17 de ago. de 2018

A GUARDA

A Guarda presentou o novo deseño que lucirá o contradique de Punta Xente

· A intención inicial dos artistas Nuria Villa Vicente e Alberto Álvarez Brandon é a dar cabida ás tres parroquias guardesas: A Guarda, Camposancos e Salcidos, representando o «universo guardés» 

· A parte literaria estará representada cun fragmento do libro «De mar a mar» do poeta Feliciano Rolán


O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz e a concelleira de Cultura, Mª Elena Baz Rodríguez cos artistas Nuria Villa Vicente - a dereita da imaxe - e Alberto Álvarez Brandon - a esquerda -, na presentación do proxecto artístico «A Guarda escrita nas estrelas»
Fotos C. A. G.


Infogauda / A Guarda

 Co lema «A Guarda escrita nas estrelas» este venres 17 de agosto foi presentado ante case medio cento de asistentes o novo deseño do pintado do contradique de Punta Xenete, do Porto da Guarda, contando coa presenza do alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, a concelleira de Cultura, Mª Elena Baz Rodríguez e dos artistas Nuria Villa Vicente e Alberto Álvarez Brandon.

 Segundo explicaron Alberto e Nuria, «sempre soñamos con facer este proxecto dende que comezamos a traballar xuntos, e tiñamos claro dende o inicio que levaría o noso estilo, pensando nos veciños que o miran día a día.» Os artistas decidiron centrar este proxecto en transmitir con mensaxes directos empregando xogos de palabras e iconografías, mesturando o sentimental e o histórico, para chegar ao corazón dos guardeses e que se recorde o pasado da nosa vila nun presente que non se esqueza.

O alcalde da Guarda na súa intervención

 O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, aclarou que «con este proxecto se pretende que o espigón continúe a ser un símbolo para a vila da Guarda, traballando nun concepto que represente á xente da Guarda e que sexa tamén unha atracción turística máis, contando para a súa confección coa participación da xente da vila». 

 A concelleira de Cultura, Mª Elena Baz, explicou aos presentes que «A Guarda está viva, A Guarda é moi bonita e abrimos con este proxecto un espazo para que a xente que así o desexe poda participar na súa confección, traballando tamén cos colexios e os nenos e nenas do municipio». 

O alcalde de A Guarda e a concelleira de Cultura tamén aportaron súas respectivas colabouras artísticas ao proxecto

 A primeira tarefa foi como concretar e unir, nun lenzo tan apaisado como é o espigón, toda esa posible iconografía e que teña un sentido único. Para elo se tomou coma referencia o horizonte, onde o espigón elévase sobre o nivel do mar, decidindo crear un universo, un ceo estrelado onde a historia da vila da Guarda se amose en xeito de constelacións e planetas, empregando unha gama cromática extraída do propio entorno portuario. 


Alberto Álvarez Brandon xunto a Nuria Villa Vicente, o alcalde e a concelleira de Cultura, adiantou detalles do proxecto

 A intención inicial dos artistas é a de dividir o espigón en tres espazos, dando cabida ás tres parroquias de A Guarda, Camposancos e Salcidos representando deste xeito o «universo guardés», e onde a parte literaria estará representada cun fragmento do libro «De mar a mar» do poeta Feliciano Rolán Vicente. 

 As diferentes escalas da iconografía non buscan que se vexan perfectamente dende as beiras do paseo ou dende o alto do Monte Santa Trega, senón que a xente teña curiosidade e se achegue ata o espigón para descubrir o que alí se vai a plasmar, xerando inquietude, movemento e tamén difusión deste proxecto artístico. 

 O resultado final, fará que o espigón do Porto da Guarda sexa un museo visual no que os veciños da Guarda e visitantes vexan, recorden e interactúen con boa parte da historia da nosa vila. 

 Da potencia plástica das diferentes intervencions artísticas desenvolvidas ata agora no contradique de Punta Xenete, dan boa proba, os milleiros de fotografías que se levan tirado, e mesmo podemos afirmar que a dirección dalgún establecemento de hostalería - como por exemplo o Mesón Rías Altas, na rúa Reyes Católicos, 63, xunto a praza nova, na cidade de Granada - non dubidou en adicarlle un mural o espigón do porto de A Guarda. 

 Sobre os artistas Nuvi & éxfico 

 Ela, a artista Nuria Villa Vicente, (a) "NUVI" (O Rosal, 1980) ilustra, e él, o deseñador gráfico Alberto Álvarez Brandon, (a) "éxfico" (A Guarda), debuxa tipografías, creando traballos que os teletransportan a unha existencia plena. Despois dunha viaxe reveladora a Xapón en 2014 e como hobby aos seus traballos de fotografía e deseño para «Petit de la Crème», comparten as súas afeccións nun novo proxecto de forma totalmente manual, crean: A Guarda Souvenir Collection, como pura necesidade de crear souvenirs con paixón que representen o pobo onde viven. Ademais da súa marca de roupa éxfico clothing, comenzan a xurdir todo tipo de traballos para murais, eventos, identidades corporativas... nos que plasman a súa propia personalidade, debuxos cun aire divertido, cun toque naif e perfeccionista, ilustracións combinadas con letras, onde a mensaxe e os detalles son moi importantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario