12 de abr. de 2018

MADRID

O acto estivo presidido por Romay Beccaría, presidente do Consello de Estado   

O LIBRO “LA RENOVACIÓN DE LAS PEREGRINACIONES A SANTIAGO DE COMPOSTELA EN EL SIGLO XIX”, DA EDITORIAL DO CSIC, PRESENTOUSE NA DELEGACIÓN DA XUNTA EN MADRID   

De esq. a der.: Antón M. Pazos, Milagrosa Romero, Romay Beccaría, José Ramón Ónega, José Andrés Gallego e Ramón B. Rodríguez
Fotos: Casa de Galicia

Infogauda / Madrid

 A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu o pasado día 10 deste mes, a presentación do libro “La renovación de las peregrinaciones a Santiago de Compostela en el siglo XIX: entre tradición y modernidad”, coordinado por Antón M. Pazos, y editado polo CSIC, obra cuxa finalidade é “ofrecer ao lector unha idea do que supuxo o intento de relanzar a peregrinación xacobea a finais do século XIX; das dificultades que tivo e da contorna na que se moveu e inspirou, así como das súas limitacións”.  

 No acto, tras o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, interviñeron: Ramón B. Rodríguez, por parte da editorial do Consello Superior de Investigacións Científicas, CSIC; José Andrés-Gallego, do Instituto de Historia do Consello Superior de Investigacións Científicas; Milagrosa Romero Samper, da Universidade San Pablo- CEU, de Madrid; e Antón M. Pazos, do Consello Superior de Investigacións Científicas, editor da publicación.  

 A clausura correu a cargo do presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría.  

 Para Ónega, “este é un libro importante. O Camiño é un fenómeno de suma transcendencia”, e citando a Cervantes, evocou que “o andar en terras e comunicar con diversas xentes fai aos homes discretos”.  

A mesa cos intervintes, Antón M. Pazos, Milagrosa Romero, Romay Beccaría, José Ramón Ónega, José Andrés Gallego e Ramón B. Rodríguez con parte do público que acudiu a Casa de Galicia

 Ramón B. Rodríguez expuxo que a Editorial do CSIC ten un amplo percorrido histórico, desde o ano 1940, na publicación de revistas e coleccións de monografías de contido académico, “cumprindo así una das misións do Consello Superior de Investigacións Científicas: a promoción e difusión do coñecemento científico”. E engadiu algúns datos: “o CSIC publica 37 revistas científicas, e algo máis de 50 coleccións de monografías, entre elas, cabe destacar Cadernos de Estudos Galegos, entre as revistas, e as dúas coleccións de libros asociadas, Anexos, con 44 títulos publicados, e Monografías, cuxo volume 16 presentamos hoxe”.  

 José Andrés-Gallego, quen participa no libro co traballo titulado Abandono, reconstrución y  uso del Camiño Francés en el siglo XIX (alrededor de Roncesvalles), explicou como o século XIX rexistrouse un verdadeiro colapso das peregrinacións e que diso fálase en fontes moi distintas. Destacou que “desaparece o Camiño, pero non a peregrinación” a Santiago, que xa non é o lugar de referencia para toda a cristiandade, pero segue atraendo a esmoleiros de toda España e de Portugal, dado que o fluxo internacional de menesterosos fora unha característica do Camiño durante séculos. O colapso do Camiño deuse no embude que se formaba desde o século XI en Roncesvalles que non volvería contar cunha estrada, “moderna”, ata finais do XIX. A épica da Chanson de Roland, localizada precisamente en Roncesvalles, ía ser un elemento decisivo para a recuperación do paso por este lugar no século XX. 

 Para Milagrosa Romero Samper, do CEU, quen participa no libro co traballo titulado Reinventio y tradición jacobea en la prensa británica, sinalou que “o impacto do achado do sepulcro do Apóstolo Santiago en Europa está dentro dunha constelación de novas devocións e peregrinacións, xurdidas ao refluxo dun período revolucionario que culmina en 1870 coa Comuna de París, e coincidindo coa chamada cuestión romana”. Falou de que no Reino Unido, a repercusión da reinventio do sepulcro do Apóstolo e, o interese polo tema xacobeo, foi incitado polas ideas previas que a sociedade inglesa recibiu nos anos anteriores, especialmente grazas á literatura de viaxes (Borrow, Ford) e á divulgación da catedral de Santiago como monumento artístico, dentro do Gothic revival. “Abundan na prensa británica as referencias á tradición xacobea no folclore, a lingua oral e a literatura, mentres que o desenvolvemento da arqueoloxía medieval leva ao descubrimento de imaxes e vestixios das antigas peregrinacións británicas a Galicia. O interese por estes vestixios implica, de paso, unha recuperación do feito relixioso como parte da identidade nacional, e inclúese no ronsel do revival relixioso e, concretamente, do revival católico”, remarcou.  

 Pola súa banda, o teólogo Antón M. Pazos, do Consello Superior de Investigacións Científicas, vicedirector do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, de Santiago, editor da publicación, autor do prólogo e do traballo La reinventio de la tumba de Santiago en 1879: objetivos y logros, destacou que “no século XIX produciuse un boom da arqueoloxía sacra, ao redor do descubrimento das catacumbas romanas. Nesa liña, en 1879, durante unhas escavacións arqueolóxicas, atopáronse restos considerados como do apóstolo Santiago, que foran escondidos, por temor aos invasores ingleses, facía tres séculos. O libro analiza precisamente o esforzo para revitalizar as peregrinacións e a promoción que, a partir do achado deses restos, fíxose en toda Europa para revitalizar a peregrinación e a cidade de Santiago”. Lembrou ademais que xusto nesa época “invéntase o turismo de masas, grazas ao tren e aos barcos de vapor e aos primeiros operadores de turismo, como Thomas Cook. E gran parte desas masas ían a centros de peregrinación. Uns eran clásicos, como Roma ou Palestina, outros completamente novos, como Lourdes", dixo Antón M. Pazos, coordinador do volume.  

 “Quedámonos con ganas de máis”, dixo Romay Beccaría para clusurar o acto. “O Camiño de Santiago interesoume sempre moito”, e evocou ao presidente de Checoslovaquia Václav Havel, a quen admiraba intelectualmente, cuxos libros regalaba na súa época de político en Galicia e con quen estableceu unha sincera amizade. Para corresponderlle, obsequioulle cun bonito libro da Catedral de Santiago polo que Havel escribiulle unha marabillosa carta que conserva con gran agarimo do mesmo xeito que algunhas das súas publicacións dedicadas. “Todo o relacionado con Santiago e o Camiño para min son motivo de interese”, concluíu Beccaría. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario