23 de abr. de 2018

MADRID

No acto, que se celebrou coincidindo co Día Internacional do Libro, interviñeron o tamén profesor da UCM Ramón Cobo e o exfutbolista do Real Madrid Paco Buyo 

A CASA DE GALICIA EN MADRID ACOLLEU HOXE A PRESENTACIÓN DE “OFICIO DE LECTURAS. ESCRITOS DE XORNALISMO CULTURAL” DO PROFESOR DA UCM FRANCISCO R. PASTORIZA, “UN LIBRO DE LIBROS”   

Na mesa,  co libro en primeiro termo, ol exfutbolista Paco Buyo, o coordinador Ramón Jiménez  e os profesores Francisco Rodríguez Pastoriza e Ramón Cobo
Foto: Casa de Galicia

Infogauda / Madrid

 “Un libro de libros”. Así definiu o autor, o xornalista e profesor pontevedrés de Bueu, Francisco Rodríguez Pastoriza a súa nova obra Oficio de Lecturas. Escritos de Periodismo Cultural que se presentou esta tarde na Casa de Galicia, sede da Delegación da Xunta en Madrid, coincidindo coa celebración do Día Internacional do Libro. O libro publicado por Terra Ignota Edicións está dirixido a un público con inquietudes culturais e interesado pola historia deste ámbito.  

 No acto interviñeron o tamén profesor da Universidade Complutense de Madrid, Ramón Cobo; e o o exfutbolista do Real Madrid, e outrora afamado porteiro Paco Buyo. A presentación correu a cargo do coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez, quen o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid José Ramón Ónega.  

 “Un libro, ao meu xuízo, excelente para celebrar con el o Día do Libro. A min, que lin varios dos textos, desde logo parécemo”, dixo o tamén escritor Ramón Jiménez. “Son artigos de divulgación cultural de calidade, escritos nun ton sereno que enganchan. Non me estraña que entre os seus lectores atópense personaxes ilustres nos seus respectivos campos, por exemplo o do fútbol”. De feito, estaba previsto que na mesa estivese Emilio Butragueño, pero atópase en Alemaña por razóns da súa axenda deportiva e é a razón pola que no seu lugar acudise outro deportista de alto nivel, o exfutbolista internacional coruñés, de Betanzos, Francisco Buyo Sánchez, Paco Buyo. “Tanto un como outro nos serven para desmentir a lenda urbana da incompatibilidade entre fútbol e cultura”, comentou Jiménez.  

 “Trátase dun libro de libros” dixo Rodríguez Pastoriza, “un libro que recolle as críticas e recensións dedicadas a libros de literatura e ensaio relacionados co mundo da cultura, xunto a algunhas conferencias e relatorios presentadas en Congresos de Xornalismo cultural durante os últimos anos”. A maior parte son críticas de libros de literatura e ensaio sobre os temas máis diversos: arte, música, cinema, totalitarismos, guerras… e tamén reflexións sobre aspectos relacionados coa cultura, os medios de comunicación e o xornalismo cultural, así como textos teóricos sobre a crítica, a creación e o mundo da información da cultura.  

 O profesor Cobo resaltou nas súas palabras a traxectoria profesional e docente de Rodríguez Pastoriza e levou a cabo unha análise do contido da obra, incidindo na importancia do xornalismo cultural para facer chegar aos lectores e á audiencia dos medios audiovisuais a actividade que se desenvolve no campo da cultura e manter informada á sociedade acerca da produción cultural de creadores e artistas.  

 Para Buyo, “este libro é unha auténtica obra de arte, unha xoia para deleitarse como o facemos cos seus artigos de O Faro cada semana, ou o fixemos durante máis de 25 anos en Televisión Española coas súas reportaxes e a súa visión cultural”.  

 Ademais da exposición do profesor Ramón Cobo e das intervencións de Buyo e Rodríguez Pastoriza, o acto desenvolveuse utilizando o formato de preguntas e respostas que os presentadores fixeron ao autor do libro, dando paso a outras preguntas do público que asistiu ao acto. Ao longo deste coloquio falouse da cultura e das súas distintas manifestacións, das industrias culturais e do seu papel no mundo da cultura e das diferenzas entre a información cultural e a crítica como xéneros xornalísticos. 

 O libro é un mostrario de prácticas xornalísticas que, dalgunha maneira, completan a visión teórica dun dos traballos anteriores de Pastoriza publicado baixo o título Periodismo cultural (Editorial Síntesis).  

 Francisco Rodríguez Pastoriza é profesor de “Información cultural” da Facultade de Ciencias de Información da Universidade Complutense de Madrid; foi xornalista de TVE e adxunto á Área de Cultura dos Servizos Informativos. Actualmente escribe crítica cultural nos xornais do grupo Prensa Ibérica e para a publicación online “Periodistas en español”. Ademais, é autor dos libros Que és la fotografía (Lunwerg, 2015); o xa citado Periodismo cultural (editorial Síntesis), e varios máis relacionados coa televisión nos seus aspectos culturais. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario