11 de xan. de 2019

ARQUEOLOXÍA

O Goberno da Deputación de Pontevedra remata a intervención nos castros da provincia e anuncia un novo impulso do turismo arqueolóxico 

As actuacións, cun investimento de 3,5 millóns de euros, continuarán coa musealización dos xacementos a cargo do Ministerio de Fomento. "Está previsto que este ano estean os proxectos licitados e algúns xa concluídos"

Carmela Silva Rego, presidenta da Deputación de Pontevedra
Foto: D. PO.

Infogauda / Pontevedra

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, fixo balance esta mañá do estado de situación do protocolo asinado co Ministerio de Fomento para a posta en valor de 18 xacementos galaico romanos da provincia de Pontevedra. Deste xeito, Silva confirmou que a parte correspondente á institución provincial no marco do protocolo está xa rematada e que Fomento xa ten en marcha os proxectos de musealización.  

 "Durante estes tres anos e medios rematamos todos os traballos que nos correspondían, actuamos en todos os xacementos para escavar, restaurar, consolidar e realizar levantamentos topográficos deixando pendentes as limpezas para cando o Ministerio de Fomento inicie a súa parte do protocolo que é a musealización", detallou a presidenta.  En total, as tarefas desenvolvidas supuxeron un investimento de 3,5 millóns de euros para a recuperación do patrimonio arqueolóxico. A presidenta sinalou que "foi necesario esperar ao cambio de goberno de España para asinar a addenda do protocolo que levábamos dende o inicio da lexislatura intentando pechar co goberno de Rajoy, xa que Fomento non cumpría coa parte do protocolo, non entraba a consolidar as estruturas que xa nós tiñamos restauradas e, para evitar poñer en perigo todo o traballo desenvolvido, tivemos que executalo nós. Soamente un mes despois do cambio de goberno no Estado conseguimos asinar esta addenda a través da cal Fomento vai asumir outras accións que lle correspondían á Deputación de Pontevedra".  

 En liñas xerais, a presidenta da Deputación detívose a explicar os traballos desenvolvidos nos castros do Monte Santa Trega (A Guarda), A Lanzada (Sanxenxo), Monte do Castro (Ribadumia), O Facho (Cangas), Alobre (Vilagarcía) e Mercado dos Mouros (Valga). No caso do Monte Santa Trega realizáronse dúas intervencións de limpeza e escavación, entre o 2015 e o 2016, e de consolidación, no 2018, cun orzamento de preto de 700.000 euros. En total, neste xacemento saíron á luz 43 novas estruturas, un tramo de muralla e máis de 40.000 pezas, entre as que destaca o "Cabezón do Trega", que permitiron documentar a ocupación dende o século IV A.N.E.  

 Pola súa banda na Lanzada tamén se executaron dúas fases de intervención entre os anos 2016 e 2017 nas que se investiu preto de 300.000 euros.  Neste xacemento documentáronse 16 estruturas e ampliouse a superficie ocupada pola primeira factoría de salgados prerromana documentada no Noroeste peninsular. Amais tamén se achou unha estrutura rectangular datada no século IV que podería ser un edificio relixioso, apareceron 17 inhumacións das que 14 correspondíanse con individuos menores dun ano e máis de 21.000 pezas entre as que destaca un puñal de bronce datable entre os séculos VIII A.N.E. e o IV A.N.E.  

 No Monte do Castro, no que se investiu máis de 180.000 euros, leváronse a cabo tarefas de consolidación-restauración entre setembro de 2017 e maio de 2018, actuando sobre un total de 18 estruturas e máis de 70 metros lineais de muralla, ademais da entrada monumental do castro. Tamén se realizaron traballos de escavación perimetral que permitiron sacar á luz a empuñadura dun puñal de antenas de ferro datado entre os séculos II e o I A.N.E.  

 No caso do Facho realizouse un investimento de 234.000 euros para impulsar traballos de escavación e restauración, desenvolvidos entre o 1 de xuño e o 19 de decembro de 2018, que sacaron á luz ata 3.651 pezas que permitiron centrar a cronoloxía do xacemento entre o I ANE e o século primeiro.    

 En Alobre, onde se investiu máis de 152.000 euros, impulsáronse dúas actuacións entre os anos 2016 e 2017 para a escavación e restauración. Na primeira fase, do 2016, cuadriplicouse o espazo visitable ao castro e atopáronse un total de 9.310 pezas entre as que destaca un Askós de procedencia ibicenca.  Pola súa banda, na segunda fase saíron a relucir ata más de 2.000 pezas novas.  

 No Mercado dos Mouros levouse a cabo unha campaña de ata 14 sondaxes arqueolóxicas entre abril e xuño do 2016, cun investimento de máis de 48.000 euros, para valorar o tipo de restos existentes. En total apareceron catro estruturas, tres circulares e unha rectangular que permitiron sacar á luz que se trataba dunha aldea delimitada por unha cerca de pedra datada entre o século II A.N.E. e o século I. Neste xacemento apareceron 2.000 pezas, principalmente cerámicas galaicas e algún fragmento romano.  

 Ademais destas tarefas, tamén se realizou unha limpeza en Adro Vello (O Grove), unha valoración arqueolóxica de danos polos incendios do xacemento de Troña en Ponteareas e Taboexa nas Neves, e os levantamentos topográficos de Penalba (Campo Lameiro), Alto da Cruz (cotobade), Alto dos Cubos (Tui) e Taboexa (As Neves). 

 A presidenta da Deputación informou que a partir deste momento comeza o proceso de musealización a cargo do Ministerio de Fomento. "Nesta fase desde a Deputación de Pontevedra imos visar os proxectos antes de que se envíen a Patrimonio da Xunta de Galicia para que autoricen e se poidan xa licitar", asegurou Silva quen adiantou que "está previsto que no 2019 estean na súa totalidade os proxectos licitados e probablemente os primeiros xa concluídos".  

 Neste eido,  hai xa un primeiro bloque de proxectos, correspondentes con Albore (Vilagarcía), Toiriz (Silleda) e Subidá (Marín), que están xa informados polo persoal técnico e en trámites de enviar á Dirección Xeral de Patrimonio para a súa autorización e posterior licitación. Amais, outro segundo bloques, para A Lanzada (Sanxenxo), Adro Vello (O Grove), Alto dos Cubos (Tui), Penalba (Campo Lameiro), Alto da Cruz do Castro (Cerdedo-Cotobade), Mercado dos Mouros (Valga), xa foron obxecto dunha reunión co persoal técnico de Patrimonio.  E, no caso do terceiro bloque de xacementos (Monte Santa Tegra, na Guarda; Troña, en Ponteareas; O Facho, de Cangas; Monte do Castro, en Ribadumia; Porta de Arcos, en Rodeiro; Castrolandín, en Cuntis; A Cabeciña, en Oia; Altamira, nas Neves; e Pena Redonda, en Ponte Caldelas) está xa Fomento rematando a redacción dos proxectos para a revisión por parte do persoal técnico da Deputación.  

Turismo arqueolóxico  

 A presidenta da Deputación manifestou o compromiso do goberno provincial coa promoción do turismo cultural xa que, "segundo un estudo realizado no 2009 pola Universitat de Barcelona e a Red Ibertur para Asociación Española de Expertos Científicos en Turismo (AECIT), España sitúase entre os primeiros dez destinos arqueoturísticos do mundo. En concreto, España ocupa, nin máis nin menos, que o sexto lugar tras países como Italia, Exipto, Grecia, México e Perú". Máis polo miúdo Silva incidiu en que se trata dun turismo que representa o 37% do sector turístico e ten un crecemento anual do 17%, incrementándose ata o 66% naqueles destinos que desenvolven políticas culturais específicas.  

 A presidenta incidiu na importancia do turismo cultural polas propias persoas que o practican, ao tratarse de persoas que viaxan durante todo o ano, contribuíndo así á desestacionalización, con formación universitaria, idade comprendida entre os 25 e 44 anos, niveis de renda medios e medios-altos, que esixen experiencias turísticas de calidade e realizan viaxes de maior duración e cun maior gasto diario.  

 No caso concreto dos xacementos arqueolóxicos, a presidenta da Deputación subliñou que segundo a Enquisa de Hábitos e Prácticas Culturais do Ministerio de Educación, un 30,5% da poboación está interesada neles, sendo una das primeiras causas de visita a un destino turístico. Amais, as parellas con fillas ou fillos menores de 18 anos son o grupo que máis valora as visitas a lugares arqueolóxicos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario