15 de abr. de 2026

DEPORTES

CICLISMO

O Monte Santa Trega decidirá o gañador do Gran Camiño

• Este sábado, 18 de abril, coa final no cumio dese inigualable enclave




Infogauda / A Guarda

 O Gran Camiño deu comezo onte e o monte Santa Trega marcará o seu final decisivo o próximo sábado 18.  

 A quinta etapa, a etapa final, sairá desde As Neves para percorrer máis de 170 quilómetros ata chegar á Guarda. Neste caso, o pelotón pasará polos concellos de Arbo, Ponteareas, Salvaterra de Miño, Tui e Tomiño, e realizará unha dobre subida ao Alto da Portela (2ª) para finalizar no Monte Santa Trega (2ª).  

 Segundo as previsións, o pelotón pasará por primeira vez pola nosa vila arredor das 15:05h, chegando pola rúa José María Sesto e cruzando A Guarda pola rúa Galicia. De aí dirixiranse ao Alto da Portela e baixarán polo Rosal, cruzando inmediatamente A Gándara.  

 De novo pasarán polo centro da vila sobre as 15:58h para o segundo ascenso ao Alto da Portela, do que baixarán de novo para cruzar pola Gándara e comezar o ascenso ao Monte Santa Trega arredor das 16:48h cunha chegada espectacular no cumio dese singular enclave con vistas ao río Miño, Oceáno Atlántico e Portugal.

 Este percorrido, promete un final moi emocionante cos últimos metros de pavimento de pedra do monumental viacrucis do Monte Santa Trega. 



 

 Con motivo da etapa final haberá algunhas restricións de tráfico.  

– Non se poderá acceder ao monte Santa Trega a partir das 12:00h. 

– Non se poderá aparcar na rúa Julia Vaquero e no Paseo de Portugal (desde o Centro de Saúde ata o campo de fútbol da Sangriña) 

– Haberá cortes puntuais entre as 15:00 e 17:00h nos tramos do percorrido durante os pasos da carreira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario