A Consellería de Educación convoca probas para a obtención do graduado en secundaria
O prazo de inscrición estará aberto do 11 ao 22 de marzo para a convocatoria de maio e do 1 ao 8 de xullo para a de setembro
Infogauda / Galicia
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se convocan as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de 18 anos nas convocatorias de maio e setembro de 2019. Poderán participar nestas probas as persoas maiores da devandita idade e que non estean en posesión do título correspondente nin matriculadas no curso 2018/19 en ensinanzas conducentes a obtelo.
O prazo de inscrición estará aberto do 11 ao 22 de marzo para a convocatoria de maio e do 1 ao 8 de xullo para a de setembro. As probas realizaranse o 24 de maio e o 6 de setembro.
O contido do exame estruturarase en tres ámbitos: Ámbito Científico-tecnolóxico, Ámbito Social e Ámbito Comunicación. No primeiro deles incluiranse os exercicios das materias de Matemáticas, Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química e Tecnoloxía, así como aspectos relacionados coa saúde e o medio natural recollidos no currículo de Educación Física. A proba do Ámbito Social inclúe os contidos relacionados coas materias de Xeografía e Historia, Economía, Iniciación á Actividade Emprendedora e Empresarial e aspectos perceptivos correspondentes ás materias de Educación Plástica, Visual e Audiovisual e Música. Finalmente, o Ámbito de Comunicación comprende os exercicios de Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura e Lingua Estranxeira (inglés ou francés).
O obxectivo destas probas é facilitar a obtención dun título oficial ás persoas que non seguiron ensinanzas reguladas ou non o obtiveron no seu momento. Neste sentido, ademais a Consellería oferta, no réxime de educación para adultos, ensinanzas equivalentes ao título de graduado en ESO e ten á disposición da cidadanía no portal educativo para a súa descarga gratuíta as unidades didácticas precisas para o seu estudo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario