18 de xan. de 2019

A GUARDA

Fátima Rodríguez Marcos será a poñente de “Comercio Innova Plus” 

· O vindeiro luns día 21 de xaneiro,  na Casa dos Alonso en horario de 15:00 a 16:45
Fátima Rodríguez Marcos
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 No Concello de A Guarda continúan as ponencias do programa formativo “Comercio Innova Plus”, dirixido especialmente a comerciantes e empresarios da vila, unha actividade para a que non é preciso inscrición previa e que se realiza totalmente de balde.  

 O vindeiro luns día 21 de xaneiro terá lugar unha charla sobre «Innovación no cara a cara co cliente», que realizarase na Casa dos Alonso, en horario de 15:00 a 16:45 horas. Nesta ocasión a poñente será Fátima Rodríguez Marcos, licenciada en Psicoloxía. Posúe unha ampla experiencia como formadora en habilidades comunicativas e atención ao cliente. Dende fai case 4 anos dirixe o seu propio proxecto profesional a través dunha consultoría de proxectos ubicada en A Guarda.  

 A través desta píldora formativa repasarase algunhas das ferramentas e estratexias innovadoras que utilizan tanto grandes como pequenas empresas para captar, fidelizar e mellorar a experiencia cos seus clientes, e analizarase de que xeito o pequeno comercio podería aplicalas á súa realidade e casuística concreta.  

 Para rematar a programación de «Comercio Innova Plus» o luns 28 de xaneiro terá lugar na Casa dos Alonso unha charla titulada «Compartindo Talento: Xuntos chégase máis lonxe» a cargo de Mariem Filgueira Pérez, licenciada en Dirección e Administración de Empresas e con máis de 15 anos de experiencia en asesoramento empresarial. Directora de proxectos de consultoría e innovación na cidade de Pontevedra.  

 Estas accións formativas teñen como obxectivo que o comercio da vila coñeza as novas ferramentas tecnolóxicas que teñen á súa disposición, para que as empreguen nos seus propios establecementos comerciais e lle saquen o maior rendemento. Ademais de continuar promovendo a innovación dentro da rede comercial do Concello con actividades sobre comunicación e canles de venda, deseño de espazos comerciais, a atención ao cliente ou a creación de alianzas entre empresas. Todas as actividades son de balde e non é necesaria a realización dunha inscrición previa.  

 Esta actividade constitúe a continuación do programa «Comercio innova», que rematou en xuño do ano pasado e no que se traballou cos establecementos comerciais da vila para optimizar a súa xestión e facelos máis competitivos.  

 No mes de novembro realizáronse varios obradoiros na Aula CeMit no Centro Cultural da Guarda sobre «Utilización práctica de Instagram», e «Utilización práctica de Facebook», rematando con 4 charlas a modo de píldoras formativas, nas que se conta con varios ponentes especializados no comercio, marketing e empresas. 

 “Comercio Innova Plus”  conta co financiamento da Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Concellos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario