AS ESTRADAS PROVINCIAIS DO RAVELO E SANTA MARTA EN AS NEVES LUCIRÁN NOVA IMAXE PARA SEMANA SANTA
· O deputado de Mobilidade Uxío Benítez e o alcalde supervisaron hoxe os traballos de mellora, que suman un investimento global de preto de 300.000 euros
O deputado de Mobilidade Uxío Benítez Fernández - a der. - efectuando unha visita de supervisión no barrio do Ravelo, acompañado do alcalde Xosé Manuel Rodríguez
Fotos: D. PO.
Infogauda / As Neves
As estradas provinciais que cruzan o barrio do Ravelo e chegan á igrexa de Santa Marta de Ribarteme en As Neves estrearán a súa nova imaxe en Semana Santa. Así o indicou hoxe o deputado de Mobilidade Uxío Benítez Fernández logo de realizar unha visita de supervisión ás dúas actuacións, que suman un investimento total de preto de 300.000 euros, acompañado do alcalde Xosé Manuel Rodríguez.
Benítez constatou cos directores de obra do departamento de Mobilidade e o persoal técnico das empresas construtoras (COVSA e EC Casas) que ambos proxectos teñen un estado de execución moi adiantado con respecto ao oficialmente previsto, polo que poderán estar terminados nas próximas semanas se a climatoloxía acompaña e non se producen complicacións pola chuvia.
No caso da estrada provincial que cruza o barrio de O Ravelo na parroquia de Tortoreos (EP-4006) as obras consisten na mellora do treito vello da estrada provincial co fin de fomentar a mobilidade peonil e aumentar a seguranza viaria. A estrada redeseñarase para reconverter a sección actual da vía e as cunetas nunha sección cunha senda peonil de 2,5 metros de ancho e un carril de circulación. Instalaranse medidas de calmado de tráfico: pasos de peóns sobreelevados e tamén redutores de velocidade físicos para os vehículos que obrigarán a frear aos condutores, ademais de facilitar o desprazamento camiñando aos moitos alumnos e alumnas cara aos centros de ensino de formación profesional da zona.
O deputado de Mobilidade Uxío Benítez Fernández co alcalde Xosé Manuel Rodríguez na contorna da igrexa de Santa Marta de Ribarteme
Na contorna da igrexa de Santa Marta de Ribarteme, a actuación circunscríbese a preto de 2.000 metros cadrados da estrada provincial EP-4201 entre Setados-Ribarteme-Vide diante da construción relixiosa, co obxectivo de comprenderá “crear un espazo atractivo, seguro e accesible, potenciando actividades e poñendo en valor a arquitectura do edificio parroquial e o propio espazo público”.
Segundo explica o deputado Uxío Benítez, o proxecto denominado ‘Mellora da seguranza viaria na EP-4201 na contorna da igrexa de Santa Marta de Ribarteme’ tivo un orzamento de licitación de 191.760,92 euros e pretende poñer en valor dun xeito sensible o espazo e o elemento protexido cunha praza frontal á igrexa pavimentada con lastros e bandas de pedra e pavimentos de formigón coloreado nas zonas anexas á vía.
Tamén se vai mellorar o entronque da estrada co paso cara ao núcleo de O Coto, modificando o radio de xiro e as rasantes para redondear o encontro coa estrada provincial. Dotarase de maior accesibilidade ao acceso á igrexa e ao cemiterio corrixindo as dúas ramplas de acceso ao adro dendea estrada, e renovarase a iluminación, deseñando luminarias específicas de balizamiento sobre o pavimento, luminarias led pegadas aos muros de pedra, tiras de led empotradas nos bancos, luces para iluminar as fachadas da igrexa mediante proxección, e proxectores led para a imaxe granítica da virxe sobre o muro de contención.
“A obra en Santa Marta de Ribarteme é un claro exemplo da filosofía da Deputación de que é preciso que as estradas se adapten aos territorios polos que pasan e non do revés, como viña acontecendo ata o de agora. Co novo deseño diante da igrexa potenciarase o uso do espazo público por parte da veciñanza, aumentando a seguranza viaria e tamén a calidade da contorna”, subliñou Benítez.
Pola súa parte, o alcalde Xosé Manuel Rodríguez Méndez manifestou a súa satisfacción polas obras que está a executar o departamento de Mobilidade en As Neves e a súa boa marcha. Destacou a total colaboración institucional por parte da Deputación e a sensibilidade coa que o persoal técnico que está a dirixir os traballos está a acoller as pequenas peticións da veciñanza co fin de chegar a un proxecto mellorado para o uso de toda a cidadanía.
Ningún comentario:
Publicar un comentario