12 de abr. de 2018

LABORAL

BARÁ PIDE  MEDIDAS AO GOBERNO  PARA GARANTIR O FUTURO DE MADERAS IGLESIAS   

O parlamentario explicou que a empresa chegou a contar con máis de 800 postos de traballo converténdoa nunha empresa  punteira a nivel estatal e internacional

Infogauda / Santiago de Compostela

 O deputado do BNG por Pontevedra, Luís Bará formulou hoxe unha pregunta ao goberno sobre que medidas vai adoptar a Consellería de Industria para garantir a continuidade e viabilidade da empresa Maderas Iglesias S. A.  

 O parlamentario explicou que a empresa chegou a contar con máis de 800 postos de traballo converténdoa nunha empresa  punteira a nivel estatal e internacional. O emprego, fundamentalmente feminino, afirmou o deputado, ten unha grande influencia na zona sur da provincia de Pontevedra sobre todo en Porriño, Mos, Vigo, Tomiño, Salceda, As Neves, Tui e Tomiño e o futuro desta empresa afecta a un gran número de traballadores e familias.  

 O deputado apelou ao acordo parlamentario do 17 de outubro para instar ao goberno a realizar xestións ante os propietarios de Maderas Iglesias para garantir o mantemento do emprego e a viabilidade da empresa.  

 Bará salientou a situación límite do cadro de persoal e asegurou que a empresa é viable, cun cadro de persoal “moi capacitado” e cun gran compromiso para sacala adiante a pesar de estar incursa nun ERE. Aínda así, recalcou,  hai motivos,  para pensar que aínda estamos a tempo. “Hai que acometer cambios na dirección” porque a mala xestión empresarial foi a causante da actual situación, apostilou.   

 O deputado lembrou que o pasado 28 de decembro os representantes dos traballadores mantiveron un encontro no Parlamento cos alcaldes das vilas afectadas e posteriormente, outro encontro cos responsables do IGAPE. 

 A empresa debe respectar os dereitos laborais e o pago dos salarios, “seguen pendentes as nóminas de marzo e  paga de Nadal” pero ademais, neste momento todo sigue no ar. Descoñecemos como van as xestión cos acredores e se se vai a incorporar un socio inversor industrial do secotr á empresa polo que volveu preguntar cal é a situación real de Maderas Iglesias e que medidas vai iniciar o goberno galego para buscar unha saída.  

 Pola súa parte, o director xeral do IGAPE, Juan Manuel Cividanes manifestou a intención do organismo en manter o seu mantemento pero no que atinxe as responsabilidades do empresario como débedas con acredores  “a Xunta e o IGAPE non ten competencias”.   

 O deputado cualificou de “insuficientes” as xestións da Xunta e lembrou que  a Consellería de Industria e  IGAPE “perderon moito  tempo e non moveron un só papel” ata que os traballadores e traballadoras comezaron con medidas de presión e reunións cos grupos parlamentarios, alcaldías e sindicados para trasladarlles as súas demandas. 

 O parlamentario considerou que a Xunta debe implicarse no mantemento da empresa “con medidas concretas” porque os traballadores e traballadoras precisan respostas e sobre todo “poder cobrar unha nómina”. A Xunta, dixo, debe intervir e supervisar o que acontece na empresa e non agardar por novas mobilizacións.  

 Finalmente, Bará lamentou que o director xeral do IGAPE non expresara “un compromiso real” coa continuidade e viabilidade de Maderas Iglesias e anunciou que o BNG seguirá rexistrando iniciativas para buscar unha solución de futuro para a empresa.           

Ningún comentario:

Publicar un comentario