14 de feb. de 2019

MADRID

CULTURA

O ESCRITOR COMPOSTELÁN SANTIAGO LLOVO TABOADA PRESENTOU EN MADRID O SEU ÚLTIMO LIBRO, “CONTRA EL MAR Y EL VIENTO” BASEADO NOS DOCUMENTOS CHAMADOS “PROTESTAS DE MAR”

· É un libro de aventuras reais, de historias da navegación ocorridas no Finisterre galego entre os anos 1748 e 1872 


O escritor Santiago Llovo Taboada, o coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, e a editora Lucila Ventoso na presentación
Fotos: Casa de Galicia

Infogauda / Madrid

 As “protestas de mar”, documentos do dereito marítimo nos que os capitáns dos barcos mercantes declaraban o ocorrido no caso de incidentes durante a navegación, ofrecen un precioso e apaixonante material, testemuñal, no que o escritor compostelán Santiago Llovo Taboada atopou a base da súa última obra, “Contra el mar y el viento”. É un libro de aventuras reais, de historias da navegación no Finisterre galego entre os anos 1748 e 1872, que debe o seu nome a parte do inciso final que se incluía nestes documentos (“...protesto unha, dous, tres e as máis veces necesarias contra o mar e o vento….”), prologado polo pintor Augusto Ferrer-Dalmau, especializado en obras de historia e batallas, e publicado por Andavira Editora, que foi presentado onte na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia.  

 Na presentación interviñeron, ademais do autor, a directora da editorial, Lucila Ventoso Casais, e o coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, quen o fixo en representación do delegado da Xunta e director da Casa, José Ramón Ónega.  

 Jiménez observou que o libro ten unha espléndida edición e “está salpicado de imaxes de barcos, principalmente de cadros de pintores, unha delas do propio Augusto Ferrer-Dalmau, que contribúen a dotar á edición dun atractivo especial, ao proporcionar ese aire de época tan necesario á redacción feita polo autor”.  

 “O que fixo Santiago Llovo, nun traballo de investigación impagable, foi documentar minuciosamente as protestas máis relevantes, ordenalas por temas e dentro deles por orde cronolóxica, a fin de presentarnos un libro que, sen ser unha novela, está atravesado de babor a estribor e da proa á popa de historias marabillosas, máis interesantes que moitas novelas, e que teñen a virtude de revelarnos, coma se fosen instantáneas fotográficas ou breves vídeos, as aventuras e traballos de tanta xente que entregou o tempo da súa vida cando non a vida mesma ao mar”, valorou. Considerou así mesmo que no libro Llovo Taboada non só saca á boia “un tesouro de esquecidas historias coas que compoñer unha sorte de intrahistoria fundamental para a comprensión da Historia con maiúscula, senón que tamén rescata para noso goce toda a linguaxe do mar”.  


Os numerosos asistentes á presentación gozaron coas historias contadas

 Ventoso, directora de Andavira Editora, empresa con sede en Santiago de Compostela e especializada en libros técnicos e universitarios, presentou ao autor e explicou que este é o cuarto libro que fan xuntos. “Os anteriores tamén están relacionados co mar pero son de ámbito máis local. Este libro xorde por mor dos documentos que atopa no arquivo da Universidade de Santiago, documentos denominados ´protestas de mar´, cos que os capitáns dos buques declaraban os sucesos e incidentes que ocorrían nas travesías, que son pouco estudados pero importantes para coñecer a historia marítima de Galicia, moi descoñecida”, sinalou. Precisou que “empezamos a darlle forma ao libro no mes de setembro do pasado ano e, traballando intensamente, sacámolo o 20 de decembro”.  

 Llovo Taboada expuxo como escribiu este libro, as fontes documentais que manexou e o material recompilado, agrupado por temas en diversos capítulos, cada un dos cales conta cunha posta en común do escritor antes de dar paso ás “protestas” seleccionadas para eles: deriva da navegación, perda de tripulante, ataques, arribadas, naufraxios, protestas administrativas, avarías e aclaracións, análises e conclusións. Referiuse á época na que a costa galega estaba cercada por corsarios insurxentes (de 1810 a 1825) e á inmerecida fama da Costa da Morte pois, afirma, nin era o lugar da costa galega onde houbo máis afundimentos nin os ribeiregos “axudaban” a naufragar ás embarcacións despitadas. “Nin unha soa protesta quéixase de que os ribeiregos non axudasen, ao contrario”, mantivo.  

 Sinalou que unha das razóns polas que os mariñeiros non aprendían a nadar naquela época era reducir a agonía, de horas a minutos, pois cando caían ao mar con temporal había poucas posibilidades de rescate xa que os barcos tiñan dificultades para virar e cando o conseguían non lograban chegar ata o mariño, que xa se desprazou.  

 Explicou que as “protestas de mar”, a base do libro, “son historias certas que nos retrotraen a un universo pasado no que a vida non valía nada, estaba en mans do azar, a cobiza dos homes ou o furor da natureza” e que os feitos que se contan na obra “tiveron lugar de 1748 a 1872 e móstrannos con toda a súa crueza as visicitudes da navegación a vela no Finisterre galego, a importancia neses momentos dos portos da Pobra do Caramiñal, Camariñas, Corcubión, Noia, Muros e Ribeira” así como “a vida a bordo das embarcacións que naquela convulsa época dedicábanse ao transporte de mercadorías”. É un “libro de pequenas aventuras, é historia pura, non é unha novela”, xa que recolle relatos contados polos seus protagonistas, que relatan “situacións que en moitos casos superan ao máis imaxinativo dos guionistas cinematográficos”, precisou o autor.  

 Foron cinco anos de consultas no Arquivo Histórico da Universidade de Santiago, onde están os protocolos notariais nos que se rexistraban as “protestas”. O autor dixo localizar 980 protestas datadas ao longo de 140 anos, entre 4.800 protocolos notariais, e que escolleu 200 que lle pareceron máis atractivas.  

Santiago Llovo Taboada naceu en Compostela. É licenciado en Dereito, traballador da Administración Pública Galega e, segundo a súa propia definición, “historiador-escritor afeccionado”. Persoa moi vinculada á contorna mariña da ría de Muros e Noia, sobre a que xa publicou cinco libros (Memoria salgada dun pobo -traducido ao castelán como Historia salada de un pueblo-, Anaquiños de historia do Concello de Muros, Douscentos anos de salgaduras e conserveiras, O Freixo de Sabardes, A terra dous carpinteiros cos pes mollados, Mar de Outes. Berce dous carpinteiros de ribeira galegos e As salgadura de Carnota).

Ningún comentario:

Publicar un comentario