11 de xan. de 2019

A GUARDA

«Comercio Innova Plus» 

PROGRAMA DE INNOVACIÓN PARA O COMERCIO

· Juan Morandeira Vázquez, experto en deseño de espazos comerciais e interiorismo, intervirá o vindeiro luns

Juan Morandeira Vázquez
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda continúa neste mes de xaneiro de 2019 as actividades do programa formativo “Comercio Innova Plus”, dirixido especialmente a comerciantes e empresarios da vila, unha actividade para a que non é preciso inscrición previa e que se realiza de balde.  

 Neste mes están previstas 3 sesións formativas. A primeira delas terá lugar o vindeiro luns día 14 de xaneiro de 15:00 a 16:45 horas, para tratar o tema “Novas tendencias en deseño de espazos comerciais”. 

 Nesta charla contarase coa presenza de Juan Morandeira Vázquez, ex responsable de imaxe de marca dunha empresa galega do sector téxtil durante 8 anos; CEO dunha empresa de deseño e interiorismo de espazos comerciais, cunha ampla traxectoria neste campo. Dada á súa experiencia asesorará aos comerciantes e empresarios guardeses no deseño e organización dos espazos de venda dos seus negocios. Os asistentes poderán falar con este experto e preguntarlle as súas dúbidas sobre como organizar e dispor os seus produtos para chamar máis a atención dos seus clientes e aumentar deste xeito as probabilidades de venda e o seu éxito comercial e empresarial.  

 A segunda terá lugar o luns 21 de xaneiro de 15:00 a 16:45 horas con “Innovación no cara a cara co cliente”. Neste caso a ponente será Fátima Rodríguez Marcos, licenciada en Psicoloxía. Formadora. Desde fai 4 anos está ao fronte dunha consultora adicada, entre outros, ao deseño e execución de proxectos sobre dinamización comercial.  

 E xa para rematar o luns 28 de xaneiro de 15:00 a 16:45 horas, cunha sesión formativa titulada: “Compartindo talento: Xuntos chégase máis lonxe”. A ponente será Mariem Filgueira Pérez, licenciada en Dirección e Administración de Empresas e con máis de 15 anos de experiencia en asesoramento empresarial. Directora de proxectos de consultoría e innovación nunha empresa de Pontevedra.  

 Todas as actividades realizaranse na Casa dos Alonso.  

 Estas accións formativas teñen como obxectivo que o comercio da vila coñeza as novas ferramentas tecnolóxicas que teñen á súa disposición, para que as empreguen nos seus propios establecementos comerciais e lle saquen o maior rendemento, ademais de continuar promovendo a innovación dentro da rede comercial do Concello con actividades sobre comunicación e canles de venda, deseño de espazos comerciais, a atención ao cliente ou a creación de alianzas entre empresas. Todas as actividades son de balde e non é necesaria a realización dunha inscrición previa.  

 Esta actividade constitúe a continuación do programa «Comercio innova», que rematou en xuño do ano pasado e no que se traballou cos establecementos comerciais da vila para optimizar a súa xestión e facelos máis competitivos.  

ACTIVIDADES DESENVOLVIDAS EN 2018

 No mes de novembro realizáronse varios obradoiros na Aula CeMit no Centro Cultural da Guarda sobre «Utilización Práctica de Instagram», e «Utilización Práctica de Facebook», rematando con 4 charlas a modo de píldoras formativas, nas que se conta con varios ponentes especializados no comercio, marketing e empresas. 

 “Comercio Innova Plus” conta co financiamento da Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Concellos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario