26 de xan. de 2018

NIGRÁN

A colaboración con Cemma permite a recuperación do último lobo mariño que varou nas costas galegas 

Guardesiña’ foi atopada o pasado 14 de xaneiro no porto de A Guarda con síntomas de desnutrición, deshidratación e afección respiratoria grave

A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, visitou hoxe o centro veterinario da Cemma en Nigrán no que o animal recibe tratamento no marco do convenio de colaboración entre esta entidade e a Consellería de Medio Ambiente  

O exemplar presenta unha evolución positiva e está fóra de perigo, aínda que o tempo estimado para que poida volver ao medio mariño dependerá de que recupere por completo a súa capacidade para alimentarse por si mesmo

Guardesiña, o último lobo mariño que varou nas costas galegas, xa está fóra de perigo e se recupera favorablemente antes de poder volver ao mar

Infogauda / Nigrán

 Guardesiña, o último lobo mariño que varou nas costas galegas, xa está fóra de perigo e se recupera favorablemente antes de poder volver ao mar. Así o comprobou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, quen visitou o centro veterinario no que permanece ingresado o animal en virtude do convenio de colaboración subscrito entre a Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (Cemma) e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.
 O exemplar, unha femia de 85 cm de lonxitude e 14 kg de peso, foi localizada o pasado 14 de xaneiro no porto de A Guarda (Pontevedra) con síntomas de desnutrición, deshidratación e afección respiratoria. Por este motivo, decidiuse o seu traslado inmediato á unidade de coidados intensivos que ten instalada a Cemma en Nigrán por se é necesario ingresar nun medio artificial controlado a un ou varios lobos mariños que necesiten rehabilitación.
 Tal e como explicaron os veterinarios da Cemma durante a visita, o estado de Guardesiña no momento do ingreso era moi reservado, sendo diagnosticada e tratada polo equipo veterinario dunha afección pulmonar grave e desnutrición. A evolución nos días seguintes foi positiva, mellorando o seu estado xeral ao recuperar a temperatura corporal, diminuír a afección respiratoria e comezar a alimentarse por si mesma.
 Nestes momentos, o animal mantén aínda un estado de saúde delicado pero está fóra de perigo. O máis importante agora é que recupere a súa capacidade de alimentarse por si mesmo. Este será o factor determinante á hora de tomar unha decisión sobre o seu retorno ao medio mariño, un proceso para o cal se adoita contar coa colaboración dos barcos arrastreiros para poder achegar a estes animais á súa área de procedencia.
 Durante a visita, Ana María Díaz lembrou que este tipo de actuacións son posibles grazas ao convenio que desde hai 15 anos subscribe a Consellería de Medio Ambiente coa Cemma. Precisamente, o acordo correspondente ao período 2018-2019 acaba de asinarse e contará cunha dotación económica por parte da Xunta de 80.000 € (40.000 € para cada anualidade).
 O obxecto desta liña de colaboración é garantir a asistencia axeitada, a recuperación e o estudo dos réptiles e mamíferos mariños varados no litoral da comunidade autónoma. Para logralo, existe a chamada rede de varamentos de Galicia, baixo a responsabilidade da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e en coordinación coas unidades móbiles da Cemma, que manteñen unha atención permanente dos avisos de varamentos para poder ofrecer asistencia inmediata fronte a calquera eventualidade.

 Exemplares recollidos e observados en 2018

 A tempada de lobos mariños en Galicia adoita prolongarse durante os tres primeiros meses do ano. En 2018 os avistamentos nas costas coincidiron coa chegada dos temporais. Así, o primeiro exemplar foi rexistrado en Malpica, onde baixou ata a praia pero volveu pola súa conta ao mar. Posteriormente foron rexistrados e recollidos tres exemplares máis varados en O Vicedo, Valdoviño e A Guarda, dos cales tan só sobreviviu Guardesiña; e un máis foi observado na costa de Cabo Ortegal.
 Cada ano varan nas costas galegas unha media de 280 exemplares de réptiles e mamíferos mariños, moitos dos cales están incluídos no listado de especies en réxime de protección especial e no catálogo español de especies ameazadas. A través do convenio coa Cemma, estes animais poden ser recollidos, nos casos en que sexa necesario, atendidos co tratamento veterinario máis axeitado e finalmente devoltos ao medio mariño unha vez estean preparados para sobrevivir polos seus propios medios.

 Tartaruga ‘Antares’

 En virtude do seu convenio coa consellería, a Cemma tamén intervén ante a eventual chegada a Galicia de tartarugas e outras especies de réptiles que necesiten asistencia. Precisamente, o mes pasado unha embarcación que faenaba cerca da illa Coelleira, no Vicedo, atopou unha tartaruga mariña común (caretta caretta) nun aparello de pesca a 20 metros de profundidade. O exemplar, ao que se lle puxo o nome de Antares, foi recollido con vida e trasladado ao centro de Nigrán da Cemma, onde nunca antes se rexistrara un ingreso dunha tartaruga tan grande.
 Tras recibir as primeiras atencións para a súa estabilización e realizarlle diversas probas diagnósticas, constatouse que o animal non sofría máis que consecuencias leves derivadas da súa captura. Tendo en conta as características particulares de Antares (un exemplar de 71 cm e 24 kg) e os requirimentos desta especie, o equipo técnico da Cemma decidiu trasladar a tartaruga a L’Oceanografic en Valencia, onde continuou coa súa recuperación ata que foi trasladada de novo ao medio mariño, o pasado 18 de xaneiro.

CULTURA

A Rede Galega de Teatros e Auditorios achégalle ao público de Tui seis espectáculos

Representaranse nos meses de febreiro e marzo no Teatro Municipal tudense, un dos espazos deste circuíto cultural que cofinancian a Agadic e as preto de 40 entidades locais asociadas

A carteleira inclúe música, maxia e teatro para público adulto e familiar coas formacións galegas Mamá Cabra, Culturactiva, Cayetano Lledó, Sarabela e Baobab mais a catalá Titzina Teatre

O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación desta axenda cultural 

Infogauda / Tui

 O Teatro Municipal de Tui ofrecerá durante os meses de febreiro e marzo seis espectáculos de teatro, música e maxia como escenario da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto financiado pola Xunta, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e as entidades xestoras dos seus 44 espazos asociados.
 O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación desta axenda cultural xunto ao alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín; o concelleiro de Cultura, Patrimonio e Medio Ambiente, Eduardo Martínez Freiría, e os representantes da meirande parte das compañías galegas que lle dan forma á nova carteleira da Rede Galega de Teatros e Auditorios no escenario tudense. Nel actuarán Mamá Cabra, Culturactiva, Cayetano Lledó, Sarabela Teatro e Baobab Teatro, ademais da formación catalá Titzina Teatre.

 Musical para público familiar

 A programación arrancará o venres 2 de febreiro (20,00 h.) co musical para público familiar O paxaro amigo-Músicas para a paz, de Mamá Cabra, ao que seguirá o sábado 3 (20,30 h.) La zanja, traxicomedia de Titzina Teatre que propón unha viaxe paralela entre o presente e o pasado para transportar os espectadores á época do descubrimento de América.
 Xa en marzo, será a quenda de Falar sen cancelas (venres 2, 21,30 h.), espectáculo de humor de Culturactiva que xunta sobre o escenario a Fran Rei, Isabel Risco e Pedro Brandariz; Sherlock Holmes (sábado 3, 19,00 h.), do mago Cayetano Lledó; O rei morre (venres 9, 21,30 h.), montaxe de Sarabela Teatro dirixida por Ana Vallés, e Pum, pum! (sábado 10, ás 19,00 h.), proposta de Baobab Teatro para público infantil.
 Ademais da súa oferta en rede, o Teatro Municipal de Tui ofrecerá dúas proxeccións cinematográficas os días 9 e 10 de febreiro: o filme de animación Ballerina e a longametraxe de produción galega kmaría (e os demais).

 Décimo quinto aniversario do Teatro Municipal

 Na súa intervención, o director da Agadic fixo referencia ao 15º aniversario da posta en funcionamento do Teatro Municipal, que definiu como “destino clave no Sur de Galicia dentro do eido cultural”.
 “Esta programación segue a consolidar Tui como escenario de referencia en Galicia”, asegurou Jacobo Sutil, quen enmarcou esta actividade no conxunto da programación que máis de 40 espazos de toda Galicia desenvolven como parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Como explicou, durante o primeiro semestre de 2018 este circuíto achegaralle 346 actuacións de teatro, danza, música, maxia e circo ao público de 37 concellos, cifra que supón a contratación de 106 formacións artísticas, un 90% delas galegas.
 As entradas para asistir aos espectáculos da Rede en Tui estarán á venda no despacho de billetes do Teatro Municipal desde hora e media antes do comezo da función, así como en www.culturatui.info desde unha semana antes e ata as 12,00 h. do día da representación.

A GUARDA

Curso de preparación da ESO para adultos

O persoal laboral técnico da Asociación é o encargado de impartir os diferentes ámbitos social e de comunicación xunto con unha Licenciada en matemáticas, encargada do ámbito científico-tecnolóxico
Foto: Érguete Baixo Miño

 Érguete Baixo Miño / A Guarda

 A Asociación Érguete Baixo Miño informa que se están a impartir nas instalacións da mesma, clases de preparación para as probas libres de obtención do título de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria para maiores de 18 anos da Xunta de Galicia. 

 O persoal laboral técnico da Asociación é o encargado de impartir os diferentes ámbitos social e de comunicación xunto con unha Licenciada en matemáticas, encargada do ámbito científico-tecnolóxico.  

 Esta iniciativa encóntrase dentro da carteira de servizos da Asociación e trátase do programa incorporación social e laboral o cal atópase financiado pola Consellería de Política Social, Dirección Xeral de Inclusión Social, e que en colaboración co Concello da Guarda, decídese a que persoas vai destinado o curso. 

 Hoxe en día vese de vital importancia contar co título da ESO para acceder a calquera posto de traballo polo que é unha iniciativa moi favorecedora para a sociedade e dentro das nosas accións de prevención para futuros riscos de exclusión social. 

 Trátanse dunhas probas con certa dificultade e que require dedicación por parte do alumnado pero que coa axuda da do equipo técnico pódense levar a cabo e conseguir deste xeito unha mellor situación laboral. 

 É o primeiro ano que se imparten clases para a obtención do título da ESO nas instalacións da Asociación pero unha vez valorada a boa acollida por parte dos usuarios e usuarias, valorarase realizar máis cursos enfocados na obtención do título da ESO.

A GUARDA

Comezan os programas de promoción da saúde e prevención das condutas aditivas no CEIP A Sangriña e no IES A Sangriña de A Guarda  

Deron comezo os cursos de educación e promoción da saúde así como os de prevención das condutas aditivas
Foto: Érguete Baixo Miño

Érguete Baixo Miño / A Guarda

 A Asociación Érguete Baixo Miño informa que na segunda semana do mes de xaneiro, deron comezo os cursos de educación e promoción da saúde así como os de prevención das condutas aditivas no C.E.I.P e no I.E.S A Sangriña nos cursos de 4º, 5º e 6º de Primaria así como tamén en 1º, 3º e 4º da ESO no Concello de A Guarda.  

 Por unha banda, estanse a levar a cabo os programas de Intervención Socioeducativa na Aulae Non Pasa Nada, ¿Pasa Algo? os cales se atopan financiados pola subvención da Consellería de Sanidade, Dirección Xeral de Saúde Pública, Servizo de Prevención de Condutas Aditivas e pola cota dos socios e socias. Nos cursos de 4º, 5º e 6º de Primaria traballamos as habilidades sociais e a autoestima, sen embargo, cos rapaces e rapazas de 1º e 3º da ESO fanse actividades sobre os riscos das drogas, así como actividades para que aprendan a xestionar as redes sociais. Trátanse dunhas idades moi vulnerables e de gran influencia para o seu desenvolvemento físico, psíquico e social.  

 Pola outra banda, o programa Perséfone Saúde que vai dirixido a 4º da ESO, atópase financiado pola subvención a cargo do IRPF 2017 (execución 2018). Este programa ten como obxectivo mellorar as relacións interpersoais e afectivas dos xoves, incrementar o autocoñecemento persoal e a autoestima positiva, educar nas diferenzas de xénero, así como promover actitudes de prevención de enfermidades de transmisión sexual e condutas de anorexia e bulimia.  

 Estas accións están dentro da carteira de servizos que a Asociación Érguete Baixo Miño, de maneira altruísta, ven ofrecendo desde hai varios anos no ámbito escolar e que ano tras ano ten moi boa acollida tanto nos centros educativos da comarca como por parte dos mozos e mozas aos que vai dirixido.

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO (DHF)


O MECALIA ATLÉTICO GUARDÉS RECIBE O KH-7 BM GRANOLLERS

Este sábado, día 27 de xaneiro, ás 19:00 h. no pavillón municipal A Sangriña


MOVEMENTOS SOCIAIS

A Subdelegación de Pontevedra remitiralle un informe ao Goberno para evidenciar o apoio social ao indulto para Carlos e Serafín 

Os secretarios/a comarcais da CIG, CCOO e UGT mantiveron unha xuntanza coa responsábel do organismo estatal 



Infogauda / Pontevedra

 A responsábel da Subdelegación do Goberno en Pontevedra comprometeuse onte cos secretarios/a comarcais da CIG, CCOO e UGT de Vigo a remitirlle un informe ao Executivo central no que se recollan as numerosas mostras de apoio, tanto social como institucional, á concesión do indulto a Carlos Rivas e Serafín Rodríguez. 

 O anuncio da subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana María Ortiz, tivo lugar durante a entrevista mantida onte xoves no organismo estatal a petición das tres centrais para abordar a situación dos dous traballadores vigueses condenados a tres anos de cadea pola súa participación na folga provincial do transporte en 2008. Os responsábeis sindicais denunciaron o calvario que supón para esta dúas persoas estar pendentes do ingreso en prisión dende hai anos mentres agardan a que se resolva a súa petición de indulto. 

 Segundo explica o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, a subdelegada trasladoulles que non pode solicitar o indulto porque o organismo que representa fai parte do Goberno, e a concesión deste tipo de medidas de graza é competencia do propio Goberno. “O que si pode facer, e así nolo comunicou, é enviarlle un informe ao Executivo central repasando tanto o conflito laboral polo que foron condenados como as numerosas mostras de apoio, tanto social como institucional, á reclamación do indulto”. 

 Neste senso, Gonçalves lembrou que neste tempo desenvolvéronse numerosas concentracións mensuais e varias manifestacións en solidariedade cos afectados, recolléronse sinaturas e apoio e aprobáronse por unanimidade mocións reclamando o indulto no Concello de Vigo, na Deputación de Pontevedra e no Parlamento galego. Finalmente, adiantou que os tres sindicatos continuarán coas mobilizacións até lograr que se lles conceda unha medida de graza “que é de xustiza”.  

PONTEVEDRA

A CHEGADA DA NEVE ACTIVA O PROTOCOLO DE FRÍO PARA GARANTIR A SEGURANZA VIARIA NAS ESTRADAS DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Durante a fin de semana haberá tres brigadas en alerta e outras seis en garda localizada para atender posibles incidenciasna provincia  

Nos últimos días esparexeuse sal de xeito preventivo nas zonas máis problemáticas  

Camión quitaneves da Deputación de Pontevedra
Foto: D. P.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra vén de activar o protocolo de frío para garantir a seguranza viaria na rede provincial de estradas. O deputado responsable da área de Mobilidade, Uxío Benítez, explicou hoxe que nos últimos días estase a esparexer sal de forma preventiva, realizando percorridos polas vías máis problemáticas, sobre todo nos concellos do interior e nas comarcas do Deza-Tabeirós e Condado-Paradanta. Esta fin de semana, debido á previsión de baixas temperaturas e á caída das primeiras folerpas, tres brigadas provinciais de mantemento estarán en alerta e as seis restantes en garda localizada 24 horas co fin de atender posibles incidencias.  

 En canto á maquinaria, estará operativo o camión específico quitaneves, que conta cunha cuchilla e un esparexedor de sal, no parque de Lalín. Alí tamén estará dispoñible outro camión que se poderá habilitar segundo as necesidades. Nos parques de Ponteareas e Gondomar xa se deixarán montados os complementos esparexedores e quitaneves, polo que a maquinaria estará habilitada para o momento de calquera chamada de urxencia. Na zona centro, en previsión de atender o interior da comarca de Pontevedra, tamén haberá maquinaria dispoñible, se ben, no caso de ser preciso, actuarase con empresas externas para garantir que todas as estradas provinciais estean abertas ao tráfico en condicións de seguranza viaria.   

 En canto ás provisións de sal, a Deputación iniciou o inverno cunha partida de 65 toneladas de sal das que 18 foron para o parque de Ponteareas, cinco para o de Gondomar, 12 para o parque de Pontevedra, outras 12 para Codeseda e 18 para o parque de Lalín. Estes primeiros lotes ampliáronse en función do uso e a día de hoxe hai unha ‘bañeira’ dispoñible en cada parque.  

 Segundo explicou Benítez, o protocolo por frío e neve actívase de xeito automático sempre que existe unha previsión de baixada das temperaturas, xa sexa por alerta amarela, laranxa ou vermella dende os servizos meteorolóxicos. Os percorridos preventivos das brigadas de mantemento e as actuacións por urxencia están estandarizados. Os avisos de incidencias chegan dende o 112 ao servizo de Vixilancia provincial, que advirte ás brigadas da zona correspondente a calquera hora do día, se ben tamén se reciben chamadas de representantes municipais, policías locais e incluso veciños afectados, que se unen ás incidencias detectadas polos propios servizos provinciais. No caso da existencia de neve téñense dado casos de actuacións por parte das brigadas para garantir o paso de ambulancias medicalizadas. A previsión para estes días, en calquera caso, é de relativa tranquilidade, xa que non se prevé unha vaga de frío moi intensa.

LABORAL

A CIG critica ‘Empregalia’ por converter o drama do desemprego nunha feira propagandística 

A central sindical nacionalista denuncia a grave situación laboral da comarca. Só na cidade de Vigo no último trimestre, segundo a EPA, destruíronse 2.600 postos de traballo. 


Infogauda / Vigo

 A celebración dunha nova edición da denominada Feira galega do emprego, ‘Empregalia’, na cidade de Vigo é para a CIG unha “broma pesada”. Desde a central nacionalista critican a celebración deste evento, anunciado con promesas de centenares de postos de traballo, nun contexto no que os datos da última Enquisa de Poboación Activa (EPA), referidos ao cuarto trimestre de 2017, confirman a grave situación de emerxencia social, laboral e produtiva na comarca. 

 “É indignante que ao día seguinte de que se faga publico que no último trimestre  se destruíron na cidade de Vigo 2.600 postos de traballo, teñamos que asistir unha vez máis ao espectáculo de ver como a Xunta converte o drama do desemprego e a precariedade nunha feira, nun acto de pura e dura propaganda”, denunciou o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberte Gonçalves. A central nacionalista xulga intolerábel que se “mercadee con promesas de emprego xogando coa desesperación de milleiros de persoas”.  

 Mudanza radical 

 A CIG reitera a necesidade urxente dunha mudanza radical nas políticas sociais, económicas e laborais do Partido Popular tanto na Xunta como no Goberno español. “A realidade palpábel, a que viven as persoas de carne e oso e non as estatísticas macroeconómicas é que de recuperación nada de nada, moi ao contrario. Vemos como 2017 rematou con 14.200 persoas menos traballando que as que había en 2009. Vemos como sectores chave como a industria ou a construción continúan estancados. É claro que hai que virar o rumbo completamente, porque as políticas da dereita española o único que lograron foi multiplicar o desemprego, xeneralizar a precariedade e alagar o empobrecemento”, asegura Gonçalves. 

 Gonçalves fai, ademais, un chamado expreso ás traballadoras e traballadores, e especialmente ás persoas desempregadas, a sumarse a loita organizada. “Nunca nos regalaron nada á clase traballadora, temos que conquistar o noso dereito a vivirmos dignamente do noso traballo a través da loita e da mobilización”, enfatizou. 

BAIONA

BAIONA ESTREARÁ EN VERÁN UNHA NOVA SENDA PEONIL DUN QUILÓMETRO NO CAMIÑO DA COSTA E UN MIRADOIRO EN MONTE ALTO  

Deputación de Pontevedra e Concello asinaron onte o convenio para realizar as obrasendúas estradas provinciais cun orzamento de máis de 381.000 euros  

Onte xoves finalizaron as primeiras reunións de traballo entre os concellos galegos e portugueses implicados no programa    

Carmela Silva, Ángel Rodal e Uxío Benítez trala sinatura do convenio
Foto: D. P.


Infogauda / Baiona

 O Camiño a Santiago pola costa ao seu paso por Baiona contará este mesmo verán cunha nova senda dun quilómetro de lonxitude e 2,5 metros de largo e un miradoiro no lugar de Monte Alto que permitirá gozar do valor paisaxístico da zona. Así se anunciou onte na sinatura do convenio entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Baiona, na que estiveron presentes a presidenta Carmela Silva, o deputado de Mobilidade Uxío Benítez e o alcalde Ángel Rodal. Este acordo que permitirá realizar unha actuación integral de seguranza viaria e mobilidade sostible cun investimento de 381.022,32 euros, financiados ao 80% pola institución provincial e ao 20% polas arcas locais. 

 Segundo explicou o deputado Benítez, a Deputación de Pontevedra está a desenvolver unha nova filosofía de actuación en materia de infraestruturas en toda a provincia, a Estratexia de Mobilidade 3.0, que supón “impulsar actuacións centradas nas persoas a diferencia das actuacións do anterior goberno, que só desenvolvía obras pensadas únicamente para os vehículos”. O nacionalista destacou que o obxectivo do novo goberno é conformar un contorno viario seguro e tranquilo, fomentando a convivencia entre a mobilidade peonil da veciñanza e outros sistemas de transporte nas vías provinciais.  

 No caso de Baiona, Benítez destacou que na actualidadeas estradas provinciais EP-2202 e EP-2203 que coinciden co Camiño de Santiago teñen un deseño pensado exclusivamente para os vehículos, por iso se apostou por habilitar un espazo destinado a peóns e bicicletas. “A nosa aposta é aplicar os nosos criterios de prioridade para as persoastendo en conta que neste caso concreto hai un componente dun espazo natural magnífico e espectacular, cun valor paisaxístico e turístico moi atractivo, por iso queremos impulsar non só a senda, senón todo o que hai arredor”, dixo. 

 O responsable do departamento de Mobilidade –impulsor da obra-explicou que a nova senda terá 975 metros de lonxitude e un largo de 2,5 metros, o que permitirá garantir a accesibilidade e unha mobilidade amable para a veciñanza e para os grupos de peregrinos e peregrinas que pasan polo lugar. O ámbito de actuación terá limitada a velocidade dos coches a 30 quilómetros hora, e instalaranse redutores físicos de velocidade de vehículos para calmar o tráfico de xeito efectivo. Por último, construirase un miradoiro no lugar de Monte Alto, onde se habilitarán uns bancos para poder gozar da paisaxe nunha cota de 100 metros sobre o mar con vistas á badía e á cara sur das Illas Cíes. 

 Segundo lembrou o nacionalista, levar adiante o anteproxecto elaborado pola Deputación foi moi laborioso e prolongado no tempo, xa que nun primeiro momento foi paralizado pola Dirección Xeral de Patrimonio. O departamento autonómico consideraba que a senda tiña un largo excesivo que debía ser reducido a “pouco máis dun metro”. Sen embargo, dixo Benítez, “presentamos un recurso de alzada explicando que a senda con esas características non cumpliría nin siquera a Lei de Accesibilidade e finalmente tivemos un informe positivo”, salientou. 

 Unha vez xa asinado o convenio, dixo o deputado Benítez, procederase de xeito inmediato á licitación das obras, que poderán iniciarse no verán se todos os trámites administrativos se realizan segundo as previsións. O prazo de execución das obras será de tres meses unha vez que a actuación estea adxudicada. 

 “Un antes e un despois” 

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recordou na sinatura do convenio que “nos anos 70, en épocas do desarrollismo, todo se pensaba en clave económico, en cantos rendementos económicos íamos recibir das accións que se desenvolvían, sen pensar no papel que xogan as persoas, na necesidade de construír espazos para que as persoas poidan desenvolver unha vida digna, unha vida na que o espazo non nos sexa arrebatado pola economía”. Ao respecto, Silva indicou que “cando chegamos á Deputación tiñamos moi claro a necesidade de impulsar un novo modelo en canto á mobilidade xa que o que estaba funcionando estaba centrado nos vehículos e no transporte, quitando calidade de vida ás persoas e impedindo outras oportunidades de desenvolvemento económico máis sostible e con capacidade de xerar recursos de calidade”. 

 O novo modelo de mobilidade que puxo en marcha o goberno de Carmela Silva parte da idea de que “o século XXI ten que ser o século da conectividade; o da seguridade nas infraestruturas de comunicación, xa que non podemos esquecer que a provincia de Pontevedra ten os maiores índices de sinistralidade en estradas; da mobilidade das persoas, para que poidan ocupar o espazo público algo que non está rifado co transporte; da accesibilidade universal, garantindo que as persoas con diversidade funcional e persoas maiores poidan moverse; e da sustentabilidade”.  

 A presidenta da Deputación de Pontevedra felicitou ao deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, polo seu esforzo. “No caso concreto deste proxecto de Baredo, vai marcar un antes e un despois no tratamento das infraestruturas”. Tamén recordou Silva que por este espazo transitan as peregrinas e peregrinos que van cara Santiago e puxo en valor “o crecemento exponencial do Camiño Portugués e do Camiño Portugués pola Costa, que pasou das cero ás 10.000 persoas peregrinas que temos neste momento”. Ao respecto, a presidenta provincial recordou as potencialidades “espectaculares” do Camiño para as vilas e pobos polos que discorre xa que “nos proporciona crecemento económico e a atracción dun turismo desestacionalizado”.  

 Silva enxalzou, sobre o proxecto, “o marabilloso miradoiro, desde o que case se poden tocar as Illas Cíes”, así como “a creación dun espazo no que se vai poder mover a xente e se vai poder circular con tranquilidade ao longo de case un quilómetro de percorrido”. Así, a presidenta provincial destacou que “estamos ante un proxecto de excelencia, un proxecto de todos e todas para todos e todas, un proxecto para Baiona”. Deste xeito, Carmela Silva felicitou ao goberno local “por traballar cóbado con cóbado coa Deputación de Pontevedra para conseguir que este proxecto teña todas as garantías” e fixo tamén un recoñecemento “ás comunidades de montes que permitiron que este proxecto sexa unha realidade”.  

 Finalmente, o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, definiuse como o “alcalde dun paraíso” e subliñou que a nova senda defínese como unha “unión” tanto entre Portugal e Galiza a través do Camiño a Santiago pola Costa, como dos veciños das parroquias de Baiona a Baredo, que disporán dunha nova senda segura para comunicarse camiñando e en bicicleta. Rodal destacou que a nova infraestrutura tamén será utilizada polos usuarios do campo de fútbol e subliñou que terá moito atractivo turístico.   

 O rexedor lembrou que o proxecto xurdiu cando o Concello, sabedor do potencial da zona de Monte Alto polas súas vistas sobre a badía e as Illas Cíes, solicitou unha actuación de posta en valor do lugar á Deputación, xa que está situada na beira da estrada provincial. Rodal recoñeceu que foi o propio deputado de Mobilidade quen plantexou a posibilidade de ampliar o ámbito de actuación e incluír tamén a creación da senda para mellorar a mobilidade peonil, que en breve será unha realidade. “Esta non é unha senda menor. Ten moitas posibilidades e non fai falta nin vendela. Será unha zona que vai chamar a atención”, subliñou.

PONTEVEDRA

O Partido Popular lamenta unha nova inestabilidade política interna do PSOE agora provocada pola dimisión do secretario de organización un mes despois de ter accedido ao cargo  

• Insta aos socialistas a conformarse como unha opción seria de oposición en lugar de ofrecer unha imaxe de “descomposición orgánica permanente e na cultura do enfrontamento sin senso”.  

José Alberto Pazos Couñago
Secretario de Organización do PPdeG e deputado autonómico


Infogauda / Pontevedra

 A dirección provincial do Partido Popular de Pontevedra manifesta a súa preocupación pola pobre imaxe que ofrece o PSdeG-PSOE co anuncio de dimisión feito por Andrés Díaz como secretario de Organización do partido un mes despois da toma de posesión do seu cargo tras un proceso de eleccións primarias na que decidiu incluirse na candidatura de David Regades, auspiciada por Abel Caballero e Carmela Silva.  

 “Evidencia unha vez máis que o PSOE segue na cultura do enfrontamento e da bronca sistemática a tódolos niveis, instaurada por Abel Caballero e os seus, tanto institucionais como de comportamento interno sumido desde hai anos nunha espiral sin senso que lonxe de dar resposta ás demandas da sociedade seguen inmersos en loitas fratricidas que acaban por cansar a propios e extranos”, asegurou José Alberto Pazos Couñago, Secretario de Organización do PPdeG e deputado autonómico.  

 “Observamos con preocupación este feito porque denota que o PSdeG-PSOE lonxe de supera-los seus problemas de enfrontamento interno segue inmerso nunha situación de inestabilidade constante que en nada axuda a construir unha oposición seria e dá unha pobre imaxe de descomposición orgánica permanente que en nada favorece á democracia”, indicou Pazos.  

 O dirixente do Partido Popular manifestou tamén a súa perplexidade por este feito e pola argumentación que dá o propio dimitido que asegura que abandona a súa responsabilidade porque “non compartía algunha das actuacións tomadas nin tampouco outras en marcha” o que dá boa conta da dispersión e diferencias que existen dentro do seo do Partido Socialista que “lonxe de ter superadas as súas liortas cos procesos de primarias non só as manteñen senón que as exteriorizan de xeito irreconciliable con dimisións a menos dun mes da toma de posesión dos principais cargos orgánicos”.  

 Pazos sinalou como preocupante esta situación e instou a David Regades e aos responsables do PSOE a “endereitar un rumbo que parece perdido nun proceloso mar de enfrontamentos fratricidas que en nada axudan a construír alternativas que favorezan o progreso social do noso país porque con este tipo de acontecementos dámonos conta de que non hai con quen falar porque nin entre eles son capaces de se clarexar e de construír algo positivo, desde a integración e o diálogo, só respondendo a intereses persoais e políticos cunha estreitez de miras que non se merecen Galicia e a nosa provincia. Se non capaces de gobernarse entre eles como van dirixir os designios dun país ou dunha provincia?”

LABORAL

A perda de poboación activa ameaza o mercado laboral galego: 16.300 persoas menos no último trimestre de 2017 

Os últimos datos da EPA amosan tamén un importante descenso do número de ocupados/as nese período  

Infogauda / Redacción

 A CIG ven de facer pública súa valoración dos datos da EPA. Segundo a central sindical a perda de poboación activa segue a ameazar o mercado laboral galega, até o punto de terse convertido nos últimos anos nun dos seus principais problemas. Os datos da EPA publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estatística amosan que esta tendencia non fixo máis que aumentar no último trimestre de 2017 agravouse este problema: en tan só tres meses reduciuse a poboación activa en 16.300 persoas, o que supón unha baixada do 1,3%. Ao mesmo tempo produciuse un importante descenso do número de ocupados/as, que atinxiu a 16.700 persoas neste período.

Principais variábeis básicas. Datos en miles
Total / Variación trimestral / variación anual







2016/IV
2017/III
2017/IV


Total
2.349,30
2.339,90
2.336,30
-3,60
-13,00
Activos
1.253,80
1.254,20
1.237,90
-16,30
-15,90
Poboación ocupada
1.049,60
1.072,50
1.055,80
-16,70
6,20
Poboación parada
204,2
181,7
182,1
0,40
-22,10
Inactivos
1.095,50
1.085,60
1.098,40
12,80
2,90

Fonte: EPA. INE.

 Segundo a EPA, o descenso da poboación activa con respecto ao mesmo trimestre do ano anterior foi de 15.900 persoas. Unha parte importante dos activos/as pasaron á poboación inactiva (o 78%), mentres que o resto desaparece do mercado de traballo (3.600 persoas).  

 A perda de activos/as prodúcese exclusivamente entre a poboación ocupada, xa que esta descendeu en 16.700 persoas no último trimestre (o número de parados/as medrou en tan só 400). Con respecto a hai un ano, a poboación ocupada incrementouse en 6.200 persoas.   

 No último trimestre a caída do emprego afectou a todos os sectores produtivos, destacando o sector servizos onde se estiman 8.000 ocupados/as menos. A finais de 2017 a poboación ocupada acadou a cifra de 1.055.800 persoas. 

 Por categorías profesionais, foi maioritariamente entre o poboación asalariada onde máis descendeu a ocupación (9000 persoas ocupadas menos), pero non é nada desprezábel o descenso entre a poboación empresarial, xa que a redución foi de 5.500 persoas. Todos/as os asalariados/as que perderon o emprego neste último trimestre do ano 2017 tiñan un contrato temporal e estaban contratados/as a xornada completa.  

 Como o descenso da ocupación veu acompañado dun descenso da poboación activa -é dicir, a xente saíu do mercado de traballo-, apenas afectou á poboación parada, de feito tan só se incrementou en 400 persoas, situando o número total de parados/as en 182.100 e a taxa de paro no 14,7% da poboación activa.  

 No que ten que ver coa situación económica dos fogares, foron 66.100 nos que habendo polo menos unha persoa activa todos/as os activos/as estaban parados/as, 4.400 máis que no trimestre anterior.  

 Cara á exclusión social  

 Máis alá dos datos conxunturais, que amosan unha tendencia moi preocupante, dende a secretaría confederal de Emprego e Industria da CIG inciden en que as verdadeiras eivas do mercado laboral galego teñen que ver co modelo implantado polos sucesivos Gobernos centrais de PP e PSOE nos que a precariedade, temporalidade e rotación do emprego vai camiño de converterse en estrutural. 

  Segundo denuncia o seu responsábel, Fran Cartelle, este situación está a provocar a consolidación da figura do traballador/a pobre, “até o punto de que na actualidade dispoñer dun emprego non supón necesariamente esquivar a exclusión social”. A isto hai que engadir unha cada vez menor taxa de cobertura, que xa se atopa por debaixo do 50%. Ademais, as persoas que ingresan a prestación contributiva representan unicamente un 42,34% do total. 

 Un panorama que para o secretario confederal de Emprego e Industria da CIG “non vai mudar mentres sigamos instalados na temporalidade e na precariedade que provocan as distintas reformas laborais do PP, nun modelo que pretende competir pola vía de baixar os custos de produción, reducir salarios e empeorar as condicións da clase traballadora”.  

 Na súa opinión, o único xeito de reverter esta situación e mediante un fondo cambio político que permita unha transformación das políticas económicas e sociais, “e isto só pode vir da man dun goberno que defenda os intereses da maioría social”.

MOVEMENTOS SOCIAIS

Continúa a recollida de sinaturas en apoio da ILP 'contra a eucaliptización de Galiza' 

Unhas 300 persoas pasaron pola mesa instalada onte en Vigo a interesarse pola iniciativa 

Representantes dos colectivos promotores da ILP “para a defensa do bosque autóctono e a loita contra os incendios”, coñecida como 'ILP contra a eucaliptización de Galiza'
Fotos: CIG

Infogauda / Vigo

 Os colectivos promotores da ILP “para a defensa do bosque autóctono e a loita contra os incendios” -coñecida como 'ILP contra a eucaliptización de Galiza'- continuaron onte coa recollida de sinaturas de apoio. A campaña, que se iniciou a semana pasada en Pontevedra, trasladouse nesta ocasión até as portas do mercado do Calvario, en Vigo. 


 Despois de presentar a iniciativa en rolda de prensa, representantes da CIG, Adega, Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, BNG, En Marea, Plataforma pola Defensa da Ría Vigo e o club Pena Trevinca Montañeiros de Galicia instalaron unha mesa de recollida de firmas na que dúas horas se xuntaron arredor de 300 firmas.

A GUARDA

O BNG presenta moción na Guarda contra a suba das peaxes da AP-9  

“A subida extraordinaria durante os próximos 3 anos do 3,1% para todos os tramos da AP-9, que vén representar o dobre do IPC, todo un escándalo para o BNG” 

Xan Lois Lomba Alonso, concelleiro do BNG no Concello da Guarda

Infogauda / A Guarda

 O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO presentou unha moción na que se insta a Xunta de Galiza a demandar a supresión da subida das peaxes na AP-9. Así mesmo, tamén se insta a Xunta de Galiza a que cumpra os acordos do Parlamento galego e demando Goberno do estado a transferencia da AP-9 á administración galega e a supresión do tramo da AP-9 entre Vigo e Rande.  

 O BNG lembra que o Goberno do Estado do PP, a través do Ministerio de Fomento, acaba de autorizar a Audasa unha subida extraordinaria durante os próximos 3 anos do 3,1% para todos os tramos da AP-9, que vén representar o dobre do IPC.  

 O BNG aspira a que desde Galiza se tome o control desta autoestrada para rematar coas deficiencias na súa xestión, as tarifas abusivas, os incrementos constantes e mesmo que sexa empregada como obxecto especulativo por parte de fondos de investimento dados os altos beneficios que xera a custa do peto do pobo galego.  

 “É indecente que esta infraestrutura vaia a unha concesión de 75 anos, sen poñer unha alternativa pública gratuíta, simplemente é unha chantaxe as persoas e empresas que están obrigadas a utilizar a AP-9, afectando a competitividade de concellos como o noso”, comentou Xan Lois Lomba Alonso concelleiro do BNG.  

 O BNG leva anos loitando contra o que se considera unha ultraxe ao pobo galego, onde o PSOE e o PP obraron cunha dobre moral cando ostentaron o Goberno do Estado.  

 “É indecente o que fai o PP: votar no Parlamento galego a favor da transferencia e vetala no Congreso en Madrid. De que serven estes representantes para Galiza?”, sinalou Xan. 

 O BNG - afirma Loma Alonso - seguirá loitando para que a AP-9 sexa unha infraestrutura ao servizo do pobo galego e non a grupos de investimento de risco con nomes como: CAPITAL CORSARIO.   

A GUARDA

MOCIÓN PARA QUE O PLENO DO CONCELLO DA GUARDA ACORDE INSTAR A XUNTA DE GALICIA PARA A REDACCIÓN DUN ESTUDO/PROXECTO DA SAÍDA NORTE DO PORTO DA GUARDA

 Fátima Iglesias Ferreira, concelleira non adscrita

 Infogauda / A Guarda

 A concelleira non adscrita Fátima Iglesias Ferreira, ven de comunicar a este xornal dixital que o pasado día 18 de xaneiro de 2018, C´s A Guarda rexistraba unha moción para seu debate no pleno que se celebrará hoxe venres, día 26 de xaneiro, ás 20:00 h., no Concello da Guarda e que foi asumida para súa defensa pola devandita concelleira.

 Na súa moción de C´s dí o seguinte:

 Esta formación  política, presentou no seu momento para o debate no pleno, a moción para a redacción do proxecto da saída sur do porto. Nese pleno, a moción non prosperou ó non contar co apoio de algunhas forzas políticas representadas no plenario (PSOE, PP e BNG) votando a favor desta o representante de CG e a concelleira non adscrita Dna. Fátima Iglesias quen a asumiu e defendeu no plenario.  
 Consideramos, que a zona portuaria da Guarda, leva bloqueada demasiado tempo polo mal facer dos proxectos e obras que se levan realizado no pobo, como foi no seu día a rúa Concepción Arenal, máis tarde a rúa Fernández  Albor dirección cara a Grelo, que ámbalas dúas obras que eran de dobre sentido pasaron a ser dun só, sen que con anterioridade os gobernos municipais no seu momento houbesen buscado unha solución de entrada e saída a zona portuaria, porque ademáis de afectar os mariñeiros que teñen que acceder a ela dende moitos puntos da Guarda polo seu traballo o igual que lle afecta o comercio e en especial a hostelaría, que é unha das vías de entrada económica e do turismo no concello.  

 Evidentemente esta formación política non esta en contra das obras que se poideran realizar no concello e que se financien con fondos doutras administracións plúblicas, sempre que se poña por diante, se é posible, atender as necesidades prioritarias, como sería que antes de facer por segunda vez a urbanización da rúa Concepción Arenal, se fixese con eses cartos, estando   xa asinado un convenio entre concello e a  Deputación, da saída sur da Guarda. 

 O pobo da Guarda é coñecedor de que se asinou este convenio da rúa Concepción Arenal, como que tamén se pediu unha proposta de ideas a Deputación Provincial de unha nova saída sur, que  presentaron con tres alternativas, e poñendo comoa menos factible a opción 1 desa proposta que é a que contempla o Plan Xeral de Ordenación Urbán do concello da Guardae propoñendo como posible alternativa a 2 e a 3 dese estudo, o que vai levar unha demora no tempo entre exposicións públicas, permisos, etc.   

 Considerando que e posible unha alternativa de saída e entrada norte, entre o paseo marítimo e as casas que dan o mar da rúa Malteses, o cal daría un servizo os mariñeiros, a cidadanía e persoas que se acercan o pobo da Guarda, evitando un gran tráfico rodado polo medio da vila, solicito:  

 Presentar ante o rexistro municipal do concello de A Guarda para que sexa tida en conta para o seu debate no plenario, propoñendo  a votación do seguinte punto:     

 1º.- Instar a Xunta de Galicia e a Portos de Galicia, que faga de carácter urxente, un estudo de viabilidade de entrada e saída norte, entre o paseo marítimo e as casas que dan na súa parte traseira ca rúa Malteses.  

 2º.- Que de ser factible facer este vial, que a Xunta de Galicia redacte o proxecto e adxudicación desta obra para darlle unha viabilidade a problemática que temos no porto da Guarda.     

 Na Guarda, 8 de xaneiro de 2018    

 Asdo: Rafael P. Rodríguez Amenedo  
 Coordinador Agrupación C´s A Guarda