A Xunta de Galicia dá un novo paso de cara á declaración do Parque Nacional das Illas Atlánticas como Patrimonio da Humanidade cun Plan reitor que garantirá unha maior protección e conservación
Feijóo asevera que contará cun Plan de emerxencia e autoprotección
Destaca que a totalidade de illas que conforman o Parque Nacional –Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada— terán un límite de acceso tanto na tempada alta como na baixa
Vista parcial do arquipélago das Illas Cíes
Foto: Infogauda
Infogauda / Santiago de Compostela
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, un novo paso de cara á declaración do Parque Nacional das Illas Atlánticas como Patrimonio da Humanidade, coa ratificación do último acordo necesario para a aplicación do Plan reitor de uso e xestión que garantirá unha maior protección e conservación das illas.
Feijóo subliñou que no documento, froito do traballo de diferentes sectores, detállanse os obxectivos e criterios de xestión e establécese a normativa de protección, así como a regulación de aproveitamentos, a zonificación e as actuacións expostas para os próximos 10 anos en materia de conservación, uso público, investigación e seguimento.
Máis polo miúdo, explicou que unha das principais novidades que recolle o novo texto é que contará cun Plan de emerxencia e de autoprotección, co obxectivo de optimizar a utilidade dos recursos técnicos e humanos dispoñibles ante calquera continxencia.
No tocante aos límites de acceso e nova zonificación, o presidente da Xunta aseverou que, por primeira vez, establécese un cupo de visitantes na illa de Ons. Así, a totalidade de illas que conforman o Parque Nacional –Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada— terán un límite de acceso tanto na tempada alta como na baixa.
Cómpre salientar que a Illa de Ons, na tempada alta (Semana Santa e o período comprendido entre o 15 de maio e o 15 de setembro), contará cun cupo máximo de visitantes: 1.300 persoas ao día - 200 para grupo e a zona de acampada quedará limitada a 300 persoas diarias-. E as Illas Cíes contarán cun límite de 1.800 visitantes diarios –un máximo de 200 visitantes para grupos e un máximo de 600 campistas-.
Así mesmo, en tempada baixa tanto Cíes como Ons terán un cupo máximo de 450 persoas para cada arquipélago. Mentres que en Sálvora e Cortegada dito cupo é de 250 persoas, para cada illa, tanto na tempada alta como na baixa.
Ao longo da súa intervención, o titular do Goberno galego avanzou que outra das novidades será a implantación dunha nova zonificación do Parque, ao terse en conta a súa dimensión vertical e a profundidade das augas. Deste xeito, ademais das 5 zonas xa recoñecidas –zona de reserva, de uso restrinxido, de uso moderado, de uso especial e de edificacións existentes— crearase unha nova zonificación do medio mariño para adecuar a súa delimitación ás distintas profundidades e ecosistemas.
O documento inclúe, tamén, unha aposta decidida pola educación ambiental, fomentando os intercambios de material e experiencias con outros centros e institucións dedicados á educación ambiental. E destacou que se fomentarán actividades para a atención e integración de persoas con discapacidade intelectual, autismo, parálise ou dano cerebral, tal e como se vén facendo desde 2007 coa entidade Amicos.
Por outra banda, tamén se inclúe a regulación dos aproveitamentos pesqueiros e medidas para a eliminación de especies invasoras.
Sobre os aproveitamentos pesqueiros e marisqueiros, proponse unha regulación en consenso co sector para manter as actividades que se viñan desenvolvendo ata agora. Ademais de promover un código de boas prácticas; e de impulsar unha marca de calidade para os produtos obtidos dentro do ámbito do Parque Nacional.
Por último, o PRUX inclúe un bloque de actuación con varias liñas de traballo, que recollerán as prioridades na xestión e conservación do parque, cun orzamento anual de máis de 2,5 millóns para avanzar en distintas materias: conservación da biodiversidade e paisaxe; investigación; uso público; conservación do patrimonio cultural; mellora da sustentabilidade e a calidade de vida; e a definición dun plan de emerxencia e autoprotección e un de desenvolvemento sustentable.
O presidente da Xunta fixo fincapé en que con este plan reitor dáse un paso máis na carreira impulsada pola Xunta para conseguir que a Unesco declare este parque nacional como Patrimonio da Humanidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario