24 de abr. de 2018

MOBILIDADE

BENÍTEZ DEFENDE A PRIORIZACIÓN DAS PERSOAS NOS ESPAZOS PÚBLICOS E NAS ESTRADAS NO SIMPOSIO DA ‘ASOCIACIÓN ESPAÑOLA DE LA CARRETERA’ EN VALENCIA

O deputado de Mobilidade destacou que as administracións locais deben adaptar os seus proxectos a usuarios e usuarias e ao territorio en lugar de deseñar vías para “chegar máis rápido” 

Previamente á súa intervención no simposio, no que están presentes funcionarios, políticos e empresas de máis de 200 entidades e administracións, o nacionalista asistiu á recepción que ofreceu o presidente da Diputación de Valencia, Jorge Rodríguez Gramage, aos deputados de infraestructuras de Valencia, Castellón e Alicante, onde debatiron sobre os puntos comúns e diferencias de cada provincia.
Fotos: D. P.

Infogauda/ Valencia

 O deputado provincial de Mobilidade Uxío Benítez defendeu hoxe en Valencia a necesidade de que os gobernos provinciais e locais prioricen ás persoas á hora de deseñar e mellorar os espazos públicos e as estradas. Así o manifestou no seu relatorio sobre ‘As prioridades de acción nas deputacións xestionando estradas locais’ que se celebrou esta tarde no 24º Simposio de Vías y Obras de las administraciones locales’ organizado pola Asociación Española de la Carretera. 

 Benítez participou nunha mesa redonda xunto aos deputados das áreas de infraestruturas e estradas de Valencia, Alicante e Castellón, no marco das sesións sobre ‘A estrada como servizo ao cidadá: retos e esixencias’. Comezou a súa intervención asegurando que as administracións deben garantir o dereito das persoas á mobilidade “porque as estradas non deben ser un fin en si mesmo, senón un medio para permitir os desprazamentos”, e afondou na idea de que nas estradas locais existen outros usuarios ademais dos coches, que son as persoas sobre todo en ámbitos como a franxa atlántica galega, cunha grande dispersión de poboación.  

 “Na mobilidade hai que ter en conta ás persoas, pero sobre todo a aquelas que son máis vulnerables: aos nenos e nenas, aos maiores, a aqueles que teñen dificultades. Comprendemos que hai unha parte da poboación que se quere mover en coche e rápido, pero esa mobilidade non é a que corresponde coa tipoloxía de estradas que deben deseñar as entidades locais e provinciais, esas vías de alta capacidade deben ser competencia doutras administracións. Nós, as administracións locais, debemos que ter outro enfoque porque as nosas estradas son as rúas do noso territorio, conviven coches e persoas”, subliñou. 


 O deputado explicou que por motivos históricos as infraestruturas planificáronse pensando no vehículo privado, “pero chegou o momento de  reverter as prioridades e deseñar pensando nas persoas e no territorio por onde pasan, creando proxectos que se adaptan ás necesidades das persoas -como usuarios de a pé-e á contorna”. Na súa intervención explicou os programas e plans de actuación que está a desenvolver a Deputación de Pontevedra para aplicar de xeito práctico esa filosofía: o Plan de Velocidade e Mobilidade Seguras (Plan Móvese) que está iniciando a súa segunda edición na provincia para calmar o tráfico, a liña de Plans de Mobilidade Sustentable para deseñar espazos públicos no territorio, ademais das continuas actuacións de mantemento nas estradas para garantir a seguranza viaria.  

 Recepción na Deputación de Valencia 

 Previamente á súa intervención no simposio, no que están presentes funcionarios, políticos e empresas de máis de 200 entidades e administracións, o nacionalista asistiu á recepción que ofreceu o presidente da Diputación de Valencia, Jorge Rodríguez Gramage, aos deputados de infraestructuras de Valencia, Castellón e Alicante, onde debatiron sobre os puntos comúns e diferencias de cada provincia. 

 No día de mañá, o protagonismo de Pontevedra continuará no simposio da Asociación Española de la Carretera en Valencia a cargo do director do servizo de Mobilidade provincial, Daniel Romay, quen explicará os pormenores da Ordenanza de Seguranza Viaria da Deputación de Pontevedra, que está en vigor dende 2012 e que inclúe conceptos novidosos con respecto a outras ordenanzas viarias. Romay tamén dará a coñecer o traballo realizado recentemente polo departamento de Mobilidade ao elaborar unha Guía Básica de Espazos Públicos e Mobilidade Amable. 

 Na comitiva pontevedresa en Valencia están presentes, ademais do deputado e do director de Mobilidade, varios técnicos do departamento provincial: o asesor provincial Jesús Fole, e os técnicos Andrea Otero Otero, José Domínguez Fernández, Jaime Ruibal de Sola e Marta Fernández-Valdés Gómez de Membrillera.

Ningún comentario:

Publicar un comentario