26 de xan. de 2019

MEDIO AMBIENTE

CADA FAMILIA QUE COMPOSTA GRAZAS AO PLAN REVITALIZA AFORRA MÁIS DE 360 QUILOS ANUAIS DE EMISIÓNS DE CO2 Á ATMOSFERA   

O vicepresidente provincial César Mosquera sinala os beneficios ambientais da compostaxe co gallo do Día pola redución de emisións á atmosfera
  
Mestre composteiro traballando nun centro de compostaxe comunitaria
Fotos: D. PO.

Infogauda / Pontevedra

 Cada familia que composta grazas ao  Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra aforra cada ano máis de 360 quilos de emisións de dióxido de carbonoá atmosfera. Estes datos foron calculados polo persoal técnico do plan provincial de residuos e dados a coñecer hoxe polo vicepresidente César Mosquera co gallo da celebración do ‘Día mundial pola redución de emisións de CO2’ o vindeiro luns día 28.  

 Segundo os datos que manexa a equipa do Plan Revitaliza, cada veciño ou veciña da provincia de Pontevedra xera ao día arredor de medio quilo de biorresiduos -restos de comida, vexetais, restos de poda e xardín-, o que fai que unha familia tipo (formada por 2,5 persoas, segundo os datos do INE) produza arredor dun quilo e medio. Co actual sistema de Sogama, que inclúe recollida por medio de camións, transporte ata a planta de tratamento e incineración, o tratamento dese lixo orgánico produce máis de 650 quilos de CO2 ao ano por familia, mentres que a compostaxe, baseada no tratamento en proximidade e sen recollida, sen transporte, e sen incineración, baixa a emisión aos 291 quilos de CO2, producindo un aforro de máis do 55%.  

 Con estes datos na man o vicepresidente provincial destacou que os beneficios da compostaxe para os concellos da provincia non só chegan en termos económicos polo aforro de custes, senón que tamén supoñen unha vantaxe medioambiental clara pola redución de gases de efecto invernadoiro. “Na provincia de Pontevedra e na Galiza en xeral, a parte orgánica supón o 53% da bolsa do lixo. Ata o de agora o tratamento dos residuos en xeral e dos biorresiduos en particular non estivo na axenda política das administracións, pero é obrigado dar un paso adiante porque todos temos a responsabilidade de impedir que o planeta se deteriore. Coa compostaxe hai un beneficio evidente para o medio: evitamos emisións, pero tamén fixamos o solo grazas á utilización do compost que se produce e enriquecémolo con nutrintes”, asegurou. 

Composteiros individuais

 Mosquera insistiu tamén en que, ademais de ser obrigado moral e legalmente traballar na redución da contaminación por gases de efecto invernadoiro, a Unión Europea acaba de adiantar e endurecer as súas esixencias en materia de residuos municipais baixo ameaza de sanción. En 2020 todos os concellos deberán preparar para reciclar o 50% do seu lixo e recoller de forma separada a fracción orgánica, algo para o que non están preparadas a maior parte dos concellos. Ademais, a transposición da norma europea á lexislación estatal aínda se endurecerá máis para os municipios, obrigando para 31 de decembro de 2020 a recoller de xeito separado o 100% da fracción orgánica para os concellos de máis de 5.000 habitantes.  

Datos absolutos 

 Facendo unha extrapolación do aforro de emisións (-55%) cos datos de poboación de 2018 do INE, e de compostar todos os biorresiduos de maneira correcta por parte da veciñanza, a provincia de Pontevedra (municipios adheridos ao plan da Deputación e non adheridos) podería evitar-en termos aproximativos-  a produción duns 136.200 quilos de CO2 ao ano. Pola súa banda, de chegar ao 100% de compostaxe de lixo orgánico, os ‘concellos Revitaliza’ que a día de hoxe están máis avanzados na aplicación da compostaxe poderían evitar a emisión duns 12.000.000 de quilos de dióxido de carbono por ano no caso do Concello de Pontevedra, máis de 1,5 millóns de quilos no caso de O Grove, 650.000 quilos no caso de Mondariz, outros 89.000 en Mondariz-Balneario, 563.000 en As Neves e 861.000 quilos de aforro de CO2 en Vilaboa.  

 Hai que lembrar que nestes momentos están adheridos ao Plan Revitaliza os concellos de Baiona,  Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Gondomar, O Grove, A Guarda, Illa de Arousa, Lalín, Moaña, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves, Oia, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Portas, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa, Vila de Cruces, e Vilagarcía de Arousa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario