Remataron ás visitas teatralizadas polo casco histórico da Guarda
· Con notable éxito de participación
Os actores protagonistas, Lucho Penabade e Tero Rodríguez, deron vida a dous personaxes influentes da Guarda de 1918
Foto: C. A. G.
Infogauda / A Guarda
O calendario de visitas teatralizadas polo casco histórico da Guarda rematou onte xoves congregando a máis de medio centenar de persoas por cada unha das xeiras realizadas polo casco histórico da Guarda, entre os meses de xullo e agosto.
Esta actividade na que se mistura o contido histórico, o bo facer dos actores da Compañía Os Quinquilláns e a amenización musical, participaron tanto veciños coma visitantes, integrándose e participando decididamente na actividade, dun xeito moi divertido e ameno.
Baixo o concepto “De alén mar para A Guarda” e enmarcado nas conmemoracións do I centenario da creación da xunta organizadora para a construción do Hospital Casa-Asilo da Guarda, as visitas teatralizadas deste verán tomaron coma fonte o libro “Hospital Casa-Asilo de A Guarda(1918-2018), Centenario de una institución benéfica nacida en Puerto Rico”, da autoría do historiador Joaquin Miguel Villa Álvarez (A Guarda, 1967).
Esta actividade amosou á cidadanía a nosa historia e patrimonio dun xeito ameno e diferente, conxugando a técnica teatral coa divulgación do noso pasado, involucrando aos participantes e facéndoos partícipes deste espectáculo.
As visitas, realizadas pola compañía Os Quinquilláns, percorreron o centro histórico, dende a Praza do Reló, e seguindo pola rúa Colón, rúa Baixo Muro, rúa José María Lomba Peña, rúa Malteses, para finalizar na Ribeira do porto da Guarda, congregando en total a máis de 500 participantes.
Os actores protagonistas, Lucho Penabade e Tero Rodríguez, deron vida a dous personaxes influentes da Guarda de 1918. Nese momento, coincidindo coa toma de decisión da construción do Hospital Casa-Asilo da Guarda, fermoso edificio, situado nas Coutadas, que acolle desde fai anos as instalacións do Centro Cultural, na Rúa Rosalía de Castro do municipio.
Ademáis dos actores Tero Rodríguez e Lucho Penabade, que ademáis adaptaron o texto e asumiron á dirección de cada visita teatralizada, a Compañía Os Quinquillans contou con Olga Vieites e Bety Busto (vestiario) e Borxa Ínsua (atrezzo).
A través deste fío condutor, a compañía fixo unha intensa labor de contar como foi o proceso da creación desta xunta organizadora en Puerto Rico. Pero por se isto fora pouco, o espectáculo agochou sorpresas musicais, que variaron cada xoves, participando os grupos Tremelique, Vento Mareiro, Do Lusco ó Fusco, Coiro Vello, Coro Fuscalheiro, Dani Vilanova e Na Revolta, así como tamén houbou recitais de poemas a cargo de Julia Sobrino e de Maruxo.
Esta actividade estivo subvencionada pola Deputación de Pontevedra, a través do Plan Concellos.
Tero Rodríguez e Lucho Penabade, na rúa Colón, en 2017, nas primeiras visitas teatralizadas polo casco histórico de A Guarda
Foto: Os Quinquillans
Os veciños e visitantes da vila guardesa xa tivemos oportunidade de disfrutar coa Compañía Os Quinquillans que no verán de 2017 desenvolveron no noso municipio as primeiras visitas teatralizadas polo casco histórico guardés.
Baixo o lema Desde A Guarda para alén do mar, foi todo un agasallo coñecer a señorita Rosario García e o Sr. Mariñas.
O Sr. Mariñas, segundo afirmou tiña por encargo filmar a vida cotiá dos nosos veciños (argaceiras, redeiras, pescadores, labregos,...) para remesar as imaxes as Américas, como agradecemento a tantos indianos que desde alén mar, contribuiron a modernización do noso pobo.
Desde A Guarda para alén do mar foi unha homenaxe aos comezos da cinematografía, que no noso pobo tivo como pioneiro do cinema o relembrado fotógrafo Joaquín García Portela "Costiña".
Ningún comentario:
Publicar un comentario