16 de nov. de 2018

O ROSAL

O CONCELLO DO ROSAL SÚMASE O PLAN REVITALIZA PROMOVIDO POLA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

INCORPORANDO UN MESTRE COMPOSTEIRO Ó SEU PERSOAL 

Modelo de composteiro comunitario como o previsto para ser instalado no casco urbano
Foto: C. O. R.

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosa ven de sumarse a compostaxe. Con esta medida o concello da un paso máis en firme de cara a cumprir os obxectivos de reciclaxe recentemente aprobados polo Parlamente Europeo. Así, as directivas do Parlamento Europeo e Consello sitúan no eixo da actuación ós biorresiduos, unha fracción tradicionalmente esquecida pero que pola súa cantidade, aproximadamente o 42 % dos residuos xerados polos fogares galegos, e pola súa rápida degradación, deberían ser a fracción á que máis recursos se destinen para a súa reciclaxe. 

 A compostaxe dos restos orgánicos é a maneira máis sinxela e efectiva de tratar esta fracción, sendo a compostaxe individual e comunitaria as mellores alternativas para facer unha xestión de proximidade que, ademais, permiten obter un produto de valor engadido: o compost. O concello do Rosal leva apostando fortemente pola compostaxe como alternativa ós problemas que xera o actual sistema de tratamento da fracción orgánica. Así o demostran os case 400 composteiros individuais que o concello leva repartidos á cidadanía, sen custe algún, dende o ano 2011. Naquela data, o concello deuse conta de que era imposible acadar os obxectivos de reciclaxe sen atacar a fracción orgánica, un razoamento agora apoiado dende Europa. 

 O compromiso co cambio na xestión dos residuos orgánicos afianzouse na adhesión do concello ó plan Revitaliza, un plan pioneiro da Deputación de Pontevedra que leva a compostaxe doméstica e comunitaria como buques insignia. 

 O mestre composteiro que agora se incorpora no concello foi formado precisamente no plan Revitaliza, nunha titulación única en España: mestría en compostaxe. Tras desempeñar diferentes función en varios concellos da provincia para completar a súa etapa formativa, superou un segundo proceso selectivo, tamén coordinado polo plan Revitaliza, para obter a mencionada praza no concello do Rosal. 

 A incorporación deste mestre permitirá afondar máis na consecución do obxectivo fixado polo concello: desenvolver unha alternativa ó sistema actual de xestión da fracción orgánica que sexa accesible para todos os cidadáns. Así as funcións principais do mestre composteiro abarcarán dende a coordinación no reparto de novos composteiros individuais, ata a posta en marcha e control dos composteiros comunitarios que se creen para dar unha alternativa ós cidadáns nos que non sexa viable o uso dun composteiro individual.

Ningún comentario:

Publicar un comentario