19 de xuño de 2018

O ROSAL

O BNG do Rosal pide á alcaldesa do Rosal que esixa o mantemento do Centro de Saúde de San Miguel tras a xubilación da médica titular 

Ánxela Fernández, portavoz do BNG do Rosal

BNG / O Rosal

 Desde o BNG do Rosal queremos amosar publicamente o noso recoñecemento á médica Berta Gontán Álvarez por todos estes anos de traballo e adicación en prol dos veciños e veciñas do Rosal como médica no noso pobo. Desexámoslle o mellor neste novo camiño que comeza. Diante da xubilación de Berta, solicitamos á alcaldesa do Rosal, Mari Carmen Alonso, que se garantice a viabilidade e continuidade do funcionamento do Centro de Saúde de San Miguel de Tabagón así como os seus profesionais sen ningún tipo de excepcionalidade nin reaxuste de persoal sanitario temporal nin permanentemente.  

 Cremos que o goberno municipal debería rectificar e confirmar de xeito contundente á veciñanza do Rosal e ós mil seiscentos usuarios do Centro de Saúde de San Miguel que non haberá, tal e como informou o Concello nunha nota de prensa recentemente, ningún reaxuste de persoal sanitario na época de verán, incluíndo ós pacientes no Centro de Saúde do Rosal. Non hai ningún motivo que xustifique un reaxuste co consecuente deterioro do servizo de xeito temporal nin permanente. 

 Para o BNG do Rosal a Sanidade é un dereito que debe ser prioritario e de calidade. Lembrámoslle á alcaldesa que xa non é a primeira vez que, cos veciños e veciñas, tivemos que denunciar o empeoramento do servizo neste Centro de Saúde polas políticas de recortes do PP, afirma a portavoz do BNG do Rosal Ánxela Fernández.

Ningún comentario:

Publicar un comentario