CULTURA
“SIGO PLANTANDO ÁRBORES”, EXPOSICIÓN DE EHLABA CARBALLO DE DIOS NA XUNTA DE GALICIA EN MADRID NO MES DE OUTUBRO
· A artista multidisplinar ourensá enche os seus cadros dunha das realidades da súa vida nesta etapa
A artista Ehlaba Carballo diante da súa obra “Esquema”
Fotos: Casa de Galicia
Infogauda / Madrid
A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu hoxe a inauguración da mostra de pintura da artista multidisciplinar e vocacional de Xunqueira de Espadañedo, Ehlaba Carballo de Dios, que baixo o título “Sigo Plantando Árbores”, ofrece unha exposición cuxos lenzos plasman unha das realidades da súa vida. Ehlaba planta árbores en sentido literal pero ademais, nesta etapa, tamén o fai nos seus cadros, enchéndoos da felicidade que isto lle proporciona.
A presentación do acto realizouna o coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez Pérez, quen o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega López.
A Sala A, no acto de inauguración da mostra de Ehlaba Carballo
Na súa intervención, Jiménez analizou as palabras do título da mostra, Sigo Plantando Árbores resaltando que a artista escribe en maiúscula cada unha, “seguramente para indicar a importancia de cada cousa”. Seguir, “indica unha perseveranza a proba de desfalecementos”, como a do home que plantaba árbores da novela de Jean Giono, que cita Xabier Limia de Gardón no prólogo do catálogo editado para a exposición. O de plantar, valorou moito esta acción, “bastaría con que ninguén destruíse xamais unha árbore na súa vida, con iso sería suficiente; para plantalas xa está Ehlaba”, que ademais leva o apelido da máis forte, o carballo/roble. E en canto as árbores, o presentador lembrou que “xa se comprobou científicamente que son moito máis intelixentes do que imaxinamos, que poden sentir dor e ter emocións, como medo, que tamén a elas gústalles abrazar, que lles encanta a compañía e tomarse as cousas con calma, como descubriu o científico Peter Wohlleven”. Neste sentido, destacou que Ehlaba é capaz de captar nas súas obras a suavidade das copas e a firmeza das raíces. “Esa lixeireza e ao mesmo tempo esa fortaleza reflíctea perfectamente Ehlaba nestes preciosos cadros de liñas tan limpas e puras, en que as árbores se mostran firmes na idea da súa contundencia como seres vivos pero ao mesmo tempo tan suaves e elegantes na forma en que se abren ao Universo, sempre querendo ir máis aló do marco que pretende limitalas, sempre rompendo as ataduras que poidan impoñerlles...”.
Pola súa banda, Ehlaba, artista muy inquieta, falou da necesidade que sempre tivo de “expresar e manifestar dalgún modo ese mundo interno que todos temos máis ou menos silenciado ou visible”, ao longo de toda a súa existencia. “Comuniqueime, construído e expresado de diversas maneiras segundo as oportunidades e/ou sucesos que a vida me vai brindando en cada momento”. O lapis e o papel foron desde nena os seus máis fieis compañeiros; “para escribir, debuxar e facer garabatos”. Sempre se sentiu atrapada por “esa sensación e son do lapis deslizándose sobre o papel en branco sabendo que o papel xamais volverá ser o mesmo”. Ou tamén por “esa visión das cores transformando o lenzo branco, construíndo algo presa ou guiada por un impulso interno, sabendo ou sen saber que está a suceder e sen importar o resultado, comprendendo ou non ese resultado, e en todo caso sen ter a máis mínima importancia”.
A razón da súa obra ten a mellor das xustificacións. “Pinto porque me fai feliz, porque cando me poño a pintar penso como cando era nena: imos xogar. Cada proxecto é un proceso interno, algo que aprender, comprender ou sanar. A miña relación cos lenzos é íntima, individual, de transvasamento, de compartir e de silencio. Escoitar o silencio, facer o xesto e sentir o baleiro. É individual e á vez colectiva, todos estamos unidos e interconectados como as raíces e as ramas das árbores, conectados a través dunha rede invisible que nos une”.
Ehlaba nesta exposición ofrece simplemente unha das realidades da súa vida. “Levo moitos anos plantando árbores físicamente e tamén pintando árbores nos meus lenzos”. Neles logra expresar conceptos como a unión e a desunión, a igualdade e a diferenza, a compañía e a soidade… “neste caso tamén quero mostrar ese intento do sistema para igualarnos, a programarnos para que todos sexamos iguais, para que sexamos números cun código de barras. Pero ese mesmo sistema sempre cometerá un erro e sempre haberá un salvaxe como Un mundo feliz de Aldous Huxley ou unha anomalía como Neo en Matrix”.
A exposición “Sigo Plantando Árbores” da artista Ehlaba Carballo de Dios poderá visitarse na Salas A e B da Delegación da Xunta en Madrid ata o 30 de outubro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas os días laborables. Domingos e festivos, de 10 a 14 horas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario