a caladoiros e recursos pesqueiros, que segundo o BNG o proxecto non determina, os parques afectarían directamente á Rede Natura e espazos protexidos como o Monte Aloia ou as Gándaras de Budiño. Tamén afectarían a comunidades de augas e comunidades de montes. 

 No que respecta ás liñas de evacuación submarina e terrestre, os documentos do expediente admiten que, “de xeito explícito ou implícito, o parque supón afeccións medioambientais e socioeconómicas para a actividade pesqueira e de tráfico marítimo, e que entra tamén en conflito con áreas poboacionais no seu tramo terrestre”. 

 O BNG presentou xa alegacións no mesmo sentido da moción durante o período de consultas aberto polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través da Secretaría de Estado de Medio Ambiente e da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Ningún comentario:

Publicar un comentario