27 de set. de 2018

SANTIAGO DE COMPOSTELA

O alcalde Martiño Noriega recibirá a 43 peregrinos  que percorren o Camiño pola saúde mental

• Están a realizar tres tramos do camiño francés para chegar á capital galega mañá, venres 28 de setembro.  

• Con esta iniciativa, as persoas con problemas de saúde mental queren loitar activamente contar o estigma que sofre o colectivo.  

Saúde Mental FEAFES Galicia está a realizar por noveno ano consecutivo o Camiño de Santiago

Ana Escrigas Rodríguez / Santiago de Compostela

 Saúde Mental FEAFES Galicia está a realizar por noveno ano consecutivo o Camiño de Santiago, unha actividade na que participan 43 peregrinos entre os que se atopan persoas con enfermidade mental, monitores e un pequeno grupo de familiares.   

 O percorrido comezou onte, mércores 26 de setembro, en Salceda (O Pino) e culminará mañá coa chegada á Praza do Obradoiro arredor das 11:00 da mañá. Unha vez alí, todos os peregrinos recibirán un certificado que acredita que percorreron 28 quilómetros do Camiño de Santiago. 

 A continuación, ás 13:00, haberá unha recepción no Salón Nobre do Pazo de Raxoi por parte do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e outros membros da corporación municipal, que darán a benvida aos peregrinos. Despois, para despedir a actividade, os camiñantes gozarán dunha comida de confraternidade nun restaurante do casco histórico.  

 Os peregrinos que realizan este ano o Camiño de Santiago pertencen ás asociacións Avelaíña, Andaina, Apem e Saúde Mental Ferrol, todas elas integradas en Saúde Mental FEAFES Galicia. Ademais, irán acompañados por un grupo de usuarios dos Clubs de Ocio que ten a federación nas delegacións de A Coruña e Lugo.  

 As actividades de ocio e deporte que organizan Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, pois os seus participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro aos familiares na súa tarefa de coidadores. 

 Con esta iniciativa, Saúde Mental FEAFES Galicia quere amosar á sociedade un perfil positivo e unha imaxe normalizada das persoas con problemas de saúde mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a este colectivo. 

 Esta viaxe de tres días tamén serve para que as persoas con enfermidade mental realicen exercicio físico, algo moi beneficioso para a súa saúde. Do mesmo modo, ten un factor lúdico rehabilitador porque permite que os participantes se integren na sociedade e participen en actividades colectivas.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario