19 de dec. de 2018

SANIDADE

CIG-Saúde non recoñece capacidade de interlocución á Xerencia da EOXI de Vigo para solucionar o conflito da Atención Primaria 


 Na reunión da Comisión de Centro celebrada hoxe, 19 de decembro de 2018, CIG-Saúde manifestou á Xerencia que non eran os interlocutores válidos para negociar unha saída ao conflito da Atención Primaria. 

 CIG-Saúde ten presentado diante da Xerencia diferentes propostas de medidas a tomar que non foron atendidas e ten participando activamente nos grupos de traballo que se constituíron no contexto do Plan estratéxico, colaborando na realización dun documento que regulaba a relación entre a Atención Primaria e a Hospitalaria, sen que a Xerencia chegara a poñelo en marcha, alegando que ten até o 2021 para facelo. 

 A resposta da Xerencia diante das dimisións de Xefes de servizo e unidade que deu diante da Comisión de Centro foi tan pouco respectuosa, negando a realidade evidente da frustración das e dos Xefes dimitidos e das e dos profesionais, que a fai perder toda a credibilidade para formar parte da solución do problema. 

 A insostible situación na que se atopa a Atención Primaria da área sanitaria de Vigo, na que as médicas e os médicos de familia xa non poden dar máis de si, ten compoñentes especificos desta Área que esta Xerencia non quere recoñecer, e polo tanto non pode aportar solucións. 

 Ademais de isto, a situación require dunha resposta global ao conxunto da Atención Primaria que pasa por un compromiso político do máximo nivel para dotar de recursos humanos aos nosos centros de saúde e PACs. Non podemos continuar dependendo de listas de contratacións. Negamonos a aceptar que a solución pase pola presencia de médicas e médicos de familia en paro que agarden por unha chamada do SERGAS para traballar. A solución ten que pasar por incrementar as plantillas estables dos centros e adaptar os cupos ás necesidades reais dos pacientes, cada vez máis complexas e que precisan máis tempo. 

Chegou a hora de que a Administración asuma as súas responsabilidades de xeito inmediato.  

 O Presidente da Xunta e o Conselleiro de Sanidade teñen que asumir a súa responsabilidade e o fracaso das súas políticas sanitarias que nos trouxeron a esta situación e teñen que facer unha aposta decidida pola Atención Primaria, con medidas que permitan a dignificación do traballo das e dos profesionais, entre outras: 

Recuperar as estruturas de xestión da Atención Primaria, con capacidade de xestionar orzamento e recursos humanos.  

Incrementar o orzamento dedicado á Atención Primaria  de xeito que permita incrementar o número de profesionais con contratacións estables, cubrindo as necesidades reais con prazas estruturais e realizando unha Oferta Pública de Emprego do 100% das prazas realmente existentes, rematando cos efectos perversos da Taxa de reposición. As 57 prazas de medicina de familia ofertadas en toda Galicia son unha demostración máis da súa falta de respecto pola Atención Primaria. 

Modificar as estruturas hospitalarias para que permitan que as e os profesionais da Atención Primaria se relacionen de xeito directo cos da Atención Hospitalaria, nun espazo de coñecemento e colaboración mutua, sen barreiras e con recursos que permitan respostas áxiles que eviten as actuais demoras non asumibles. 

Dar resposta satisfactoria ás demandas das e dos profesionais dos Puntos de Atención Continuada (PACs) que levan máis de 6 meses de conflito e que, diante da pasividade da administración, teñen convocada unha folga, que non é máis que un sinal de desesperación diante da súa incapacidade para dar resposta á atención continuada, ás urxencias e ás emerxencias que se producen.  

Incrementar a capacidade docente, para o que é preciso coidar ao persoal que se dedica a formar ás novas xeracións de especialistas, así como incentivar e prestixiar este traballo.    

Vigo, 19 de decembro de 2018

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario