5 de out. de 2018

MADRID

PREVISIÓN PARA O MARTES 9 DE OUTUBRO DE 2018 NA DELEGACIÓN DA XUNTA EN MADRID/CASA DE GALICIA


Martes, 9
19:30 horas 

 A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acollerá a  presentación do DVD da longametraxe El vientre de Europa, escrito e dirixido polo cineasta vigués Juan Pinzás, único director español recoñecido oficialmente polo movemento Dogma 95, nomeado ao Goya en 2014, e cuxa estrea en cinemas tivo lugar en España no mes de novembro do pasado ano, previa rolda de prensa nesta Casa. O DVD que se presenta agora é unha coidada edición con subtítulos en inglés que inclúe, ademais da película, un excelente material extra con 70 minutos de duración, así como o ‘decálogo pinzasiano’ explicado polo propio director creado para esta película.

 No acto de presentación intervirán, xunto co director Juan  Pinzás; o escritor e historiador de cinema español, Diego  Moldes; e o escritor e analista cinematográfico, Fernando Alonso  Barahona.

CULTURA

Feijóo anima a todos os galegos a visitar Castelao Maxistral, unha mostra que marcará un fito nas exposicións do Gaiás coa obra intemporal e universal dun dos grandes “xenios” de Galicia 

Salienta que os visitantes poderán desfrutar do que se ten denominado o Guernica galego e ter unha visión panorámica do ensino, ao tratarse dun recordatorio do papel da educación no fomento da convivencia

Incide na necesidade de transmitir aos mozos que acudan a esta mostra unha reflexión que se inspira nesta obra mestra de Castelao: “A liberdade, a convivencia, a tolerancia, son valores que non se protexen sos”, lembra 



Recalca que o autonomismo, o federalismo de Castelao e Bóveda non se concibe para unha parte do pobo galego, senón para a galeguidade no seu conxunto e na súa pluralidade  

Da as grazas a todos os que fixeron posible a visita a Galicia do cadro A derradeira leición do mestre: á Real Academia Galega, ao Consello da Cultura e, moi especialmente, á Fundación Castelao e á Fundación Alexandre Bóveda.“E grazas, por suposto, ao Centro Galicia de Bos Aires”

Infogauda / Santiago de Compostela

 O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, animou hoxe a todos os galegos a visitar Castelao Maxistral, unha mostra, dixo, que marcará un fito nas exposicións do Gaiás coa súa obra intemporal e universal, “algo que soamente sucede cos grandes xenios capaces de interpretar o fondo da alma humana”. “A súa obra nin pasa de moda, nin pertence soamente á nosa cultura. Velaquí unha demostración”, aseverou, durante o acto de inauguración. 

 Ao longo da visita á exposición, Feijóo aseverou que, ademais de desfrutar do que se ten denominado o Guernica galego e ter unha visión panorámica do ensino entre os comezos do século XX e o ano 1936, “os máis vellos sentirán os ecos daquela barbarie, e os máis novos preguntaranse asombrados se realmente foi aquí en Galicia onde sucedeu o que relata este cadro conmovedor”, dixo, en alusión a escenas semellantes e asasinatos atroces como o de Alexandre Bóveda que se produciron noutros lugares de Galicia e de España onde o odio, o rancor e o instinto criminal se apoderaron da realidade baixo diferentes bandeiras.  


 Así mesmo, salientou que dentro da derradeira leición do mestre hai outra que é a capacidade dos pobos coma o galego para desterrar esa maldición e emprender un camiño xuntos. E, incidiu na necesidade de transmitir aos mozos que acudan a esta mostra unha reflexión que se inspira nesta obra mestra de Castelao: “A liberdade, a convivencia, a tolerancia, son valores que non se protexen sos”, recordou, facendo fincapé en que se non se coidan ou se se pensa que son algo superfluo, “poden esmorecer e aparecer de novo as forzas escuras”.  

 O presidente da Xunta recalcou que este cadro podería representar escenas que se producen en territorios onde os dereitos humanos e a convivencia soamente forman parte dos soños. “Os verdugos de Alexandre Bóveda gardan parentesco cos de hoxe. As ideoloxías totalitarias que movían as súas mans están presentes no mundo actual baixo diferentes etiquetas”, afirmou, recordando que A derradeira leición do mestre de Castelao, o Guernica de Picasso, os Fusilamentos do tres de maio de Goya, o Cain e Abel de Tintoretto, expoñen a faciana máis escura da humanidade.  

 Para loitar contra esta ameaza, Feijóo subliñou que parte da resposta atópase tamén na mostra Castelao Maxistral, ao tratarse dun recordatorio do papel da educación no fomento da convivencia. Un papel do que -como recordou o titular da Xunta- sabían os emigrantes, que formaron un sinfín de sociedades de instrución e sementaron o seu país natal con escolas de indianos, nas que estivo “o xermolo da Galicia da convivencia que hoxe temos”. “A boa obra que somos, honra aos mestres que se ocupan e preocupan de abrir as fiestras do entendemento para facer dos nenos persoas libres e tolerantes”, abundou.  

 Nesta mesma liña, precisou que outras resposta fronte aos perigos sempre latentes contra a democracia é a propia vida de Alexandre Bóveda. “Quixeron matar a un galeguista que nunca compartiu o totalitarismo dos seus verdugos, como se demostra nese Estatuto de Autonomía do que foi un dos grandes artífices. Aquela Constitución galega contou coa achega e o alento de galegos de diferentes tendencias que viron no autogoberno un punto de encontro”, expresou, remarcando que o autonomismo, o federalismo de Castelao e Bóveda non se concibe para unha parte do pobo galego, senón para a galeguidade no seu conxunto e na súa pluralidade.  

 Logo de avogar por unha memoria inclusiva e non excluínte que evite trasladar ao presente querelas que xa foron superadas pola nosa sociedade, Feijóo concluíu a súa intervención dando as grazas a todos os que fixeron posible a visita a Galicia do cadro A derradeira leición do mestre: “Grazas á Real Academia Galega, ao Consello da Cultura e, moi especialmente, á Fundación Castelao e á Fundación Alexandre Bóveda. E grazas, por suposto, ao Centro Galicia de Bos Aires, socios na Fundación Galicia América. Pola súa colaboración para que isto sexa posible”.   

A GUARDA

O Concello convoca aos artistas locais e dos arredores 

· Para a súa participación na ruta «Petiscos con arte»  


Infogauda / A Guarda

 En novembro o Concello da Guarda promove unha nova ruta gastronómica na que se mesturará a gastronomía con exposicións de arte (pintura, escultura, fotografía,...) nos propios establecementos.    

 “Petiscos con arte” é o nome da ruta, que se celebrará os venres e sábados das dúas últimas fins de semana do mes de novembro. A súa finalidade é promocionar a gastronomía e a creación artística na nosa vila, de xeito que os participantes poderán degustar petiscos mentres contemplan as obras de artistas locais ou con vinculación ao noso Concello, expostas nos locais durante a celebración da ruta.  

 Polo que o Concello da Guarda convida aos artistas da localidade e dos arredores a expor a súa arte nalgún dos establecementos que participarán na ruta.   

 As persoas que desexen participar, deberán de remitir un correo electrónico a turismo@aguarda.es ou ben presentar un escrito no Rexistro Municipal do Concello da Guarda na primeira planta da Casa dos Alonsos ata o mércores 10 de outubro. 

 Os artistas serán seleccionados en función da data de solicitude por correo electrónico ou por rexistro. 

 Para calquera dúbida poder contactar coa Oficina de Turismo Municipal por mail ou no teléfono 986 614 546.

O ROSAL

O PROFESORADO DO CPI MANUEL SUÁREZ MARQUIER DO ROSAL DEMANDA MÁIS PROFESORADO A CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN  



 Os membros do Claustro do profesorado do CPI Manuel Suárez Marquier que asinan o presente escrito, queren facer públicas as seguintes consideracións:  

Desde o mes de xuño a Consellería de Educación é coñecedora do incremento de alumnado con necesidades educativas especiais no noso centro. O alumnado que precisa dunha atención especializada e moitas veces individualizada, aumentou este curso tanto a nível numérico como na complexidade do diagnóstico que presentan. Este curso están escolarizados no centro 5 alumn@s con TEA, ademais dun número moi alto con outras necesidades específicas.  

 Unha escola inclusiva e de calidade require profesorado especializado suficiente que neste momento non temos. 

 Por todo esto pedimos á Consellería de Educación que dote ao centro dun/dunha novo/a profesor/a de Pedagoxía Terapeutica.

(R.)

CULTURA

GONDOMAR ACOLLE UNHA MOSTRA SOBRE A EVOLUCIÓN DA CULTURA GALEGA NA DIÁSPORA DURANTE A DITADURA 

· O deputado de Cultura Xosé Leal destacou que a exposición é unha homenaxe ao traballo feito polos intelectuais refuxiados na América

· O domingo 14 ás 19 horas proxectarase "A cicatriz branca" dirixida por Margarita Ledo

No acto estiveron presentes o deputado Xosé Leal Fariña, representantes do Concello de Gondomar e de Nigrán; Xulián Maure Rivas, presidente do Instituto de Estudos Miñorans (IEM), e unha das comisarias da mostra, Carmen Carreiro, así como a profesora Pilar Cagiao
Foto: D. PO.

Infogauda / Gondomar

 A exposición ‘GalizAmérica’, unha mostra itinerante sobre a evolución da lingua e a cultura galega na diáspora nos anos da ditadura abriu este venres día 5 de outubro as súas portas no Centro de Estudos Miñoranos, de Gondomar. No acto estiveron presentes o deputado Xosé Leal Fariña, representantes do Concello; Xulián Maure Rivas, presidente do Instituto de Estudos Miñorans (IEM), e unha das comisarias da mostra, Carmen Carreiro, así como a profesora Pilar Cagiao, que realizou un relatorio sobre ‘O galeguismo no Uruguai’.  

 O deputado Xosé Leal explicou que o departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, organizador da mostra, decidiu levar adiante a iniciativa coa finalidade de facer unha homenaxe a todas as persoas que loitaron polo mantemento da cultura galega durante a ditadura, sobre todo na América, que foi o facho “no que prendeu a nosa lingua".  

 Leal lembrou que a Guerra Civil do 36, coa conseguinte derrota da República, levou a milleiros de galegos e galegas a un exilio que tivo unha grande relevancia a nivel cultural, xa que moitos dos mellores intelectuais refuxiaranse fundamentalmente nos países mais democráticos de América nese momento. Esta concentración de intelectuais, entre os que se atopaban Lugrís, Freire, Castelao, Seoane ou Colmeiro, xerou unha actividade cultural intensa en diferentes eidos creativos con especial incidencia na edición, con centos de libros e diversas revistas. O deputado lembrou tamén que naquel entón creáronse no exilio programas de radio, impartíronse conferencias, deron inicio celebracións de días significativos como o día de Patria, ou abríronse escolas onde nenos e nenas aprenden galego.  

 Todo iso foi recollido na mostra, comisariada por Carmen Carreiro, deseñadora gráfica e fotógrafa que desenvolveu o seu traballo no eido gráfico e deseño, e por Ramón Nicolás, licenciado en Filoloxía galego-portuguesa, profesor, escritor, crítico literario, director da colección Biblioteca das Letras Galegas de Xerais.  

 A exposición, composta por 13 paneis, vai percorrendo diferentes fitos históricos do exilio e o espertar da conciencia galega a través dos intelectuais emigrados, fundamentalmente en cidades significativas como Bos Aires e Montevideo. Está estruturada en tres grandes apartados: un primeiro que relaciona o exilio coa súa causa inmediata, que é a represión; o segundo apartado que corresponde á xenerosidade de América e céntrase no nacemento dos centros galegos e a súa función; e a terceira parte da mostra corresponde á relación do exilio interior co exilio exterior con especial incidencia nos programas de radio, na publicación de manifestos e na edición de libros e revistas na diáspora que serían impensables na Galicia daquel tempo. 

 Como actividade complementaria, hoxe tivo lugar a conferencia da profesora e investigadora da Universidade de Santiago Pilar Cagiao sobre ‘O Galeguismo no Uruguai’, e o domingo 14 ás 19 horas proxectarase "A cicatriz branca" dirixida por Margarita Ledo, unha película de xénero, feminista pero que se grava integramente e por primeira vez na diáspora e en lingua galega.  

 ‘GalizAmérica’ iniciou a súa andaina no concello do Grove, entre o 13 e o 27 de setembro, e continuará por Gondomar, do 5 ao 21 de outubro, A Guarda do 25 de outubro ao 10 de novembro, Redondela do 15 de novembro ao 2 de decembro, e rematará en Poio, onde estará do 5 ao 23 de decembro.

VIANA DO CASTELO

Pierre Chacal em Viana do Castelo a 25 de Outubro com Paulo Pinto ao piano


 Bilhetes já disponíveis  

 Pierre Chacal atua a 25 de outubro, às 21h30, no Teatro Municipal Sá de Miranda, com Paulo Pinto ao piano. 

 Concerto integrado na 19ª edição da Festa do Cinema Francês, em Viana do Castelo.

A GUARDA

PATRIMONIO

VISITA GUIADA ÁS SALINAS ANTIGAS DA GUARDA

Sábado 13 de outubro ás 10:30 h.



A GUARDA

O Concello dota de internet de alta velocidade ao pavillón da Sangriña

· En base a unha solicitude feita polo clube Mecalia Atlético Guardés

· O Concello da Guarda investirá un total de 5.808,00€, que permitirán o emprego da tecnoloxía de TV automática, baseada en sistemas de intelixencia artificial











Panorámica do pavillón A Sangriña
Foto: C. A. G.

Infogauda / A Guarda

 O executivo municipal do Concello da Guarda fixo público no día de onte que ven de contratar as obras para a dotación dunha liña de internet de alta velocidade para o Pavillón Municipal, unha conexión que permitirá retransmitir en streaming os partidos que se disputen neste espazo, unha solicitude feita polo Clube Mecalia Atlético Guardés, ante as esixencias realizadas dende a Federación Española de Balonmán para os equipos que participan nas categorías superiores, coma é o caso do conxunto local.

 Segundo indicaron fontes municipais a este xornal dixital o Concello da Guarda disporá no Pavillón Municipal de accesos a internet de ata 200Mb de velocidade de baixada e 20Mb de velocidade de subida, empregando a rede de fibra óptica de R, un servizo que permitirán cubrir as necesidades técnicas de conectividade neste espazo.   

 As velocidades de conexión da nova líña de internet multiplicarán por 10 as velocidades actuais de baixada e en 25 as de subida, cunha disponibilidade que permitirá garantir un servizo de calidade

UN INVESTIMENTO DE PRETO DE 6.000,00 EUROS

 Segundo informou o executivo municipal “o Concello da Guarda investirá un total de 5.808,00€, que permitirán o emprego da tecnoloxía TIIVII, unha plataforma que permitirá gravar e emitir en directo os eventos deportivos do pavillón sen necesidade de intervención humana, con seguimento automático de xogadores e cambios de planos, xerando un arquivo e canal de vídeo de alta calidade Full HD, con marcadores, locución e multitude de opcións.

 O vindeiro encontro da Liga de Balonmán DHF entre o Mecalia Atlético Guardés e o Rincón Fertilidad Málaga, que se disputará o mércores día 10 de outubro, ás 21:00 h., no pavillón a Sangriña, xa será transmitido con esa tecnoloxía.

A GUARDA

BALONMÁN
DIVISIÓN DE HONRA FEMININA

O MECALIA ATLÉTICO GUARDÉS RECIBE O RINCÓN FERTILIDAD MÁLAGA

O mércores día 10 de outubro, ás 21:00 h., no pavillón A Sangriña