BALONMÁN FEMININO
O Guardés empata, pero sérvelle para o cuarto posto (23-23)
• O equipo baixomiñoto pechou este mércores a fase regular ligueira cun empate en casa do Morvedre, un único punto que lle vale para amarrar a cuarta praza da clasificación definitiva e entrar entre os conxuntos con vantaxe de pista en cuartos de final da eliminatoria polo título
• Aínda que as de Ana Seabra foron superiores desde finais da primeira parte, as locais aproveitáronse de varios fallos para volver empatar no epílogo do partido
• Blazka Hauptman, con 6 goles, liderou o ataque, mentres Sabina Mínguez sostivo a portería con 13 paradas fundamentais
• O Guardés pecha así unha fase regular estable e que volve colocalo entre os mellores da categoría elite. Espera agora rival entre o Beti-Onak e o Porriño para a eliminatoria a dobre partido de cuartos de final, cuxa volta será na Sangriña
Redacción Deportes / Sagunto
O Mecalia Atlético Guardés clausura a liga regular cun único punto, pero suficiente para os seus obxectivos. A frustración impúxose momentaneamente entre as de Ana Seabra, que este mércores non puideron certificar a vitoria na pista dun Balonmán Morvedre peleón ata o final (23-23). Despois dunha primeira parte igualadísima, as galegas dominaron o encontro desde pouco antes do descanso ata o epílogo do partido, cando as anfitrioas volveron crecerse ata lograr un empate que puideron manter finalmente sobre a bucina. O resultado é suficiente para un Guardés que tiña claro o seu obxectivo de peche de fase: o cuarto posto clasificatorio definitivo, a última praza con vantaxe de pista no partido decisivo de cuartos de final da eliminatoria polo título. A Sangriña xa sabe que decidirá o pase a semifinais, pero deberá esperar os resultados do Beti-Onak e o Porriño deste sábado para coñecer ao rival.
O primeiro gol chegou ao fío do minuto 1 de mans das anfitrioas, mentres que ao Guardés lle levou outros tres estrearse no marcador e asinar o primeiro empate. O Morvedre saíra á pista cun ataque moi rápido e capaz ante unha defensa guardesa algo apagada, polo que pronto logrou comezar a desengancharse (3-1, min. 5).
A partir de entón incrementouse o ritmo de xogo e un par de accións que arrebataron o esférico ás locais deron sinais de espertar guardés (4-3, min. 8). Pero as de Cristina Cabeza seguían respondendo e igualando o goteo de goles, o cal, xunto con varias perdas agora das súas propias mans, impedían ao rival galego acabar de dar o salto necesario para devolver o partido ás táboas (6-4, min. 11).
Foi ao regreso do primeiro tempo morto, solicitado pola adestradora de Sagunto, que o equipo baixomiñoto logrou por fin reducir a renda mínima a cero e empatar a contenda (6-6, min. 15). O partido reiniciábase ao ecuador da súa primeira parte e as de Seabra debían igualar a atención e coidar a precisión nos seus pases para minimizar os erros nos que seguían cedendo, se querían por fin facerse coa dianteira no marcador.
Pasaban os minutos e as táboas sucedíanse (10-10, min. 22), a pesar dos esforzos de ambos os equipos. Era agora o Guardés o primeiro en anotar e o Morvedre o segundo en dialogar, respondendo con rapidez ás visitantes para evitar unha maior vantaxe que podía ser letal. Fincadas as da Sangriña nese pequeno paso adiante (12-13, min. 26), era Candelaria Cuadrado quen frustraba agora baixo paus a oportunidade decisiva de saír por fin da distancia mínima.
Tras a exclusión de Delfina Ojea a continuación, a técnica do equipo de Sagunto volvía parar o tempo, e á continuación foi cando por fin chegou a confirmación do mandato guardés grazas ao gol de Nerea Gil, quen sumaba minutos importantes despois de moitas semanas, e anotaba o 12-14 que daba unha boa oportunidade de vitoria para as súas á volta do descanso (min. 30).
A segunda metade comezou máis frenética, con ambos os equipos xa completamente metidos no xogo e pelexando por cada balón. María Sancha levou a diferenza a tres non moito despois do asubío e en diante as súas loitaron máis por recuperala que por evitar volver á renda mínima, ante un Morvedre incansable pero máis desarmado (15-18, min. 39).
Gañaron máis peso agora as proteccións de senllas porterías, a cargo dunha Cande Cuadrado que sumaba cinco aparicións vitais e dunha Sabina Mínguez que se ía xa ás nove, despois dunha primeira parte brillante. Cada detalle podía definir o devir dun partido no que nada estaba decidido a pesar da superioridade galega, e ambos os conxuntos debían coidarse de riscos que contasen novas perdas de balón, cuxo cómputo xa non era baixo por ningún dos dous bandos.
Seguía tratando de consolidar esa vantaxe de tres goles para seguir crecendo as de Ana Seabra cando a técnica utilizou o seu primeiro tempo morto en todo o partido (17-20, min. 46). Con algo menos de 15 minutos para terminar, a preparadora baixomiñota quería deixar o peche do partido atado para que as súas se levasen os dous puntos que necesitaban para a cuarta praza.
Con todo, Cristina Cabeza pareceu utilizar mellor ese minuto aparte, pois ao regreso as súas inventáronse un parcial 3-0 que, por primeira vez desde os instantes iniciais, devolvía o luminoso ao empate (20-20, min. 50). Estaba claro que non cabía relaxarse, e as guardesas debían captar a mensaxe para facer méritos por recuperar a dianteira que con tanta seguridade viñan defendendo.
Sufría agora o Mecalia dunha seca anotadora de algo máis de seis minutos, e poderían ser máis dado o risco de Gil desde a súa propia liña de defensa á portería baleira do Morvedre. Pero a central gozaba de boa puntería e deu algo de osíxeno ás súas, aínda que o mínimo, para encarar un epílogo en que podía pasar de todo (20-21, min. 52). A técnica das valencianas volvía parar o xogo.
Con cada ataque estirado ata o final, era Blazka Hauptman a responsable do seguinte gol ante un Morvedre agora máis dubitativo á ofensiva. O equipo baixomiñoto estaba a facer valer a súa reputación de boa defensa para apertar as caravillas ao seu rival cando máis era necesario, e esgotábase o tempo para un anfitrión que se vía obrigado a caer en riscos (20-22, min. 57).
Quen tamén salvaba os mobles cando debía facelo estaba a ser, sobre todo, Mínguez, en gran parte responsable do bloqueo anotador rival. Mesmo desde os sete metros freara máis dun intento rival de chegar á súa rede, e sumaba xa un total de 13 paradas, varias delas nestas últimas accións.
Pero non puido facer fronte á superioridade valenciana cando, tras a exclusión de Jazmín Mendoza, Martina Català primeiro e Sara Palanqués despois anotaron un 2-0 que ameazaba con sentenciar o partido a falta de menos de dous minutos (22-22, min. 58). Pero se recuperou o Guardés inmediatamente cun último gol de Hauptman e perdeu varios segundos cruciais un Morvedre que obrigou á súa adestradora para parar, agora si, por última vez o xogo. Sobre a bucina e coa tensión polas nubes, Lucía Julve anotaba o acerto definitivo e pechaba este último encontro da fase regular ligueira para ambos os conxuntos cun empate (23-23, final), aínda que frustrante para un Mecalia capaz de máis, suficiente para amarrar a cuarta praza clasificatoria que lle outorga o dereito de anfitrión no partido definitivo dos cuartos de final da próxima eliminatoria polo título. O seu rival coñecerano as de Ana Seabra este sábado, entre Porriño e Beti-Onak, centrándose mentres dure a espera na primeira cita de semifinais da EHF European Cup que este domingo teñen en Málaga.
Club Balonmano Morvedre (12+11): Fernanda Pinhate (1), Martina Català (2), Khadija Lafsahi (1), remei Gallart (2), Leticia Torok (3), Rebeca López, Candelaria Cuadrado (p.), María Pérez (1), Sara Palanqués (3), Andrea Claramonte (2), Rebeca Secades (p.), Delfine Ojea, Lucía Gámez (3), Lucía Julve (3), Suhana Bayonas (1) e Carla Zálvez (1).
Mecalia Atlético Guardés (14+9): Sabina Mínguez (p.), África Sempere, Jazmín Mendoza (1), Blakza Hauptman (6), Lorena Téllez (3), Cecilia Cacheda (2), María Palomo, Rosane Serrano (2), Elena Martínez, Carme Castro (2), Nerea Gil (2), María Sancha (3), Ania Ramos (2) e Amandine Balzinc (p.).
Marcador cada cinco minutos: 3-1, 5-3, 6-5, 9-8, 11-11, 12-14, 13-16, 15-18-, 17-20, 20-20, 20-22, 23-23.
Árbitros: José Alberto Romero e Enrique Javier Romero. Excluíron con dous minutos ás locais María Pérez, Delfina Ojea e Suhana Bayonas e ás visitantes María Sancha e Jazmín Mendoza.
Incidencias: Partido de vixésimo sexta xornada da liga Guerreiras Iberdrola 2025/2026, disputado no pavillón René Marigil (Sagunto).

Ningún comentario:
Publicar un comentario