6 de xuño de 2018

MADRID

A artista afincada en Galicia desde 1991 ofrece nesta exposición unha selección de paisaxes e libros intervidos de poetas como Vicente Araguas, Luz Pozo  Garza, Lois Pereiro ou César Antonio Molina  

A DELEGACIÓN DA XUNTA EN MADRID/CASA DE GALICIA ACOLLE EN XUÑO A MOSTRA “A MIRADA EXTENSA”  DE ISABEL PINTADO   

A artista Isabel Pintado entre unha das súas paisaxes e un libro intervido
Fotos: Casa de Galicia 

Infogauda / Madrid

 Desde onte e ata o día 29 deste mes, as salas A e  B da Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acollerán a mostra “A mirada extensa” cunha selección de paisaxes e libros intervidos de Isabel Pintado, artista madrileña licenciada en Belas Artes pola Universidade Complutense con Mención de Honra na especialidade de Gravado, afincada desde 1991 en Galicia, onde reside e desenvolve o seu labor profesional e creativo. A obra de Pintado chega a Madrid formando parte dun novo proxecto cuxas paisaxes evolucionaron e deixan atrás etapas de realismo para adentrarse no eido da abstracción máis pura, reflectindo a pegada que deixan na memoria unha vez contempladas; xunto con preto dunha trintena de libros intervidos de autores como Vicente Araguas, Luz Pozo  Garza, Lois Pereiro ou César Antonio Molina. 

Paco López-Barxas, Ramón Jiménez e Isabel Pintado no acto de inauguración da mostra


 No acto de inauguración participaron o coordinador de Actividades da Casa Ramón Jiménez, -quen o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid José Ramón Ónega-; o escritor e crítico Paco López-Barxas e a propia artista e docente, Isabel Pintado. Nas súas palabras, Jiménez explicou que a obra lle suxire “a delicadeza do encaixe da escuma de mar”, mantendo o ronsel de Aquilino Iglesia Albariño, e lembrou que a pintora expuxera na Casa en 2006. “É unha satisfacción comprobar que unha ducia de anos despois a súa pintura continúa cabalgando polo ilimitado territorio da arte, da que obtén, coma se dunha inmensa mina se tratase novas paisaxes, cada unha cunha pebida -un corazón- de poesía”, dixo. 

 López- Barxas sinalou que ante a fascinación que produce a obra de Pintado “un sente a necesidade de interpretar o seu segredo que non é exclusivamente estético. Refírome á súa pintura como exploración do espazo e procesos de coñecemento a través da natureza; unha meditación sobre a paisaxe a pequena e gran escala, na que a artista recala e recrea a súa mirada extensa”. A proposta de Isabel Pintado é “pródiga nunha natureza luminosa, que alcanza nas súas paisaxes as pinceladas máis líricas; unha sorte de procura e reflexión na que -como ben dixo o pintor romántico alemán Otto  Runge-  todo conduce necesariamente á paisaxe. E faino cunha rica variedade de rexistros plásticos no manexo dos recursos que lle permite o óleo e a pintura acrílica”. As sensacións que transmiten as obras de Pintado van “desde a peculiar abstracción do xénero, ata as sensacións de liberdade e benestar na contemplación dos seus horizontes de mar en calma e campo aberto”, sinalou Lopez- Barxas. 

 Pola súa banda a artista, tras os agradecementos, comentou que as súas creacións xorden dun proceso de inmersión na paisaxe que sempre estivo presente no seu traballo. Explicou que hai anos a paisaxe aparecía na súa obra “de maneira secundaría, a modo de escenografía, de transfondo do que protagonizaba o cadro, quedaba como un actor extra”. Aos poucos foi evolucionando pasando a ser o elemento fundamental, “o que existe en por si”, despois dun proceso de abstracción chegou a ser o que “evocaba, suxería, emocionaba  e plasmaba  un instante”. Ese proceso de interiorización da paisaxe foi lento. Iniciouno nun traballo que expuxo en 2014 baixo o título de Paisaxes en tránsito (o efémero e transitorio) e así chegou ata o actual, A mirada extensa a déala "-abstracción", influenciada pola lectura poética unida á observación da natureza inmensa, detida no tempo.  

 Engadiu que lle interesaron moito a luz, a visión do espazo aberto, que se estende ao longo do lenzo, como elementos a representar, sempre, fóra da realidade. "Murmurio ámbar" ou " Cómaros verdes", en alusión á obra de Aquilino Iglesia Alvariño que preside a mostra na Casa de Galicia, son un exemplo.  

 “Pintura e poesía, dous mundos relacionados e que flúen paralelos. A través da lectura e comprensión poética xorden imaxes de gran plasticidade, por iso comecei hai uns anos a intervir libros de poesía”. Empezou todo cando o fixo para algúns amigos e amigas poetas. “Nestes libros debuxo, curto, pinto, pego, ato.... de maneira que quedan personalizados a través da interpretación do seu contido. O libro deixa de ser unicamente un contedor de palabras co seu significado e pasa a ser un obxecto distinto, que vai máis aló da súa función, un diálogo entre poesía e plástica”. 

 No 2016 Isabel Pintado realizou unha exposición itinerante, A cara oculta dos versos, polas bibliotecas de Galicia cunha selección de 23 pezas de grandes poetas galegos, unha colección que foi medrando, e seguirá aumentando, polo que na Casa ofrece unha coidada selección destes "librosmundo".   

 A mostra de paisaxes e libros intervidos de Isabel Pintado poderá visitarse na Salas A e  B da Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia ata o 29 de xuño,  en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas os días laborables. Domingos e festivos, de 10 a 14 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario