28 de feb. de 2019

CALDELAS (TUI)

CALDELAS DE TUI PRESUME XA DE ESTRADAS PROVINCIAIS CON ITINERARIO PEONIL SEGURO E TRÁFICO CALMADO  

· O deputado Uxío Benítez explica que a obra de mellora nas EP-3004 e EP-2505   é unha actuación “completa” que mostra o novo modelo da Deputación  


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez Fernández, xunto ao alcalde Carlos Vázquez Padín, supervisou hoxe a actuación de mellora impulsada dende o seu departamento
Fotos: D.PO. 

Infogauda / Caldelas de Tui (Tui)

 A parroquia de Caldelas, no Concello de Tui, presume xa de dúas estradas provinciais que dispoñen dunha nova senda peonil de 2,2 quilómetros para facilitar os tránsitos a pé da veciñanza e tamén de tráfico calmado grazas aos redutores de velocidade instalados pola Deputación de Pontevedra. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez Fernández, xunto ao alcalde Carlos Vázquez Padín, supervisou hoxe a actuación de mellora impulsada dende o seu departamento e explicou que as obras rematarán de forma inminente, tan pronto como a climatoloxía o permita, xa que se precisa alomenos unha semana de tempo seco e soleado para aplicar as últimas capas de pavimento na zona da senda.  

 Segundo explicou Benítez, a obra de mellora foi obxecto de convenio entre a Deputación e o Concello, asumindo o 80% e o 20% dun orzamento de preto de 600.000 eurosrespectivamente.  “Esta obra o que vén a significar un exemplo de como a Deputación quere implantar un novo modelo paraactuar nas estradas que se basea principalmente nas persoas, e para iso creouse un itinerario peonil cunhas dimensións de 2,5 metros de largo, é dicir, cunhas dimensións apetecibles para que as persoas poidan camiñar e pasear”, destacou.   



 O deputado subliñou tamén a importancia da instalación de elementos calmado de tráfico co obxectivo de que os vehículos reduzan a velocidade para que non se dean situacións de perigo para as persoas, creando unha zona 30 para toda a estrada. Lembrou que tamén se construíu unha glorieta onde converxen a EP-3004 e a EP-2505 co fin de organizar o tráfico que vai cara a Salceda de Caselas. Benítez salientou que o proxecto incluíu a mellora da contorna da igrexa parroquial de San Martiño de Caldelas, creando unha praza de lastros na que non está permitido o acceso a vehículos para o aproveitamento da veciñanza como lugar de convivencia.   

 “Un dos eixos da Deputación é que as actuacións que se fagan nas estradas deben ter en conta os espazos polos que pasan e se adapten e poñan en valor o patrimonio que hai ao pé das vías. Esta de Caldelas é  unha actuación bastante completa na que se fomenta a mobilidade peonil, se calma o tráfico e se actúa na contorna da igrexa e creo que é unha actuación importante para Caldelas e para Tui”, dixo Benítez, destacando que a intención da mellora era potenciar un área residencial na que viven máis 1.000 veciñas/os e que ten diferentes equipamentos: un centro escolar público, un CRA e un centro de educación especial, o cemiterio, a igrexa de San Martiño e tamén a zona de Os Baños e as sendas fluviais de Tui e Salvaterra.    



 En canto ao final da obra, Benítez salientou que as actuacións que restan (unicamente dar as últimas capas de microaglomerado en frío encarnado na senda peonil) precisan de tempo seco e calorpolo que asegurou que “se toca un mes de marzo bo non haberá problema e en poucos días estará todo rematado, pero se veñen as chuvias demorarase máis”.   

 Pola súa parte o alcalde de Tui Carlos Vázquez Padín subliñou que a de Caldelas é unha actuación importante que cubre máis de dous quilómetros de estrada para facela máis accesible, humanizar a zona e darlle prioridade aos peóns. “Tamén é moi agradable a actuación que se fixo diante da igrexa parroquial de Caldelas, nunha zona para esparcemento da veciñanza, respectando dous carballos probablemente centenarios que estaban no adro. É unha actuación cofinanciada e congratulámonos de que fose adiante”, rematou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario