7 de xuño de 2018

OURENSE

O Premio de poesía "Florencio Delgado Gurriarán" pon en valor a figura do intelectual valdeorrés e achega a súa obra á sociedade

· As bases do certame foron presentadas hoxe no Pazo Provincial, coa participación de Manuel Baltar, os alcaldes do Barco, A Rúa e a Veiga; o presidente do Instituto de estudos Valdeorreses e a directora do proxecto "As letras de Florencio".  

· O presidente da Deputación de Ourense reivindicou para Delgado Gurriarán, "un dos grandes da nosa cultura, o merecido recoñecemento de que se lle dedique o Día das Letras Galegas", destacando a "indubidable pegada que deixou na nosa lingua e na nosa cultura".

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe no Pazo Provincial xunto aos alcaldes do Barco de Valdeorras, A Rúa e A Veiga, Alfredo García, Luis Fernández e Juan Anta, respectivamente; e acompañado polo presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses, Aurelio Blanco, e pola directora do proxecto "As letras de Florencio", Débora Álvarez, o I Premio de poesía "Florencio Delgado Gurriarán

Foto. D. OU.

Infogauda / Ourense

 O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe no Pazo Provincial xunto aos alcaldes do Barco de Valdeorras, A Rúa e A Veiga, Alfredo García, Luis Fernández e Juan Anta, respectivamente; e acompañado polo presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses, Aurelio Blanco, e pola directora do proxecto "As letras de Florencio", Débora Álvarez, o I Premio de poesía "Florencio Delgado Gurriarán, un galardón que ten como obxectivo mesturar a poesía de Delgado Gurriarán coa nova poesía, promover a creación poética achegándoa a todos os públicos e seguir promovendo a importante figura deste intelectual valdeorrés.  

 Manuel Baltar afirmou que estamos a falar "de reivindicar a figura, o legado, a traxectoria e a obra dun dos grandes das nosas letras e a nosa cultura: Florencio Delgado Gurriarán, un intelectual, que, como dixemos en Córgomo cando hai meses lle demos a saía á iniciativa que ten que levar ao recoñecemento oficial para que o Día das Letras Galegas lle sexa dedicado a Delgado Gurriarán, a súa vida é un exemplo de compromiso cultural e mesmo político -estivo no exilio en México, onde fundou a revista "Vieiros"-, é dicir, a súa historia e sobradamente coñecida pero necesitamos seguir poñendo en valor a súa obra, por iso agradezo aos alcaldes, concellos e institucións que desde o primeiro momento se sentiron identificados con este proxecto, que non rematará cando se lle recoñeza co Día das Letras Galegas, senón que continuará, porque a pegada que deixou Florencio Delgado Gurriarán dentro da nosa lingua e a nosa cultura é indubidable e por iso merece todo o noso apoio e recoñecemento", expresou o presidente do goberno provincial.  

 Precisamente, o premio que hoxe se presenta "ten moito que ver con esa figura dun Florencio Delgado Gurriarán completamente actualizado, promovendo para elo dentro do proxecto "As letras de Florencio" este galardón de poesía aberto a todos os públicos porque así é o legado de Delgado Gurriarán, un regalo de intelectualidade para todos", expresou Baltar, quen definiu ao intelectual valdeorrés como "cantor de Galicia e defensor da galeguidade", destacando a importancia "de relanzar a figura deste insigne poeta e galeguista para que a súa obra siga viva". 

 Débora Álvarez, directora do proxecto "As letras de Florencio", iniciativa que ten como obxectivo o desenvolvemento de actividades para potenciar a figura do intelectual valdeorrés, entre as que destaca conseguir que Delgado Gurriarán sexa homenaxeado no Día das Letras Galegas, dixo que o premio que hoxe se presenta "créase porque sabiamos do valor importante que tivo Florencio como axente e dinamizador cultural, tanto en Valdeorras como en México, e sabiamos que poñer en marcha unha plataforma onde os novos creadores tivesen unha voz individualizada e puidesen ter proxección, sería do gusto do autor".  

 En canto ás bases do premio, a directora do proxecto explicou que "non se trazou unha temática obrigada, porque a poesía debe ser libre". Os únicos requisitos son que os textos "deben estar escritos en lingua galega e non deben exceder os 300 versos", detallou Débora Álvarez, quen engadiu que o certame ten un único galardón "porque queremos individualizar o noso apoio nun só creador, cun premio único de 3.000 euros, ademais da publicación das obras dos cinco finalistas e mais unha pequena escolma da obra de Florencio. Trátase de unificar a nova poesía coa poesía de Florencio, e que sexa esa publicación a que poidamos levar ás bibliotecas públicas e aos centros escolares". 

 O premio resolverase o día 29 de setembro, e esa fin de semana desenvolveranse actividades para levar a Florencio e á poesía polos concellos da comarca de Valdeorras. O nome do premiado farase público no pobo natal de Florencio e a gala do premio terá lugar no centro cultural "Avenida" da Rúa.  

 "As letras de Florencio", proxecto no que enmarca o premio de poesía, é un traballo coordinado dos concellos do Barco, Carballeda, Rubiá, Vilamartín, A Rúa, Petín, Larouco, A Veiga e O Bolo co apoio da Deputación de Ourense, co fin de crear liñas transversais de traballo entre todos os sectores sociais, culturais e empresariais da contorna, cooperando para elo coas empresas culturais e de maneira especial co Instituto de estudios Valdeorreses e a Asociación de Amigos del Museo.  

 Florencio Delgado Gurriarán naceu en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) en 1903 e finou en Fair Oaks (Estados Unidos) en 1987. Licenciado en Dereito, exerceu como avogado no Barco de Valdeorras. En 1933 ingresou no Partido Galeguista. Trala Guerra Civil marchou como exiliado a México, país no que se estableceu definitivamente, aínda que realizou varias viaxes a Galicia: en 1968, 1976 e 1981. Foi un dos fundadores da revista "Vieiros" e membro correspondente da Real Academia Galega. A súa obra intégrana os libros: Bebedeira, 1934; Galicia infinda, 1963; Cantarenas. Poemas (1934-1980), 1981; O Soño do Guieiro, e Opúsculos de poesía, 1986.

Ningún comentario:

Publicar un comentario