18 de xan. de 2019

IGUALDADE

A Xunta de Galicia abre o prazo para que os centros escolares galegos participen no concurso do cartel da campaña do Día Internacional da Muller 

Poderán participar centros educativos de ensino non universitario da Comunidade Autónoma de Galicia dende 5º de educación primaria ata 2º de bacharelato

O prazo de presentación dos traballos remata o vindeiro 15 de febreiro


Infogauda / Galicia

 A Xunta de Galicia abriu o prazo para o concurso do deseño do cartel do día 8 de marzo co gallo da celebración do Día Internacional da Muller - 8M-, no que poderán participar os centros educativos galegos.  

 Concretamente, poderán participar centros educativos de ensino non universitario da Comunidade Autónoma de Galicia en dúas categorías. A primeira categoría é para o Alumnado 5º e 6º de educación primaria e 1º, 2º de educación secundaria obrigatoria (ESO). Na segunda categoría poderán participar o alumnado de 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria (ESO) e 1º e 2º de bacharelato.  

 O obxecto do concurso é fomentar a promoción da igualdade dentro dos centros educativos galegos, a través dunha acción que visibilize a contribución das mulleres nos distintos ámbitos e promova a reflexión sobre os estereotipos de xénero que aínda existen na sociedade, as causas e a orixe da discriminación de xénero, así como o camiño que as mulleres tiveron que percorrer para ver recoñecidos os seus dereitos.  

 A imaxe gráfica que resulte gañadora poderá ser utilizada pola Xunta de Galicia na conmemoración do Día Internacional da Muller, así como para outras accións de sensibilización e promoción da Igualdade. As bases poden consultarse nesta ligazón. O prazo de presentación dos traballos remata o vindeiro 15 de febreiro. O concurso está financiado grazas ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero  

Ningún comentario:

Publicar un comentario