O DEPARTAMENTO DE MOBILIDADE DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA AUMENTA A PROVISIÓN DE SAL
CON 125 NOVAS TONELADAS PARA FACER FRONTE ÁS XEADAS NA SÚA REDE DE ESTRADAS
· O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que as brigadas da zona Norte e da zona Sur están saíndo de tarde de maneira extraordinaria para realizar actuacións preventivase garantir a seguranza viaria
Imaxes do camión esparexedor de sal en varias estradas provinciais de Soutomaior e As Neves, onde estivo traballando esta mañá.
Fotos: D. PO.
Infogauda / Pontevedra
O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra ven de facer un novo aprovisionamento de sal para facer fronte ás xeadas producidas polas baixas temperaturas destes días na rede de estradas. En total veñen de subministrarse aos parques base das brigadas de mantemento e conservación outras 125 toneladas de sal que se suman ás máis de cen coas que se iniciou a tempada de inverno. As baixas temperaturas que se rexistraron nas últimas semanas fixeron necesario actuar esparexendo a salmuera de maneira preventiva coa previsión de continuar alomenos nos seguintes días.
Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez Fernández, destinaranse 20 novas toneladas de sal ao parque de Pontevedra, outras 25 a Ponteareas, 25 a Lalín, 50 a Codeseda e 5 a Gondomar e, a curto prazo mantense a orde de que as brigadas da zona Norte e Sur saian polas tardes e noites –ademais de polas mañás- de maneira extraordinaria para facer actuacións preventivas e garantir a seguranza viaria. Non se descarta ter que facer novas reposicións de sal en función da climatoloxía xa que, segundo explica o deputado, non é operativo adquirir un subministro excesivo xa que o sal estrágase ao estar almacenado e non pode ser utilizado na maquinaria esparexedora.
De acordo cos datos que manexa o coordinador das brigadas provinciais, na mañá de hoxe as brigadas traballaron segundo o protocolo fundamentalmente na zona Centro e na zona Sur, e na zona Norte onte pola tarde. Nas primeiras horas do día as equipas de Mobilidade provincial estiveron atendendo avisos na zona de Sanxenxo, Meaño, Meis e Vilanova, ademais de en Barro, Soutomaior ou Catoira, zonas pouco habituais pola afección do frío e as xeadas que, sen embargo, estes días están a necesitar actuacións preventivas porque as placas de xeo estanse a formar en zonas de val en lugar de en zonas altas.
Tamén se están a realizar diariamente (pola mañá e/ou pola tarde) percorridos polos concellos do interior na parte Norte, actuando en Vila de Cruces, A Golada, Dozón, Rodeiro ou Lalín, cubrindo todas as zonas máis complicadas. Na zona do Condado Paradanta houbo incidencias específicas en Covelo, Mondariz e A Cañiza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario