A IV Xornada de Dinamización Lingüística da Deputación céntrase na mocidade
· Está orientada a alcaldes, alcaldesas, concelleiros, concelleiras e técnicos de Normalización Lingüística
Vista parcial das persoas participantes na edición precedente da Xornada de Normalización Lingüística da Deputación de Pontevedra
Foto: D. PO.
Infogauda / Pontevedra
A IV Xornada de Normalización Lingüística da Deputación de Pontevedra, que terá lugar o luns 21 de xaneiro ás 13:00 horas no Salón de Actos do Edificio Administrativo, estará centrada na mocidade e na promoción do uso da lingua entre os mozos e as mozas actuais. Para isto, desde o departamento provincial de Cultura e Lingua, deseñouse un programa de intervencións que pretende dar unha visión transversal e plural da situación actual da lingua entre as persoas mozas, así como de diversas iniciativas que se están levando a cabo nestes momentos.
A primeira das intervencións correrá a cargo do coordinador do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, quen exporá as primeiras conclusións sobre un estudo que está realizando a propia RAG sobre a percepción do idioma galego entre a denominada Xeración Z. O mencionado traballo, que conta con financiamento da Deputación, xa ten rematada a fase de recollida de datos e información e estase traballando neste momento na elaboración das conclusión.
Do segundo relatorio ocuparase a presidenta da Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización Lingüística, Anxos Sobriño, quen porá o foco na necesidade de contar con servizos municipais de Normalización, e de xeito estable, para desenvolver iniciativas que conecten coa mocidade como YouTubeir@s ou o Club do Debate. Mentres, o presidente da Asociación ORAL de Galiza, Carlos Alonso, será o terceiro relator e falará da crecente recuperación da práctica da regueifa e da técnica do repente galego, así como das iniciativas e programas que se están levando a cabo neste eido entre os mozos e as mozas. A cuarta relatora será a representante musical e membro do grupo A banda da Loba, Xiana Lastra, quen se centrará na música galega e en galego en primeira persoa, e explicará a experiencia propia e a aposta da súa formación musical por difundir letras de autoras galegas, nomeadamente poetas, tanto históricas como contemporáneas.
A xornada, rematará coa intervención do deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, que será o encargado de explicar polo miúdo as bases das axudas para normalización e dinamización da lingua galega para os concellos da provincia. Estas axudas, cuxo prazo de solicitude permanece aberto ata o 8 de febreiro, conta cun orzamento de 300.000 euros, dos cales se destinan 150.000 para servizos de normalización e 150.000 para programas de dinamización.
A IV Xornada de Normalización Lingüística da Deputación de Pontevedra está orientada a alcaldesas e alcaldes, a concelleiras e concelleiros de Normalización Lingüística, e a traballadoras e traballadores de Normalización Lingüística. Tamén asistirán o director da área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, Fernando Ramallo, e o investigador e docente, Martín Vázquez.
Ningún comentario:
Publicar un comentario