CIG-Saúde denuncia a lentitude da integración funcional da Resonancia Magnética de GALARIA no servizo de radioloxía da EOXI de Vigo e demanda a súa completa integración
En xuño de 2015, publicouse o Decreto 88/2015, do 25 de xuño polo que se integran as unidades de cirurxía cardíaca e cardioloxía intervencionista, que até entón formaban parte de GALARIA, no CHUVI, así como o seu persoal, que pasaba a prestar os seus servizos na estrutura organizativa de xestión integrada (EOXI) de Vigo.
Daquela a administración defendía a importancia desa integración funcional e orgánica baixo a mesma estrutura que o resto dos servizos cos cales manteñen unha interdependencia para a perfecta atención integral dos e das doentes, subliñando a importancia de que esta integración de recursos, no novo hospital de Vigo, estea baixo a mesma organización administrativa que o resto das unidades coas cales comparten asistencia.
O compromiso da administración, naquel intre, era que en base á propia normativa de área de xestión integrada todos os recursos asistencias da Área de Vigo integraríanse baixo a dirección desta EOXI.
En maio de 2016 a administración sanitaria xa mudara de opinión e decidiu que a integración da Resonancia Magnética, en mans de GALARIA, na EOXI de Vigo fora so funcional.
CIG-Saúde xa manifestara o seu desacordo con esta medida e solicitara da Consellería de Sanidade que realizara o mesmo procedemento de integración para todos os servizos asistencias que dependen de GALARIA na EOXI de Vigo (o procedemento regulado no decreto 88/2015 do 25 de xuño). Que sentido ten manter nunha área sanitaria dúas estruturas directivas para xestionar o mesmo servizo?.
O aceso á realización de Resonancias Magnéticas (RM) é unha reivindicación histórica das e dos profesionais do servizo de radioloxía do CHUVI, que durante 22 anos reclamaron poder facer uso da tecnoloxía diagnóstica precisa para poder facer o seu traballo dun xeito integral, e iso so era posible cunha organización do servizo diferente, non centrado nas máquinas senón nos problemas das e dos pacientes.
Hoxe as e os profesionais do servizo de radioloxía da EOXI de Vigo fan pública unha nota onde poñen en valor a importancia da integración e das melloras que produce para conseguir “unha redución no tempo do proceso diagnóstico e un mellor manexo da patoloxía dos nosos pacientes”.
Pero sabemos que o plan de integración funcional acordado no ano 2016 está a ter moitas dificultades para levarse adiante, pese á importante implicación das e dos profesionais do servizo de radioloxía e do esforzo realizado pola Xerencia da EOXI de Vigo.
Co paso do tempo temos constatado que nin sequera esta limitada integración funcional está a ser realizada. A propia nota das e dos profesionais remata: “Desexamos que estes primeiros pasos conduzan a unha integración real e completa dos profesionais de GALARIA, feito que ata agora non sucedeu, porque os profesionais de GALARIA non se integraron no Servizo de Radiodiagnóstico da Xerencia de Xestión Integrada de Vigo. Estamos convencidos de que o traballo en equipo, co paciente como obxectivo, e non coa técnica como obxectivo, resultará motivador e satisfactorio para os profesionais de ambas partes, porque o único interese que nos move a todos é o interese do paciente.”
CIG-Saúde esixe a completa integración de todos os servizos sanitarios xestionados por GALARIA (medicina nuclear, radioterapia, ciclotrón e RM) na EOXI de Vigo, máxime cando o propio Xerente do SERGAS ten recoñecido que os equipamentos que utiliza GALARIA son propiedade do SERGAS e as probas diagnosticas quen as fai é persoal estatutario.
Para que esta integración sexa posible a Administración Sanitaria ten que recuperar a súa aposta do 2015, cando defendía a importancia da integración funcional e orgánica baixo a mesma estrutura que o resto dos servizos cos cales manteñen unha interdependencia para a perfecta atención integral das e dos doentes.
E tamén é necesario respectar os dereitos do conxunto das e dos profesionais, tanto de GALARIA como da EOXI de Vigo, pero os intereses derivados da actual estrutura organizativa e laboral de GALARIA non pode antepoñerse aos intereses das e dos doentes atendidos na nosa área sanitaria.
Vigo, 26 de marzo de 2018
Manuel González Moreira
Secretario Comarcal CIG-Saúde Vigo
Ningún comentario:
Publicar un comentario