SANIDADE
CIG-Saúde
esixe a completa integración da Resonancia Magnética, xestionada por Galaria, na EOXI de Vigo
Máxime
cando o propio Xerente do SERGAS ten recoñecido que os equipamentos que utiliza
GALARIA son propiedade do SERGAS e as probas diagnosticas quen as fai é persoal
estatutario.
A
integración funcional posta en marcha no ano 2016 non está a permitir unha
verdadeira integración da labor asistencial.
As consecuencias desta falta de integración xa comeza a afectar, dun xeito
pouco tolerable, ás persoas citadas para realizar determinadas exploracións
radiolóxicas. O martes 5 de xuño, pacientes citados, e con meses de espera,
non foron atendidos polos profesionais que tiñan asignados, como consecuencia
da negativa de GALARIA a asumir exploracións que non sexan Resonancias
Magnéticas.
A
non integración real consolida a permanencia do modelo organizativo e retributivo de GALARIA, no que se paga por informes radiolóxicos
efectuados (isto pode ser unha parte da explicación do elevado número de
Resonancias Magnéticas que se fan na nosa área en comparación con outras
equivalentes) en oposición ao modelo de prestación da sanidade pública, guiado polo
interese público, no que está previsto facer máis cousas que informes:
· Xustificación da exploración: indicar a exploración máis
adecuada, falar co facultativo solicitante, recitar ao paciente se se decídese
realizar outra técnica.
· Codificar e planificar o estudo para que se realice da mellor
forma para o paciente aportando a maior información posible.
· Ter en conta parámetros que permiten mellorar a
confortabilidade e trato humano ao paciente.
· Elaborar protocolos técnicos: actualización continua, probar
e implantar e implementar novas tecnoloxías.
· Valorar a calidade do informe radiolóxico e non só o tempo
empregado en facelo.
· Elaboración de guías clínicas que faciliten o proceso
radiolóxico.
· Promover proxectos de investigación a pé de máquina que
permitan o avance científico e mellorar a atención ao paciente.
· E moitas máis…
A día de hoxe (ou de xa hai anos) os servizos de diagnóstico
por imaxe non se organizan en base ao uso dunha determinada tecnoloxía, senón por órganos e sistemas, tendo as e os
profesionais a posibilidade de aplicar diferentes técnicas diagnósticas sobre o
mesmo paciente e poder facer un informe integrado que aporte máis valor para o diagnóstico.
A reactivación dunha Área
de Servizo Compartido de Diagnóstico por Imaxe, creada por resolución do 19
de abril de 2002, que non tivera actividade até o de agora, non permitiu dar pasos adiante na
integración, xa que non parece que a Consellería de Sanidade, diante das
dificultades postas por Galaria, faga valer que Galaria é un medio creado pola propia administración e que debería estar ao
seu servizo, e a súa existencia non é un fin en si mesmo, senón que debería
estar condicionada á función que
desempeña.
Que ten pensado facer a
Xerencia da EOXI de Vigo? O Xerente é o
responsable de garantir unha atención de calidade á súa poboación asignada.
Que pensa facer a Consellería
de Sanidade?
O Conselleiro é o responsable último de manter esta situación, unha completa
anomalía na sanidade pública galega, que, unha vez máis, é tolerada en Vigo.
CIG-Saúde reclama a integración
total, non so funcional, da Resonancia Magnética, xestionada por Galaria, na
EOXI de Vigo,
e esixe que isto se faga respectando os dereitos do
conxunto das e dos profesionais, tanto de GALARIA como da EOXI de Vigo, pero os
intereses derivados da actual estrutura organizativa e laboral de GALARIA non
pode antepoñerse aos intereses das e dos doentes atendidos na nosa área
sanitaria.
Vigo, 6
de xuño de 2018
Manuel
González Moreira
Secretario
Comarcal CIG-Saúde Vigo
Ningún comentario:
Publicar un comentario