A CHEGADA DA NEVE ACTIVA O PROTOCOLO DE FRÍO PARA GARANTIR A SEGURANZA VIARIA NAS ESTRADAS DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Durante a fin de semana haberá tres brigadas en alerta e outras seis en garda localizada para atender posibles incidenciasna provincia
Nos últimos días esparexeuse sal de xeito preventivo nas zonas máis problemáticas
Camión quitaneves da Deputación de Pontevedra
Foto: D. P.
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra vén de activar o protocolo de frío para garantir a seguranza viaria na rede provincial de estradas. O deputado responsable da área de Mobilidade, Uxío Benítez, explicou hoxe que nos últimos días estase a esparexer sal de forma preventiva, realizando percorridos polas vías máis problemáticas, sobre todo nos concellos do interior e nas comarcas do Deza-Tabeirós e Condado-Paradanta. Esta fin de semana, debido á previsión de baixas temperaturas e á caída das primeiras folerpas, tres brigadas provinciais de mantemento estarán en alerta e as seis restantes en garda localizada 24 horas co fin de atender posibles incidencias.
En canto á maquinaria, estará operativo o camión específico quitaneves, que conta cunha cuchilla e un esparexedor de sal, no parque de Lalín. Alí tamén estará dispoñible outro camión que se poderá habilitar segundo as necesidades. Nos parques de Ponteareas e Gondomar xa se deixarán montados os complementos esparexedores e quitaneves, polo que a maquinaria estará habilitada para o momento de calquera chamada de urxencia. Na zona centro, en previsión de atender o interior da comarca de Pontevedra, tamén haberá maquinaria dispoñible, se ben, no caso de ser preciso, actuarase con empresas externas para garantir que todas as estradas provinciais estean abertas ao tráfico en condicións de seguranza viaria.
En canto ás provisións de sal, a Deputación iniciou o inverno cunha partida de 65 toneladas de sal das que 18 foron para o parque de Ponteareas, cinco para o de Gondomar, 12 para o parque de Pontevedra, outras 12 para Codeseda e 18 para o parque de Lalín. Estes primeiros lotes ampliáronse en función do uso e a día de hoxe hai unha ‘bañeira’ dispoñible en cada parque.
Segundo explicou Benítez, o protocolo por frío e neve actívase de xeito automático sempre que existe unha previsión de baixada das temperaturas, xa sexa por alerta amarela, laranxa ou vermella dende os servizos meteorolóxicos. Os percorridos preventivos das brigadas de mantemento e as actuacións por urxencia están estandarizados. Os avisos de incidencias chegan dende o 112 ao servizo de Vixilancia provincial, que advirte ás brigadas da zona correspondente a calquera hora do día, se ben tamén se reciben chamadas de representantes municipais, policías locais e incluso veciños afectados, que se unen ás incidencias detectadas polos propios servizos provinciais. No caso da existencia de neve téñense dado casos de actuacións por parte das brigadas para garantir o paso de ambulancias medicalizadas. A previsión para estes días, en calquera caso, é de relativa tranquilidade, xa que non se prevé unha vaga de frío moi intensa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario