12 de nov. de 2018

TUI

O BNG organiza  unha charla sobre a  suba da luz e tarifa eléctrica 

O mércores día 14 de novembro, ás 20:30 horas, na sala Xacobeo da Área Panorámica

Carme Núñez, portavoz municipal do BNG no Concello de Tui: “A portavoz parlamentar de Industria, Noa Presas, estará  en Tui para explicarnos a nova estafa da electricidade” 

  Carme Núñez, portavoz municipal do BNG no Concello de Tui

Infogauda / Tui

 O Bloque Nacionalista Galego de Tui organiza este mércores día 14 de novembro, ás  20:30 horas na sala Xacobeo da Área Panorámica, unha charla sobre a nova suba da luz e a tarifa eléctrica.  

 Presentada pola portavoz municipal, Carme Núñez, no acto intervirá a deputada no Parlamento galego e portavoz de Industria, Noa Presas. 


 A cuestión enerxética é - segundo afirma Carme Núñez - un dos eixos da actuación política da organización nacionalista e por iso está a desenvolver actos por todo o país para explicar os beneficios que tería para a poboación e para as empresas galegas a implementación dunha tarifa eléctrica propia coa que loitar contra un fenómeno preocupante como é o da pobreza enerxética e tamén contra a perda de competitividade polos altos custos da factura eléctrica. 

 A celebración desta charla coincide cunha serie de novas prexudiciais para os intereses das galegas e galegos; en primeiro lugar, a suba na factura eléctrica xa anunciada polo Goberno e, en segundo termo, o grave conflito que está a vivir o  plantel de traballadoras e traballadores de Alcoa.  

 O BNG leva anos propondo mudanzas no sector enerxético. Hai dúas semanas, o grupo parlamentar presentou unha Proposición de lei destinada ao abaratamento do recibo da luz para persoas usuarias e empresas e a consolidar o emprego. Nela lémbrase que a factura da luz é “unha estafa colectiva” malia vivirmos nun país que produce moita electricidade, máis da que consumimos. Os últimos datos elevan ao 33% a cantidade de electricidade xerada que se transporta cara a outras zonas do Estado, nomeadamente Madrid. A proposta do BNG contempla a rebaixa do complemento do IVE do 25% ao 4%, afirma Carme Núñez.  

 Asemade Núñez indica: A Proposición de Lei do BNG nace con tres obxectivos: abaratar o recibo da luz porque dous terzos da factura dependen de decisións políticas dos parlamentos e gobernos, un novo marco na produción eléctrica que compense a Galiza polos custes sociais e ambientais na produción enerxética, e unha tarifa industrial para as empresas electrointensivas para garantir emprego”.  

 A organización nacionalista propón “unha tarifa eléctrica galega coa rebaixa das peaxes como  compensación polos custes sociais e ambientais de ser un país produtor de enerxía”. Ademáis, segundo manifestou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, Euskadi posúe unha tarifa eléctrica que permite ás empresas alí radicadas aforrar 120 millóns de euros e, polo tanto, seren máis competitivas”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario