A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA DESTINA MÁIS DE 1.552.000 EUROS Á CONSTRUCIÓN DOS NOVOS LOMBOS E REDUTORES DE VELOCIDADE DO ‘PLAN MÓVESE 2’
· O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que as obras están en fase de contratación e iniciaranse en 2019
Lombo redutor de velocidade e sinalización horizontal na EP-1104 Moaña-Coiro
Foto: D. PO.
Infogauda / Pontevedra
O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vai destinar máis de 1.552.000 euros á construción dos novos lombos e redutores de velocidade do ‘Plan de Mobilidade e Velocidade Segura 2 (MÓVESE 2)’ en 38 concellos da provincia. O deputado Uxío Benítez anunciou que hoxe se aprobou a contratación destas obras en Xunta de Gobernoco obxectivo de aumentar a seguranza da rede viaria provincial.
Benítez apunta que o Móvese 2 inclúe a instalación de 358 novos elementos de calmado de tráfico que, unidos aos 638 do Plan Móvese inicial da Deputación e a todos os instalados polos gobernos municipais, sumarán un total aproximado duns 3.000 na provincia. Nesta ocasión os concellos de Rodeiro, A Estrada, Cambados, Meaño e Meis, que non solicitaran dispositivos de calmado de tráfico no primeiro plan Móvese, aproveitaron para sumarse á iniciativa provincial e facer as súas peticións, que ascenden a 50 redutores e pasos de peóns sobreelevados. Os municipios restantes repetiron solicitude para completar actuacións anteriores.
A contratación dos lombos vaise acometer en dous lotes por cuestións xeográficas: un para a zona norte da provincia (A Estrada, A Lama, Barro, Bueu, Cambados, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Illa de Arousa, Lalín, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, O Grove, Poio, Portas, Ribadumia, Rodeiro, Sanxenxo, Vilaboa e Vilanova) e outro para a zona sur (As Neves, Baiona, Cañiza, Crecente, Gondomar, Mondariz, Mos, O Rosal, Ponteareas, Redondela, Soutomaior, Salceda, Salvaterra, Tomiño, Tui e Vigo), con importes de 788.711 euros e 763.434 respectivamente. A intención é que unha vez pechados os trámites burocráticos as obras se inicien o vindeiro 2019 e se adapten á climatoloxía co fin de evitar problemas de execución polas chuvias.
O deputado de Mobilidade lembraque existe unha grande demanda de elementos de calmado de tráfico por parte dos concellos. Destacou que as peticións á Deputación incluso se manteñen despois de ter pechado esta segunda fase do Móvese, motivo polo que deixou a porta aberta a unha nova edición.
Benítez lembrou tamén que a tendencia xeral de seguranza viaria tanto no estado como no estranxeiro segue a liña de calmado de tráfico na que está a traballar a Deputación e sinalou que por iso o Móvese está a ter recoñecementos de diferentes institucións como a Dirección Xeral de Tráfico ou a Asociación Española de la Carretera, así como peticións de colaboración técnica por parte doutras administracións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario