O Concello adxudica novas obras de mellora na Praza de Abastos
· Por case 49.000 €, sendo o prazo de execución das obras dun mes, aproximadamente
Fachada posterior da Praza de Abastos de A Guarda
Fotos: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda ven de adxudicar á empresa Denuevo Punto Creativo S. L., de A Coruña, “por un valor total de 48.865,89€ IVE incluído, o contrato para o proxecto de reforma da Praza de Abastos, que se suma ás melloras xa realizadas nos pasados anos e que recolle traballos de eliminación de barreiras, mellora e conservación e equipamentos”.
A Praza de Abastos de A Guarda conta con ascensor
Segundo fixo público o executivo municipal “o Concello de A Guarda vai a executar unha serie de actuacións na Praza de Abastos do municipio que consistirán na adaptación total en termos de mobilidade e accesibilidade, entendendo que esta é unha moi boa oportunidade para facer tales actuacións neste espazo, que quedará perfectamente axeitado para a mobilidade de persoas”.
“As actuacións previstas en instalacións consisten - tal e como indica o grupo de goberno municipal - na colocación de portas automáticas nos accesos dende as rúas Xulián López e Concepción Arenal, así coma a construción duns aseos accesibles na planta superior e a reforma dos baños existentes.
Recuperarase ademais a antiga bóveda de canón da porta de acceso norte na rúa Xulián López para realzar o valor arquitectónico do edificio.
O prazo de execución das obras será aproximadamente dun mes, executándose os traballos simultaneamente co uso deste espazo coa finalidade de causar o menor prexuízo a praceiros e cidadáns”.
O edificio da Praza de Abastos data do ano 1921, aínda que xa se realizou unha ampliación e reforma no ano 1955, sendo un dos focos comerciais de maior interese do municipio con varios postos de carnes, peixes e mariscos, froitas e hortalizas, queixos, embutidos, etc.
Ningún comentario:
Publicar un comentario