19 de feb. de 2019

DEPORTES

ATLETISMO

DÚAS MEDALLAS PARA A SOCIEDADE ATLÉTICA DO TREGA, DE TOMIÑO, NO CAMPIONATO GALEGO ESCOLAR DE CAMPO A TRAVÉS 

CELEBRADO EN PEREIRO DE AGUIAR (OURENSE)
 
· Álex Sierpes e Marcela Morgado, da Sociedade Atlética do Trega, lograron ouro e bronce, respectivamente, sendo os mellores do club Sociedade Atlética do Trega, de Tomiño 


Marcela Morgado Rodríguez, coa súa medalla de bronce, e Álex Sierpes Pereira, coa de ouro, logradas no Campionato Galego Escolar de Campo a través, 2019
Fotos: S.A.T.

Sociedade Atlética do Trega / Tomiño

 O pasado sábado 16 de febreiro disputouse no circuíto do complexo deportivo de Monterrei (Ourense) o Campionato Galego Escolar de Campo a través. 

 Despois de escoller aos mellores atletas de Galicia mediante os zonais rexionais de cada provincia e posteriormente cos provinciais, quedaría a última criba de seleccionados que nomearían aos primeiros 8 clasificados individualmente e os 2 mellores equipos, por categoría, de cada provincia, para acceder e disputar este precioso broche final de Campionato Autonómico de Cros 2019. 

 Ata alí, a Sociedade Atlética do Trega chegaría cun equipo de nove atletas (seis mozas do equipo infantil feminino, un infantil masculino e unha cadete feminina e un alevín masculino), conseguindo uns fantásticos resultados finais. 

 Ás 11:55 horas a primeira en competir sería Marcela Morgado Rodríguez, na categoría cadete feminino, nunha distancia de 3.000 metros aproximadamente, onde despois dunha carreira lenta e táctica nos primeiros compases da proba, rompería posteriormente na última volta a falta de 800 metros, onde Marcela sufriu unha caída, despegándose das primeiras, pero ela sacou forzas e volveu pillar ao grupo de cabeza, podendo disputar ese apertado final que a levaría á 3ª posición, obtendo ese bronce galego con premio dobre, onde ademais logrou unha meritoria praza para poder disputar coa Selección Galega, o vindeiro día 3 de marzo, en Villamanrique de la Condesa (Sevilla) o Campionato de España por Autonomías . 

 Cabe lembrar tamén que a Morgado está a facer un ano fantástico, xa que a semana pasada logrou así mesmo a marca mínima esixida pola Real Federación Española de Atletismo para poder disputar o Campionato de España de Pista Cuberta nos 1.000 metros lisos, que se celebrará o 16 e 17 de marzo en Sabadell (Barcelona), pedíndolle 3´10" e ela certificando unha fabulosa marca que fixo parar o crono en 3´04" . 

 Ás 12:20 horas, seguiríalle Christian Sierpes Pereira, na categoría infantil masculino, nun circuíto de 2.500 metros aproximadamente (facendo dúas voltas grandes), quedando nun meritorio 5º posto, xa que este é o seu primeiro ano na categoría. 


Atletas do equipo infantil femininoque participou no Campionato Galego Escolar de Campo a través

 A continuación, tocoulle a quenda ao equipo infantil feminino nun circuíto de 2.000 metros aprox., composto e quedando na 6ª praza por equipos, con 77 puntos. E a nivel individual as clasificacions foron ás seguintes:

 Mara Romeu Vicente 16ª, Carmen Magallanes Pérez 18ª, Elisa Morgado Rodríguez 35ª, Antía Rodríguez Otero 42ª, Lara Rodríguez Martínez 50ª; e Aina Bolea Díaz 53ª.


 Álex Sierpes Pereira, campión galego de Cros Escolar, 2019

 No punto final, teriamos a Álex Sierpes Pereira, na categoría alevín masculino, nun circuíto de 2.000 metros aprox., onde desde o inicio de carreira púxose en solitario, voando por todo o circuíto ata a meta, conseguindo o ouro e por conseguinte, proclamándose campión galego de Cros Escolar, 2019, sacándolle ao segundo clasificado 25", certificando dese xeito, os seus 16 títulos autonómicos e 24 medallas galegas que figuran no seu palmarés deportivo.

 Lembrade que este próximo sábado, a Sociedade Atlética do Trega terá unha ampla representación no Autonómico de Pista Cuberta en Ourense, onde poderán acceder os 18 mellores especialistas de Galicia por proba. 

 Cabe destacar tamén que a Sociedade Atlética do Trega deixouse ver un ano máis pola Gala do Deporte guardés, onde tivemos entre os premiados, catro atletas do club: Ariana González Verde, Milu Rodríguez Baz, Christian Sierpes Pereira e Álex Sierpes Pereira. 

 Desde a directiva queremos felicitar aos nosos atletas polos seus éxitos e animalos a seguir neste camiño, seguindo coa brecha de éxitos para o Club.

Ningún comentario:

Publicar un comentario