21 de ago. de 2018

VIGO

Catro Ventos editora presenta o “Caderno de campo das illas Cíes” na sede do Parque Nacional das Illas Atlánticas 

As illas Cíes constitúen un espazo protexido de gran beleza natural. co caderno é posible ler, ver e mesmo escoitar a súa fauna e flora nunha obra ilustrada.

 Portada do Caderno de campo das illas Cíes

Isidro Dozo Valladares / Vigo

 Con motivo do lanzamento do Caderno de campo das illas Cíes, o sábado 25 de agosto ás 12:00 terá lugar un encontro co autor. Será no auditorio do edificio Cambón, sede do Parque Nacional das Illas Atlánticas, e contará coa presenza do autor para explicar os pormenores da obra.

 O Caderno de campo das illas Cíes é unha compilación de ilustracións da natureza feitas en lapis e acuarela por José Arcas (biólogo e artista) para pór en valor o patrimonio natural das illas Cíes. A obra lévanos en catro rutas polas illas Cíes, guiadas polas acuarelas dun lagarto arnal, do corvo mariño cristado, de varias gaivotas patiamarelas… 

 A fermosa experiencia visual enriquécese ademais coas paisaxes sonoras do arquivo de Carlos Suárez, as cales permiten ao lector mergullarse na escoita do ambiente das illas. Estes arquivos sonoros están accesibles mediante códigos QR, que se poden ler co móbil. 

 O caderno está elaborado nunha edición especial trilingüe (galego, castelán e inglés) en tapa dura co lomo á vista, grazas ao apoio dos mecenas que o fixeron posible a través dunha campaña de crowdfunding levada a cabo na plataforma Verkami.

 José Arcas 


 Doutor en Bioloxía. Artista autodidacta da natureza. Nas súas obras representa as suas vivenzas no campo. Os suxeitos preferidos nas súas obras son as aves, e en concreto as especies ligadas a medios marítimo-costeiros como gaivotas e limícolas. 

 Traballa con diferentes técnicas, como óleo, acuarela, pastel, lápices de cores e linóleos. Tamén realiza esculturas de diferentes especies de fauna.

Catro Ventos editora 

 Trátase dunha cooperativa sen ánimo de lucro centrada na publicación en galego de traducións e obras de creación propia. A idea deste proceso editorial nado en 2015 e materializado en xuño de 2016 foi consecuencia da combinación de dous elementos igual de importantes: o desexo de poder desenvolver unha actividade profesional que non só sexa viable economicamente, mais tamén coherente cos principios éticos das persoas socias que participamos no proxecto; e a constatación de que existe un baleiro no mundo editorial galego nos ámbitos da economía social e da ecoloxía, malia o interese cada vez maior por estas cuestións na sociedade en xeral.

Ningún comentario:

Publicar un comentario