2 de nov. de 2018

LABORAL

Se non se pacta un novo convenio 

O sector dos elaborados do mar irá á folga indefinida a partir do día 15 

As centrais irán ao Parlamento, farán un acto en Marín, celebrarán asembleas en todas as empresas e repartirán folletos informativos

Concentración do persoal dunha das empresa do sector
Foto: CIG

Infogauda / Pontevedra

 A CIG, CCOO e UGT acordaron hoxe en Pontevedra convocar folga indefinida no sector dos elaborados do mar a partir do vindeiro día 15 no caso de que antes desa data non se pacte un novo convenio colectivo estatal que mellore as condicións laborais das traballadoras/as. Na xuntanza mantida hoxe entre as tres centrais tamén se elaborou un calendario de asembleas en todas as empresas e decidiuse acudir ao Parlamento galego este martes para estar presentes no debate que terá lugar durante a sesión.  

 Representantes dos tres sindicatos reuníronse esta mañá para abordar a convocatoria do paro indefinido, perfilar o calendario de asembleas no sector e decidir os próximos pasos a dar ante a intransixencia da patronal á hora de pactar un novo convenio colectivo estatal que mellore unhas condicións laborais “de escravitude”. 

 Entre os acordos adoptados salientan, ademais da convocatoria de folga indefinida, o desprazamento até Santiago este martes para estar presentes na sesión parlamentaria na que se debaterá o conflito e a celebración de asembleas en todas as empresas do sector e en cada unha das quendas. Ademais, acordaron organizar un acto cos voceiros dos grupos parlamentares no Porto de Marín o próximo día 9 en apoio das reivindicacións do persoal do sector.  

 Tamén se decidiu iniciar o reparto de folletos informativos nos establecementos das grandes cadeas de distribución a partir do día 12 e intensificar a presionar sobre a Xunta de Galiza “como responsábel de que empresas con importantes subvencións públicas non amosen verdadeira vontade de negociar”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario