A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA APROBA ESTE VENRES O PROXECTO PARA REFORMAR A ESTRADA PROVINCIAL EP-5005 ENTRE CAÑIZA E POUSA
· O deputado Uxío Benítez explica que as obras teñen un orzamento que supera os 578.000 euros e un prazo de execución de catro meses
Infogauda / A Cañiza
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vai aprobar este venres o proxecto de execución da reforma da estrada provincial EP-5005 Cañiza –Pousa (PO-400), dentro do termo municipal de A Cañiza. Esta actuación do departamento provincial de Mobilidade ten un orzamento que supera os 578.000 euros e un prazo de execución de catro meses, segundo explica o deputado Uxío Benítez.
Unha vez aprobado o proxecto este venres iniciaranse os trámites da contratación, pasando á fase de licitación. As empresas interesadas en realizar a obra poderán presentar as súas ofertas e o persoal técnico provincial valorará cal é a mellor oferta económica e técnica para a adxudicación, que se poderá aprobar a finais deste ano se non se producen contratempos administrativos. Unha vez estean solucionados todos os trámites a duración dos traballos será de catro meses dende o seu inicio.
O nacionalista Uxío Benítez explica que a intención deste proxecto, que abrangue 12,3 quilómetros de vía, dende o punto quilométrico 1+100 ata o 13+400, é mellorar a seguranza viaria e peonil, salvagardando a prestación de servizo público. As obras mellorarán a plataforma da víacoa pavimentación da traza existente, dentro do dominio público viario esen ocupar outro tipo de terreos: levantarase todo o firme actual en mal estado, e aplicaranse diferentes emulsións asfálticas, regos de adherencia, mesturas bituminosas e microaglomerados que garantirán a seguridade da nova plataforma. Así mesmo, mellorarase a drenaxe da estrada, instalando tubaxes nas correspondentes beiravías. Por último realizarase o pintado das marcas de sinalización horizontal (liñas lonxitudinais, cebreados, símbolos e frechas, entre outros).
Hai que lembrar que esta actuación da Deputación foi consensuada nun encontro entre o deputado de Mobilidade Uxío Benítez co alcalde de A Cañiza, Miguel Domínguez. Entón, o rexedor indicou que o Concello realizaría tamén unha mellora das marxes do campo de fútbol que linda coa estrada provincial, xa que as instalacións deportivas están fóra do dominio público da Deputación. A intención inicial era coordinar e realizar ao mesmo tempo ámbalas dúas obras, para o que o concello debe realizar os correspondentes trámites e solicitar informe á institución provincial.
Ningún comentario:
Publicar un comentario