26 de xan. de 2019

PONTEVEDRA

Xunta de Galicia e Foro Enrique Peinador homenaxean a Díaz Pardo con motivo do Día da Galeguidade Empresarial 

Os xardíns da Facultade de Belas Artes de Pontevedra locen desde hoxe un monumento en honor do empresario, artista e intelectual galeguista

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou nos xardíns situados fronte á Facultade de Belas Artes de Pontevedra, na celebración do Día da Galeguidade Empresarial
Foto: X. G.

Infogauda / Pontevedra

 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este mediodía, nos xardíns situados fronte á Facultade de Belas Artes de Pontevedra, na celebración do Día da Galeguidade Empresarial, que este ano o Foro Enrique Peinador lle dedica ao empresario, artista e intelectual Isaac Díaz Pardo e que conta co apoio da Xunta de Galicia. Durante o acto, descubríronse unha placa e mais un busto deseñados pola Escola de Canteiros de Poio, pertencente á Deputación de Pontevedra.
 Valentín García explicou na súa intervención que “Isaac Díaz Pardo alcanzou no seu día o éxito empresarial por mor dunha combinación entre intelixencia creativa e compromiso constante coa cultura e a lingua de Galicia, un compromiso que guiou o seu proceder e conectou cos intereses e demandas da sociedade nun determinado momento”. Por este motivo, o secretario xeral de Política Lingüística considerou que “é un dos referentes máis claros, se non o máis claro, que podemos mostrarlle hoxe ao empresariado galego, a quen queremos transmitirlle unha vez máis dúas mensaxes: a primeira, que os necesitamos, que eles son imprescindibles para o futuro da lingua propia de Galicia; a segunda, que esta constitúe un activo para o seu negocio”.
 Xunto co secretario xeral interviñeron no acto de homenaxe a Isaac Díaz Pardo con motivo do Día da Galeguidade Empresarial, entroutros, Xosé González Martínez, presidente do Foro Enrique Peinador; Xosé Díaz, fillo do homenaxeado; Manuel Joaquín Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra.
 No marco desta homenaxe, a Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo organizou a exposición “Isaac Díaz Pardo e Sargadelos. Apontamentos sobre arte, industria e deseño”, que se inaugurou tras o acto e que poderá verse ata o vindeiro 22 de febreiro.

Foro Enrique Peinador

 O Foro Enrique Peinador é unha entidade que ten por obxectivo normalizar o uso do galego no ámbito económico e da empresa, tanto nas comunicacións internas coma na súa relación co consumidor. A Secretaría Xeral de Política Lingüística comparte estes obxectivos, coincidentes con algúns dos recollidos no seu Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020, e apoia o Foro Peinador nos actos que este leva a cabo para promover os produtos etiquetados en galego, nos encontros con empresarios e empresarias de todos os sectores e tamén na celebración do Día da Galeguidade Empresarial, co que se recoñece a importancia do empresariado na normalización lingüística e se ofrecen referentes galeguizadores para as empresas de hoxe.

Isaac Díaz Pardo

 Isaac Díaz Pardo (Santiago de Compostela, 1920 – A Coruña, 2012) foi un escritor, artista e empresario galeguista. No ámbito empresarial destacou como fundador de Edicións do Castro e Cerámicas do Castro, así como polo seu labor de director e administrador do Grupo Sargadelos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario