GONDOMAR ACOLLE UNHA MOSTRA SOBRE A EVOLUCIÓN DA CULTURA GALEGA NA DIÁSPORA DURANTE A DITADURA
· O deputado de Cultura Xosé Leal destacou que a exposición é unha homenaxe ao traballo feito polos intelectuais refuxiados na América
· O domingo 14 ás 19 horas proxectarase "A cicatriz branca" dirixida por Margarita Ledo
No acto estiveron presentes o deputado Xosé Leal Fariña, representantes do Concello de Gondomar e de Nigrán; Xulián Maure Rivas, presidente do Instituto de Estudos Miñorans (IEM), e unha das comisarias da mostra, Carmen Carreiro, así como a profesora Pilar Cagiao
Foto: D. PO.
Foto: D. PO.
Infogauda / Gondomar
A exposición ‘GalizAmérica’, unha mostra itinerante sobre a evolución da lingua e a cultura galega na diáspora nos anos da ditadura abriu este venres día 5 de outubro as súas portas no Centro de Estudos Miñoranos, de Gondomar. No acto estiveron presentes o deputado Xosé Leal Fariña, representantes do Concello; Xulián Maure Rivas, presidente do Instituto de Estudos Miñorans (IEM), e unha das comisarias da mostra, Carmen Carreiro, así como a profesora Pilar Cagiao, que realizou un relatorio sobre ‘O galeguismo no Uruguai’.
O deputado Xosé Leal explicou que o departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, organizador da mostra, decidiu levar adiante a iniciativa coa finalidade de facer unha homenaxe a todas as persoas que loitaron polo mantemento da cultura galega durante a ditadura, sobre todo na América, que foi o facho “no que prendeu a nosa lingua".

Todo iso foi recollido na mostra, comisariada por Carmen Carreiro, deseñadora gráfica e fotógrafa que desenvolveu o seu traballo no eido gráfico e deseño, e por Ramón Nicolás, licenciado en Filoloxía galego-portuguesa, profesor, escritor, crítico literario, director da colección Biblioteca das Letras Galegas de Xerais.
A exposición, composta por 13 paneis, vai percorrendo diferentes fitos históricos do exilio e o espertar da conciencia galega a través dos intelectuais emigrados, fundamentalmente en cidades significativas como Bos Aires e Montevideo. Está estruturada en tres grandes apartados: un primeiro que relaciona o exilio coa súa causa inmediata, que é a represión; o segundo apartado que corresponde á xenerosidade de América e céntrase no nacemento dos centros galegos e a súa función; e a terceira parte da mostra corresponde á relación do exilio interior co exilio exterior con especial incidencia nos programas de radio, na publicación de manifestos e na edición de libros e revistas na diáspora que serían impensables na Galicia daquel tempo.
Como actividade complementaria, hoxe tivo lugar a conferencia da profesora e investigadora da Universidade de Santiago Pilar Cagiao sobre ‘O Galeguismo no Uruguai’, e o domingo 14 ás 19 horas proxectarase "A cicatriz branca" dirixida por Margarita Ledo, unha película de xénero, feminista pero que se grava integramente e por primeira vez na diáspora e en lingua galega.
‘GalizAmérica’ iniciou a súa andaina no concello do Grove, entre o 13 e o 27 de setembro, e continuará por Gondomar, do 5 ao 21 de outubro, A Guarda do 25 de outubro ao 10 de novembro, Redondela do 15 de novembro ao 2 de decembro, e rematará en Poio, onde estará do 5 ao 23 de decembro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario