8 de xan. de 2019

OURENSE

O acto "Castelao e Prada. Irmaus!" conmemora en Ourense o 69º cabodano do autor de Sempre en Galiza

A Deputación de Ourense rendeu homenaxe aos ilustres galeguistas Alfonso Rodríguez Castelao e Rodolfo Prada Chamochín.  

Na celebración, que tivo lugar na antiga biblioteca do Pazo Provincial, participaron o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente do PEN Galicia, Luis González Tosar, e o catedrático de Historia Contemporánea e membro numerario da Real Academia Galega, Ramón Villares, así como representantes institucionais, sociais e culturais. 
Fotos: D. OU. 

Baltar destacou no discurso de clausura o labor desenvolvido pola institución provincial ourensá a prol de "rescatar a sobranceira traxectoria de Rodolfo Prada, emigrante do noso, que desenvolveu un importantísimo e inxente labor, político e cultural en América, principalmente na capital arxentina.

Infogauda / Ourense

 A Deputación de Ourense conmemorou onte a tarde o 69º cabodano do ilustre galeguista Castelao cun acto que, baixo o título "Castelao e Prada. Irmaus!", reuniu a representantes institucionais, sociais e culturais na antiga biblioteca do Pazo Provincial, onde repousan temporalmente as cinsas do insigne ourensán, Rodolfo Prada Chamochín, e a súa dona, Manuela Fraga. Desta maneira, o goberno provincial rendeu homenaxe aos ilustres galeguistas Alfonso Rodríguez Castelao e Rodolfo Prada Chamochín, nunha celebración na que participaron o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente do PEN Galicia, Luis González Tosar, e o catedrático de Historia Contemporánea da USC e membro numerario da Real Academia Galega, Ramón Villares, mantedor do acto.  

 Baltar destacou no seu discurso de clausura do acto o labor desenvolvido pola institución provincial ourensá a prol "de rescatar a sobranceira traxectoria de Rodolfo Prada Chamochín, emigrante do noso, que desenvolveu un importantísimo e inxente labor, político e cultural en América, principalmente na capital arxentina, onde residiu ao longo de sete décadas que abranguen un período fundamental da nosa historia no século XX; desde as Irmandades da Fala ata a preautonomía".
  
Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense

 Así mesmo, salientou que grazas "á vontade política do goberno provincial e contando coa inestimable colaboración dos netos de Rodolfo Prada puxemos mans ao compromiso, sendo conscientes da dimensión dunha figura cimeira para o coñecemento do ideario e da acción do galeguismo en América que, por diversas razóns, permanecía inxustamente esquecida".  

 Desta maneira, expresou o presidente Baltar, levouse a cabo "a institucionalización, a nivel provincial, do 4 de novembro como "Día de Rodolfo Prada"; a creación e dotación dun premio destinado á xestión cultural en Galicia que leva o seu nome; a inauguración dun monumento alusivo á súa traxectoria, obra de Manuel Buciños, e a recepción no Pazo Provincial, cos honores dos que Rodolfo Prada é merecente, das súas cinsas e as da súa dona, Manuela Fraga, cumprindo así a derradeira vontade dun dos mellores entre os bos e xenerosos".  

 Baltar subliñou que hoxe [por onte] conmemoramos o 69 cabodano do pasamento de Castelao, acontecido no Centro Galego de Bos Aires, onde recibiu durante a súa enfermidade o incondicional agarimo de quen era amigo verdadeiro e fiel executor das súas ideas e proxectos (Rodolfo Prada), o "millor irmau" -se se me permite- tomando o concepto de irmandade que ambos os dous profesaban -máis aló de seren correlixionarios, e de que, logo, o home de confianza cumprise todas as indicacións testamenteiras de Virxinia Pereira, viúva do xenial Daniel; Rodolfo Prada tiña que estar. Está, e moi presente".  

 "O rianxeiro Castelao amaba Ourense –destacou Manuel Baltar-. Boa proba do seu cariño e simpatía por nós está nas testemuñas de Otero Pedrayo, Alexandre Bóveda, Manuel Martínez Risco, Eduardo Blanco-Amor e moitos ourensáns amigos seus. Mais no caso de Rodolfo Prada, a empatía e a confianza foron medrando desde 1931, cando se coñeceron en Pontevedra, na constitución do Partido Galeguista, incrementaron na década do exilio bonaerense de Castelao, de 1940 a 1950, e perduraron máis alá da súa hora final, o fatídico 7 de xaneiro de 1950".  

 Manuel Baltar afirmou que calquera que se achegue "ás interesantísimas cartas de Castelao a Prada –as cales imos editar axiña desde a Deputación- poderase decatar do alto grao de consideración que lle tiña ao dos Peares o autor de Sempre en Galiza; nunha delas Castelao afirma: "O Centro Orensano é a miña casa-refuxio, nela atopo calor de familia e un entusiasmo galeguista enorme, manifestado a través de dous milleiros de socios. Se non fose rianxeiro, e por tanto pontevedrés, gustaríame ter sido orensano, sobre todo polo carácter e pola simpatía, que os distingue do resto dos galegos".  

 O presidente do goberno provincial dixo que "o nacionalismo de Losada Diéguez, Risco, Castelao, Otero e de toda a xeración Nós -que emigrantes como Prada e exiliados contribuíron a trasladar ás nosas colectividades en América, fundamentalmente en Bos Aires, Montevideo e A Habana- pouco tiña de soberanismo e case nada de independentismo, agás manifestacións anecdóticas. Ese pensamento debe marcar o devir da Galicia futura. Non hai que temer os conceptos integradores, os principios que fan país. A identidade, os afectos patrios -expresados a través do sentimento de pertenza a unha terra con idioma e cultura propios, como é no noso caso a Ourensanía- deberían ser o piar fundamental sobre o que se asente calquera opción política que pretende conectar con esta realidade sociocultural diferenciada; un modelo propio que non renega de España e que aspira a máis autogoberno ao que chamamos Galicia ou Galiza, unha nación cultural forxada ao longo dos séculos, rica en matices, espallada por Iberoamérica, onde temos nos fillos e netos dos emigrantes ás mellores embaixadas-, con moitas posibilidades na España das nacionalidades e as rexións e na Europa dos pobos e os estados, que van seguir sendo realidades indisolubles porque non caben voltas atrás".  

 Manuel Baltar rematou afirmando que esa era "a Galicia pola que loitaron, en case todas as frontes e en circunstancias moito máis críticas que as actuais, Castelao e Prada. Sabemos que non é aquela Galicia a que nos esixe respostas neste 2019 -e no 2020, cando celebremos o centenario da revista e da xeración Nós, que pasan, necesariamente, por Ourense-, pero si o é a idea fundamental: Terra, Pobo, Lingua e Cultura".  

A "Galicia verdadeira"  

 Luis González Tosar dixo na súa intervención que Rodolfo Prada "foi quen guiou polo camiño da Galicia verdadeira", "un home de ourensanía e ourensanismo, no cerne do galeguismo, un patriota que responde aos sentimentos", definición na que coincidiu Ramón Villares sinalando que Prada "foi o outro "eu" de Castelao en Bos Aires, a figura fundamental na executoria política da etapa máis importante vivida por Castelao", remarcando catro labores fundamentais de Rodolfo Prada: foi a persoa que acolleu a Castelao en Bos Aires; quen traballou con el na construción do galeguismo no exilio; o gardador da súa memoria e o coidador do seu legado". Pola súa banda, o conselleiro de Cultura salientou que esta celebración "mira ao pasado con respecto e admiración, un acto importante para o presente e o futuro do galeguismo, porque só un pobo con raíces fondas e cultura propia pode estar nun futuro globalizado pero mantendo a súa identidade".  

 A parte musical do acto contou coa actuación do grupo de cámara Aurum Ensemble, que abriu a celebración co Himno de Ourense (Ourense no solpor), interpretou posteriormente Unha noite na eira do trigo e Negra sombra, e pechou o acto co Himno Galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario