O MUNICIPIO PORTUGUÉS DE VILA NOVA DE CERVEIRA ACOLLE A EXPOSICIÓN SOBRE O CONCURSO DE IDEAS PARA CONSTRUCIÓN DUNHA PONTE PEONIL NO RÍO MIÑO
Despois do seu paso polo veciño país, a mostra visitará os colexios de enxeñería de camiños e de arquitectura de Galicia
A biblioteca municipal de Vila Nova de Cerveira é o espazo elixido para acoller a exposición
Foto: D.P.
Infogauda / Vila Nova de Cerveira
A exposición da Deputación de Pontevedra que da a coñecer os 24 proxectos presentados ao Concurso internacional de ideas para a construción dunha ponte peonil que unirá o Parque do Castelinho e o Espazo Fortaleza chegou hoxe a Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira. Esta mostra itinerante, froito do enorme interese espertado entre o público polo proxecto, visitará a continuación sé do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, en Coruña, e no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, en Vigo.
A biblioteca municipal de Vila Nova de Cerveira é o espazo elixido para acoller a exposición, que estará aberta ao público até o vindeiro 8 de xuño. O horario de visita é de luns a sábados, das 9:30 ás 13 horas e das 14:00 ás 18 horas, os luns só en horario de tarde e os sábados só no de mañá.
O deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez vén de destacar a relevancia técnica das propostas que participaron no concurso así como a diversidade de países e enclaves dende os que chegaron, motivos que impulsaron a posta en marcha desta exposición. Tras a resolución do Concuso de internacional de ideas, agora ábrese unha segunda fase do proxecto, de maior complexidade, e na que as tres propostas finalistas, ‘Raia’, de Álvaro Siza e Jorge Amorim Nunes da Silva; ‘Caminho do rio’ de JavierZubia e Paula Teles, e ‘Una línea sobre el Miño’ das sociedades Burgos & Garrido e Bernabeu Ingenieros; participan nun negociado coa Deputación de Pontevedra que se espera que se resolva á altura do verán.
O concurso internacional de ideas está incluído dentro do proxecto europeo de cooperación transfronteirizaVisit Rio Minho, cofinanciado polo Interreg, que ten por obxectivo a posta en valor dos recursos endóxenos do río Miño. A fin última da construción da ponte é a de “crear un parque transfronteirizo” e “un espazo urbano único de xestión común entre os dous concellos”, segundo explicou o deputado.
A creación da nova ponte internacional enmárcase dentro da acción ‘Cualificación e promoción do parque transfronteirizoCastelinho-Fortaleza’, do proxecto VISIT RIO MINHO, promovido conxuntamente pola Deputación de Pontevedra, a CIM Alto Minho, a Fundación CEER, o Centro Tecnolóxico do Mar, a Universidade de Vigo e os municipios do norte de Portugal. VISIT RIO MINHO está cofinanciado ao 75 % por fondos FEDER da UE a través da convocatoria INTERREG V-A POCTEP 2014-2020 e ten por obxectivo a cualificación e valorización ambiental dos recursos endóxenos do territorio do Miño e a súa promoción como destino ecoturístico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario