18 de xan. de 2019

GALICIA

Medio Rural abre mañá o prazo para solicitar as axudas para a plantación de coníferas e frondosas con sete millóns de euros 

A previsión é chegar aos 200 beneficiarios e plantar 4.000 hectáreas de frondosas e coníferas en toda Galicia

Ademais, vén de resolver a convocatoria de 2018, cun total de 133 beneficiarios que crearán 2.666 hectáreas de superficies forestais


Infogauda / Galicia

 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria do ano 2019 das axudas para a creación de superficies forestais da Consellería do Medio Rural. Mañá ábrese o prazo de solicitude destas achegas para as que a Xunta destina sete millóns de euros co obxectivo de fomentar a plantación de coníferas e frondosas tales como piñeiros, carballos, castiñeiros e nogueiras.  

 Estímase que a través desta convocatoria, cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), chegarase a actuar nunhas 4.000 hectáreas a través duns 200 beneficiarios.  

 As axudas van destinadas ás Sociedades de Fomento Forestal (Sofor), aos propietarios particulares de forma individual e ás asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia. Tamén poderá beneficiarase delas as cooperativas agrarias, os proindivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común.  

 No que respecta ás actuacións subvencionables, inclúense os gastos de plantación forestal e da área de defensa contra incendios forestais, é dicir o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo, a adquisición de planta, así como os gastos da plantación propiamente dita. Así mesmo, tamén son susceptibles de subvención as infraestruturas de acompañamento e as obras complementarias.  

 Ademais, a Consellería do Medio Rural vén de resolver a convocatoria de 2018 a través das que 133 beneficiarios crearán 2.666 hectáreas forestais a través dunha achega total de 4,9 millóns de euros por parte deste departamento autonómico. Desta superficie, o 65,3% correspóndese á provincia de Ourense, cun total de 1.742 hectáreas, seguida pola provincia de Lugo con 481 hectáreas, Pontevedra con 415 hectáreas e A Coruña con 27 hectáreas. Analizando os beneficiarios, das 133 solicitudes aprobadas, 122 correspóndense a comunidades de montes veciñais en man común, 10 a particulares e unha a unha agrupación.  

 O obxecto desta liña de subvencións é fomentar a creación de superficie forestal naqueles terreos que estean identificados no Sistema de Identificación Xeográfica de Parcelas Agrícolas (Sixpac) como forestal, pasto con arboredo ou pasto arbustivo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario