BALONMÁN FEMININO
O Guardés busca comezar o camiño á final europea con bo pé en Málaga
• O equipo baixomiñoto visita este domingo, 19 de abril, ás 12.00 horas ao Costa del Sol Málaga para disputar o primeiro dos dous encontros que compoñen a eliminatoria de semifinais da EHF European Cup
• O pase á final decidirase o vindeiro sábado 25 ás 20.30 horas na Sangriña
• Cristina Cifuentes recibe a alta médica e volve á convocatoria, que por primeira vez dende decembro estará completa coas 16 xogadoras, se ben aínda non se espera a súa reincorporación total
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés busca comezar con bo pé o camiño á que sería a segunda final europea de toda a súa historia. As de Ana Seabra visitarán este domingo, ás 12.00 horas ao Costa del Sol Málaga para o encontro de ida de semifinais da EHF European Cup, unha eliminatoria que se prevé tan axustada coma os pasados cuartos ante o outro rival español das guardesas, Elche. A boa nova do equipo baixomiñoto é que a súa convocatoria volve estar completa coas súas 16 xogadoras, grazas á alta médica que vén de recibir Cristina Cifuentes trala complicada lesión no pé esquerdo que a apartou das pistas en decembro. O partido definitivo polo pase á gran final xogarase o vindeiro sábado 25 ás 20.30 horas na Sangriña.
O equipo baixomiñoto chega coa mente posta no seu claro obxectivo: conseguir unha praza nunha final europea por segunda vez na súa historia, tan só tres anos despois da primeira en 2023. Para iso terá que sortear moitas dificultades, comezando polo alto nivel do seu rival compatriota, e rematando por tratar de superar o ritmo inestable que vén sufrindo nas súas últimas actuacións ligueiras. Este mesmo mércores as da Guarda visitaron Sagunto para a xornada final da fase regular, onde ofreceron un encontro de altibaixos que acabou con reparto de puntos entre elas e un Morvedre destinado a loitar pola permanencia (23-23). Co cuarto posto ligueiro e a súa consecuente vantaxe de pista na eliminatoria asegurados, as de Ana Seabra cambian agora o chip ao modo europeo e buscan evocar as boas sensacións espalladas entre os seus últimos partidos para plasmalas este domingo nun José Luis Pérez Canca cheo ata a bandeira.
A comitiva galega volveu escoller o avión para controlar o cansazo todo o posible. Este sábado a primeira hora da mañá chegarán dende O Porto a Málaga, onde esta tarde tiveron un derradeiro adestramento a xeito de toma de contacto coa pista de Carranque. Pero a boa nova entre as filas do Guardés é que, por primeira vez dende o pasado mes de decembro, a súa convocatoria volve estar composta polas súas 16 xogadoras ao completo. A razón disto é a alta médica de Cristina Cifuentes, recuperada da complexa lesión de nocello que a apartou das pistas en decembro e pola que tivo que pasar por quirófano en febreiro, quen hoxe puido viaxar e estará no banco este domingo en Málaga.
Esperábase que a pivote estivese fóra de xogo toda a tempada actual, polo que a súa reincorporación será lenta e prudente, sen sumar minutos este domingo e con dúbidas nesta recta final de curso; polo que mentres tanto África Sempere seguirá a encher o seu oco con honores. En calquera caso, é unha boa noticia para un Mecalia que nutre as súas filas de cara ao treito decisivo deste 2026 despois de verse moi minguado polas baixas en encontros importantes non tan afastados, coma por exemplo a súa última cita ante o mesmo rival andaluz no marco ligueiro.
Pola súa parte, o Málaga chega ao partido nunha tendencia máis ben descendente nesa competición nacional, na que vén de certificar o terceiro posto da clasificación malia as tres derrotas consecutivas coas que pechou a fase regular. A última delas, este martes na pista do pechacancelas Cicar (26-21), onde se notou o peso das lesións que vén arrastrando o equipo, pois non puido contar con Joana Resende, Maider Barros, Nicxon Clabel, Bárbara Vela nin coa guardesa Estela Doiro por distintos motivos.
Con todo, as de Suso Gallardo son unha equipa forte no contexto continental e farán do Pérez Canca un fortín para deixar á Sangriña con poucas posibilidades de mudar o panorama, esperando ademais recuperar a algunha das súas ausencias. Nesta copa europea, o conxunto andaluz vén de golear sen problemas ao Hazena Kynzvart checo, cun global que ascendeu a 56-38 sumando ambos partidos de cuartos, nos que ademais exerceu como anfitrión por partida dobre. Agora buscan a súa terceira final histórica para revalidar un palmarés que xa conta cunha coroa e unha prata do mesmo torneo en 2021 e 2022, respectivamente.
En calquera caso, será todo un duelo de titáns e vellos coñecidos, que se cruzaron por última vez hai dous meses na pista guardesa, con vitoria visitante tras un encontro que se lles atragoou ás de Ana Seabra, moi tocadas polas baixas e o cansazo naquel 22 de febreiro (19-25). A quilometraxe será, precisamente, unha das chaves para afrontar unha eliminatoria que chega nun momento crítico do calendario e que, non cabe esquecelo, terá a súa derradeira palabra o vindeiro sábado 25 ás 20.30 horas no Inferno.
Ana Seabra: “Sabemos que temos que dar o mellor de nós mesmas”
A adestradora do Guardés, Ana Seabra, explica que o de mañá é “un primeiro partido de dous que nos crean moita ilusión unha vez máis nesta Copa de Europa”. Ilusión que, confirma, mantense malia a clara dificultade do encontro: “Sabemos que temos que dar o mellor de nós mesmas para poder seguir disputando esta semifinal contra un Málaga que quererá amosar toda a súa experiencia”, explica, incidindo na importancia de obter unbo resultado neste primeiro envite.
“Estamos concentradas en gozar desta nova oportunidade”, insiste a técnica, disposta a levar o equipo cara á historia unha vez máis. O reto é difícil, e Seabra non ten dúbidas de que “será un duelo que se decidirá por pequenos detalles” coma é habitual ante o rival malagueño, pero por riba de todo pesan esas grandes “ganas de facer un bo partido”.
AXENDA
EHF European Cup | Semifinais - IDA
Costa del Sol Málaga – Mecalia Atlético Guardés
Domingo, 19 de abril | 12.00 horas | Pavillón José Luis Pérez Canca (Málaga)
En directo en https://www.agalega.gal/
EHF European Cup | Semifinais – VOLTA
Mecalia Atlético Guardés – Costa del Sol Málaga
Sábado, 25 de abril | 20.30 horas | Pavillón da Sangriña
Retransmitido en directo pola canle G2 da Televisión de Galicia e en https://www.agalega.gal/

Ningún comentario:
Publicar un comentario