25 de set. de 2018

A GUARDA

VECIÑOS DO ANTIGO CONCELLO DA FOZ DO MIÑO, E DE PÓVOA DE VARZIM CONMEMORARON Á FESTIVIDADE DE SANTA TREGA

· Coa delegación poveira, encabezada polo vice-presidente da Câmara Municipal de Póvoa de Varzim, viñeron os tripulantes da Lancha Poveira do Alto "Fé em Deus" 

Na festividade de Santa Trega, as mulleres son as que portan á imaxe na solemne procesión

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Nunha xornada cunha climatoloxía propia do verán, A Guarda comezou a estación do outono, conmemorando a festividade de Santa Trega, padroeira do Antigo Concello da Foz Miño, e avogada das dores da testa e do corazón, e dos doentes de cancro óseo.

 Participaron moitos veciños de A Guarda e O Rosal, así como unha delegación de Póvoa de Varzim, encabezada polo vice-presidente da Câmara Municipal desa cidade, Luis Diamantino, que tamén contou coa asistencia da directora do Museo Municipal de Etnografía de Historia de Póvoa de Varzim, Deolinda Carneiro; así como o arqueólogo municipal de Póvoa de Varzim, José Manuel Flores Gomes, e os tripulantes da Lancha Poveira do Alto "Fé em Deus", que como xa informamos noutra crónica precedente, chegaron por vía marítima o porto de A Guarda, o pasado sábado día 22 de setembro, arredor das 13:15 horas.

 O tratarse dunha romaría de orixe relixiosa, o día comezou moi cedo para moitos devotos de Santa Trega, coa subida a pé ata á ermida, rezando o Santo Rosario e facendo o Vía Crucis, e a posterior participación nalgunha das misas que foron oficiadas ás 8:00, 9:00 e 10:00 h, respectivamente. En todo caso, a misa grande, que deu comezo ás 11:00 h., e foi co-oficiada polo Reitor do Seminario Menor san Pelayo, de Tui, Fernando Cerezo García; o prior da Irmandade do Clamor e párroco de Santa María de A Guarda, Jesús García Villadóniga, e polo somasco e vigairo parroquial de Santa María de A Guarda, P. Vidal García Viajel, contou con moita participación de devotos de Santa Trega. Por esa razón, que como ven acontecendo desde fai anos, a ermida resulta insuficiente, e teñen que seguer a celebración eucarística no adro e arredores do santuario. 

 Este ano a ofrenda foi efectuada polo avogado e concelleiro da Corporación Municipal do Concello de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, que empregando nun primeiro intre, a lingua castelá, e posteriormente a lingua galega, e finalmente de novo a lingua castelá, dirixíndose a Santa Trega, dixo: "(...) hoxe, aquí e agora, desde esta atalaia natural que leva Teu nome, e baixo túa devoción, asistimos perplexos o rexurdir do constante goteo perdido daqueles peregrinos que visitaban teu amado santuario camiño da meta a Compostela.

 Señora Santa Trega, hoxe quero pedirche, unha vez máis, para A Guarda, para tódolos guardeses e para tódolos veciños, para os veciños portugueses que acollemos - e se mo permites para a miña familia e para mín mesmo -, quero pedirche o beneficio do teu amparo e intercesión. Sé a nosa cabeza e corazón (...)".

 "(...) Fai do inmenso xentío de romeiros que este ano chegamos de novo a Santa Trega  que recemos e troulemos; que festexemos con fé os crentes e con amizade e concordia os non crentes, pero que todos xuntos, con ledicia desbordante e ilusión expectante, poidamos voltar a túa Festa que é a nosa Festa, a Festa de A Guarda, no monte máis fermoso que Deus puxo e coñece a Península Ibérica e a nosa Terra Galicia: o Monte Santa Trega.

 Que así sexa".

 Asemade, en nome da Asociación Cultural de Embarcacions Tradicionais Piueiro, interviu o vice-presidente José Benito Rodríguez González, para referirse á presenza entre nós, dunha delegación de veciños de Póvoa de Varzim, cidade que comparte coa A Guarda unha antiga relación de amizade e tamén á devoción a Santa Trega, como quedou acreditado na antiga porta principal da ermida e tamén na porta lateral do norte - e nos engadimos, tamén a carón do púlpito ao aire libre -, onde os mariñeiros poveiros deixaron súas marcas, o cal se rememora tanto na portada da publicación O Poveiro, da autoría de Antonio Santos Graça, escritor e etnógrafo de Póvoa de Varzim, como na reproducción - en pedra - da devandita porta, que en homenaxe a Póvoa de Varzim, foi feita polos alumnos de cantería de un curso de Formación Ocupacional, sendo inaugurada o 23 de setembro de 1991, polo alcalde poveiro naquel entón, e Purificación Álvarez Álvarez, alcaldesa de A Guarda.

Na procesión, os tripulantes da Lancha Poveira do Alto precederon os representantes eclesiásticos e as autoridades municipais de Póvoa de Varzim e de A Guarda

 Unha vez rematada a celebración eucarística, que contou coa participación da Agrupación Coral Polifónica de A Guarda, pouco despois das 12:00 do mediodía daría comezo a solemne procesión, na que ademáis do prior da Irmandade co Clamor e do P. Vidal, participaron diversas representacions (alcalde de A Guarda, vice-presidente da Câmara Municipal de Póvoa de Varzim, alcaldesa do Rosal, membros da Corporación Municipal de A Guarda, patroa maior da Confraría de Pescadores Santa Tecla, presidente da xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común da parroquia de A Guarda,...), así como os tripulantes da Lancha Poveira do Alto "Fé em Deus", coas súas indumentarias tradicionais de pescadores poveiros, e por suposto centos de devotos de Santa Trega, procedentes das sete parroquias do Antigo Concello da Foz do Miño..

 Como ven sendo tradicional, a imaxe da virxe e mártir, discípula de San Pablo, foi portada por varias mulleres, e o prior levaba consigo o relicario de Sante Trega.

 Asemade, varias persoas, maioritariamente mulleres e nenas/os, ían ataviadas con vistosos traxes típicos galegos, e portaban varias ofrendas en especie para á posterior poxa dos froitos do agro e do mar.

 Na procesión tamén participou o Grupo de Gaitas do Club da Terceira Idade de A Guarda, dirixido por Eduardo Rodríguez Sobrino.

 Logo de retornar coa imaxe de Santa Trega á súa ermida, tódalas persoas que así o quixeron puderon bicar os relicarios do Lignum Crucis e de Santa Trega, respectivamente.

Tripulantes da Lancha Poveira do Alto "Fé em Deus", xunto o monumento en homenaxe a Póvoa de Varzim, diante da ermida de Santa Trega

 O deseguido, daría comezo no púlpito ao aire libre, a poxa dos froitos, que foi presenciada por moitas persoas, e na que houbo lotes de peixe de coiro, mariscos, froitos do agro, sobremesas,...

A poxa dos froitos estivo como sempre moi concorrida

 O remate da poxa que nos evoca unha vella tradición diezmal que provén do século XII, foi sorteada unha monumental tarta formada por roscas de diferentes diámetros, denominada regueifa, que contiña unha valiosa sorpresa. 

 O número premiado foi o 9.633.

 E logo, sen máis demora, cada familia ou grupos de amigos ou de veciños, disfrutamos do xantar ao aire libre, en diversos lugares do Monte Santa Trega. Uns directamente baixo un sol radiante, e outros protexidos por cenadores ou paraventos, xa que houbo unha oportuna brisa que logrou impedir que á néboa que arredor das 13:15 h., quixo facerse partícipe da romaría, non botase seu fresco manto por riba de todos. Dese xeito, a xornada continuaría con toda brillantez e no decurso da tarde os romeiros subiron ata o Pico de San Francisco e ata o Pico do Facho, para disfrutar das inigualables paisaxes que desde alí de divisan. 

 Houbo tempo tamén, para á música e os bailes tradicionais, animado todo elo por veciños que levaron para o monte, seus instrumentos de percusión e súas gaitas.

 Compre salientar que para non meterse na noite, os tripulantes da Lancha Poveira do Alto "Fé em Deus", logo de xantar nun dos restaurantes do Pico de San Francisco, baixaron a pé, arredor das 15:00 h., desde o monte Santa Trega, para zarpar, cunto con catro membros da Asociación Piueiro, rumbo a Póvoa de Varzim.

 Foi un verdadeiro pracer poder compartir con persoas da Póvoa de Varzim, unha data tan significativa para os veciños de A Guarda e súa contorna.

 Dese xeito disfrutamos dunha xornada moi fermosa na que todo resultou moi ben, como é costume en data tan especial para todos, continuando así unha tradición que compre conservar na súa esencia para disfrute das xeracions vindeiras.

 GALERÍA DE IMAXES

Ningún comentario:

Publicar un comentario