3 de xuño de 2018

GALICIA

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda clausurou a XVIII Asamblea General de Socios da Asociación Gallega de la Empresa Familiar  

ETHEL VÁZQUEZ SALIENTA QUE OS INCENTIVOS DA XUNTA EN MATERIA DE SOLO EMPRESARIAL PERMITIRON ADXUDICAR MÁIS DE 1,1 MILLÓNS DE METROS CADRADOS DE SOLO INDUSTRIAL, O 40% DA SUPERFICIE DISPOÑIBLE EN 2015  

• Vázquez Mourelle destaca que a Xunta eliminou os impostos autonómicos pola compravenda de solo industrial que está en mans dalgunha administración pública, cunha dedución do 100% na cota do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados 

• Sinala que no 2017 a Xunta foi Administración que máis obra contratou en Galicia, por riba do Estado, do conxunto dos concellos e das deputacións 

• Concreta que os orzamentos da Consellería de Infraestruturas e Vivenda para 2018  permitiron unha subida notable, en concreto, un 16,5% de incremento que supón 60 M€ máis cos que se chegan aos 424 M€ 

• Subliña que ao igual que se fai desde a empresa familiar, a Xunta aposta por crear emprego e riqueza en Galicia  

Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Vivenda

Infogauda / Santiago de Compostela

 A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, salientou que as políticas da Xunta en materia de solo empresarial permitiron adxudicar máis de 1,1 millóns de metros cadrados de solo industrial en Galicia, o que supón preto do 40% da superficie para a venda dispoñible en 2015, acadando os niveis de venda previos á crise.    

 Vázquez Mourelle clausurou o venres a XVIII Asamblea General de Socios da Asociación Gallega de la Empresa Familiar,  e na mesma referiuse ás medidas activadas desde a Xunta para a potenciación da política industrial e favorecer a implantación de novas empresas, así como do impulso das infraestruturas e o fomento de investimentos “que buscan construír unha Galicia mellor para as persoas e tamén para as empresas”, remarcou.   

 No repaso das medidas levadas a cabo polo seu departamento, subliñou que, desde o pasado 1 de xaneiro, a Xunta eliminou os impostos autonómicos pola compravenda de solo industrial que está en mans dalgunha administración pública, cunha dedución do 100% na cota do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados que tamén se aplica nos actos de agrupación, agregación segregación e división que se efectúen sobre o solo empresarial.   

 Medidas, explicou, que teñen como claro obxectivo poñer no mercado parcelas que están sen utilizar e facilitar a posta en marcha de novas actividades empresariais e ás que se engaden as bonificacións no prezo do solo empresarial, do 30 ou do 50%, e que están habilitadas desde o ano 2015, con bonificacións por importe de más de 26 millóns de euros.   

 A conselleira de Infraestruturas e Vivenda tamén falou do crecemento constante nestes últimos anos das inversións do Goberno galego e do seu departamento, sinalando que no 2017 a Xunta de Galicia foi a Administración pública que máis obra contratou, por riba do Estado, do conxunto dos concellos e das deputacións. Engadindo que dentro da Xunta, o seu departamento licitou practicamente a metade, con máis de 100 millóns de euros.  

 Concretou neste ano se seguirá polo mesmo camiño, dado que os orzamentos da Consellería de Infraestruturas e Vivenda para 2018 permitiron unha subida notable, en concreto, un 16,5% de incremento que supón 60 M€ máis cos que se chegan aos 424 M€.    

 A titular de Infraestruturas lembrou ademais que no primeiro trimestre, o Goberno galego triplicou a licitación con respecto ao primeiro trimestre do ano anterior, superando os 100 millóns de euros, correspondendo á consellería de Infraestruturas e Vivenda preto do 50% do total.    

 Ethel Vázquez fixo tamén un percorrido polos proxectos nos que se está a traballar desde o seu departamento, como as asistencias técnicas e dirección de obra das Estacións Intermodais de Santiago e Ourense, as infraestruturas para vertebrar o territorio, como a autovía do Morrazo, ou o desdobramento do corredor Nadela-Sarria, que hoxe mesmo se saca a información pública.    

 Tamén referiu os contratos para o deseño do Plan de Transporte Público de Galicia que, no horizonte de 2019, estarán en marcha en toda a Comunidade, así como as actuacións en vivenda pública de promoción pública, ao que este ano o departamento de Infraestruturas destinan 7 millóns de euros, e que están permitindo avanzar nos proxectos de Vigo, Ourense, Santiago, ademais da construción das 40 vivendas do ofimático, na Coruña.   

 Licitacións e proxectos para os que o seu departamento, segundo abundou, conta co saber facer de empresas e de profesionais galegos, ao contar Galicia con profesionais especializados e con empresas de transporte, empresas construtoras, de enxeñería e consultoría, moitas delas empresas familiares,  cunha grande experiencia acumulada. 

 Neste senso, rematou, a Xunta -ao igual que se fai desde a empresa familiar-, aposta por crear emprego e riqueza en Galicia e facer posible que aquí se continúe contando cos mellores profesionais da obra pública.

Ningún comentario:

Publicar un comentario