19 de mar. de 2018

A GUARDA

A HOMENAXE A JULIA SOBRINO GONZÁLEZ, TODA UNHA MOSTRA DE AGARIMO A UNHA GUARDESA DE LEI

A cidadanía premiou coa súa presenza no acto, a labor de toda unha vida desta muller irrepetible




Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 O sábado día 17 de marzo de 2018, vai ser - de feito xa o é - unha data para relembrar gratamente, na memoria dos veciños de A Guarda e da súa contorna. A razón desa afirmación témola no feito de que ese día tivese lugar á merecidísima homenaxe que o pobo guardés, representado polo seu alcalde e membros da Corporación Municipal, así como por veciños de A Guarda, lle tributou a Julia Sobrino González. 

 No evento, que a falla de un auditorio municipal con aforo suficiente, tivo que celebrarse no salón de actos do Centro Cultural da vila - que por certo estaba totalmente ateigado -, tamén estiveron persoas procedentes de Goián, Oia, Pontevedra, Tomiño, Tui,... 

 A por suposto, ademáis de amigos e veciños, tamén viñeron desde seus respectivos lugares de residencia por motivos laborais, unha ampla representación de familiares de Julia Sobrino. 

 E é que a persoa homenaxeada e a ocasión ben o merecían.



 Foi, por decilo de un xeito breve, un deses días nos que un constata que cando unha persoa adica a maior parte da súa vida a prol do seu pobo, ben sexa como dinamizadora cultural, como representante municipal elexida democráticamente pola cidadanía, ou como emprendedora, xusto é que se lle recoñeza seu altruismo. 

 E o pobo guardés, a proposta da poeta e pintora, Chuny Vázquez Vicente, e co apoio incondicional da concelleira de Cultura, Elena Baz Rodríguez, e por extensión de todo o executivo municipal do Concello de A Guarda, soubo materializar o proxecto de sinxela homenaxe, nunha realidade gozosa para todos.

 Como non podía ser doutro xeito, ademáis da colaboura institucional, non fallou a colaboura de varias entidades ás que Julia Sobrino estivo ou está, directa ou indirectamente vencellada. Desde o Grupo Folclórico do Lusco ó Fusco, fundado na súa propia casa, ata a Agrupación Cultural Guardesa e seu Grupo de Pandereteiras, a Asociación de Mulleres Progresistas, a cantautora María José Baz Martínez e a poetisa Aida Lomba Márquez, e por suposto a Agrupación do PSdeG-PSOE de A Guarda.

 Co aforo totalmente cuberto - e mais que hubera -, o evento, presidido pola proxección dunha fotografía familiar de Julia Sobrino con seus fillos e seu marido Jesús Pereiro Ramos, comezou arredor das 19:45 h., coa entrada de Julia, acompañada polo alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, namentras o respectable público aplaudía a homenaxeada que correspondía a ovación con unha frase en castelán, curta pero moi significativa: Quérovos! 

 E a partires dese intre, corresponderíalle o presentador Manuel Santos González, gran comunicador e ademirador de Julia Sobrino, proceder como el ben sabe, co comezo do acto, logo dunha breve introducción, que daría paso a unha proxección de imaxes fotográficas vencelladas a actividades culturais nas que Julia Sobrino interviu directamente.



 Deseguido, corresponderíalle a Berta Castro, directora do Grupo de Pandereteiras da Agrupación Cultural Guardesa, facer unha breve intervención, previa á actuación do devandito grupo, no que tamén participaron os compoñentes máis noviños: Os Merliños.



 A continuación subiron o escenario María del Carmen Castro González, da Asociación Mulleres Progresistas, de A Guarda, e Carmen González Álvarez, presidenta da Asociación de Recuperación do Traxe Galego, de A Guarda, que nas súas respectivas intervencions fixeron unha glosa sobor de Julia Sobrino, e seus valores como persoa.



 E logo desas dúas mulleres, corresponderíalle o turno a Chuny Vázquez e a José Antonio Uris Guisantes. En cadansúa intervención, houbo importantes aportacións para un mellor coñecemento da valía humana de Julia Sobrino.  

 Seguendo o guión establecido, a continuación subiría o escenario, Purificación Álvarez Álvarez, ex alcaldesa de A Guarda e amiga de Julia Sobrino.



 Para unha ocasión tan especial, Puri Álvarez - como se lle coñece amicalmente - non dubidou en asistir ataviada con seu traxe típico galego de gala, para dar lectura a unha ampla - ainda que obviamente resumida - biografía de Julia Sobrino, desde seu debut como actriz, no Colexio San José das HH. Carmelitas, de A Guarda ata hoxendía.

 Asemade Puri Álvarez, seleccionou un poema de Rosalía de Castro, no que a Cantora do Sar, descrebe polo miudo, os diferentes compoñentes do traxe típico galego, tanto de muller como de home. Complementaron esa descrición unha parella, procedente da cidade de Pontevedra, ataviados con senllos traxes de gala, que foron moi aplaudidos pola audiencia.

 Unha nova proxección de imaxes fotográficas da faceta de Julia Sobrino como actriz ou como directora, en diferentes intres da súa vida, sobor de todo en festivais benéficos, como na conmemoración do Día das Letras Galegas, da que ela ven sendo unha grande impulsora na nosa localidade. 



 E a continuación dúas mulleres, Aida Lomba Márquez e María José Baz Martínez, subirían o escenario para adicarlle cada unha delas seu particular agasallo. Aida Lomba fíxoo recitando un fermoso poema da autoría de Julia Sobrino e  a continuación María José Baz interpretando coa súa guitarra unha canción moi axeitada pola súa mensaxe a prol da muller.

 Unha terceira proxección de imaxes fotográficas, relembraría a etapa de actividade política municipal de Julia Sobrino González, sendo unha das primeiras mulleres que formou parte da Corporación Municipal do Concello de A Guarda, na etapa da Transición, o longo de tres lexislaturas.  



 O fío desas lembranzas, tomaría a palabra o ex alcalde de A Guarda, José Manuel Domínguez Freitas, que fixo un resumo da traxectoria de Julia Sobrino como concelleira socialista e tamén noutras responsabilidades que asumiu como membro da Agrupación do PSdeG-PSOE, de A Guarda.

 Ademais de recitar un fragmento de un poema de Miguel Hernández, non dubidou en cualificar a Julia Sobrino como muller comprometida co seu pobo.

 Logo habería outra proxección de imaxes fotográficas, da froitifera etapa de Julia Sobrino como directora do Grupo Do Lusco o Fusco, na que o nome de A Guarda, chegou desde a Bretaña francesa ata Turquía, pasando por Grecia, Rumanía, Portugal,..., e por suposto por moitas Comunidades Autónomas de España, grazas o proxecto Encontro dos Pobos. 

 Rematada a proxección chegaría o intre no que unha representación do Grupo Do Lusco o Fusco faría súa entrada no salón de actos o son dunha treboada tradicional miñota, para subir deseguido o escenario, onde Ángela Vicente adicaría unhas emotivas verbas en merecida loubanza de Julia Sobrino, decindo entre outras cousas, que ela logrou moito máis que un grupo que foi un activo embaixador da nosa Cultura por Europa adiante, senón formar unha grande familia.



 Logo das verbas de Ángela, Do Lusco ó Fusco, executou no escenario un vistoso baile, que foi moi aplaudido polo respectable público. 

 E xa no tramo final do acto, habería unha nova proxección de imaxes fotográficas, do álbum familiar de Julia Sobrino González, desde súa infancia no Coruto, en Salcidos, e na vila, ata hoxendía.

 A continuación alcalde e concelleiros, subiron o escenario para recibir a Julia Sobrino González e a seu esposo Suso Pereiro Ramos, que foron felicitados polos corporativos.

 Deseguido o alcalde Antonio Lomba Baz, fixo uso da palabra para decirlle a Julia Sobrino, entre outras cousas o seguinte: 

 "(...) Muller loitadora, tenaz, constante, perfeccionista, con carácter, tenra, moderna, elegante, sensible, activa, activista, familiar, cariñosa, curiosa, atrevida, alegre, e tamén, empresaria, política, produtora de eventos e investigadora. Todo isto e máis es ti Julia.  

 Ti es unha desas persoas que un se sente orgulloso e afortunado de coñecer. Unha muller querida e respectada, por ser como es e por ter feito tanto por esta Vila: Impulsora do Teatro dende aqueles anos 80 no Recreo e no Cine Avenida; da poesía a través do Festival de Poesía “Feliciano Rolán”; impulsora da literatura infantil celebrando cada ano o concurso e festival das Letras Galegas; referente e precursora da música e baile tradicional co festival do “Encontro dos Pobos” e co teu grupo “Do Lusco ó Fusco”, co que ademais fixeches de embaixadora da Guarda por Europa; investigadora no ámbito dos traxes tradicionais galegos e presidenta dende fai 30 anos da Agrupación Cultural Guardesa. Temos moito que agradecerte por ser, en definitiva, unha grande activista social e cultural.  

  De Julia quero destacar tamén a faceta máis humana, máis íntima. Moitas veces nas conversas que teño con ela falamos da súa familia, do seu pai, de Suso, dos seus fillos e netos. A min gústame especialmente cando me conta historias do seu pai. As veces é coma unha nai, tes unha agarrada con ela pero ao momento seguinte xa está a darche cariño. Tamén vos direi que aínda que dende as butacas nono parece tamén se pon nerviosa antes de cada función. É moi perfeccionista e quere que todo saia ben, que todo estea no seu sitio. 

 Julia é unha muller coas ideas claras que antepón as relacións persoais ás ideas  políticas ou relixiosas, algo que moita xente lle custa entender. Por ter as ideas tan claras, á hora de organizar algo, é unha gran e dura negociadora pero sempre pensando nos demais, no ben común.  

 Julia, por todo o que levas feito e segues facendo pola Guarda e por ser como es, o concello e a sociedade guardesa queremos facerche hoxe esta homenaxe. Por que o mereces. Parafraseando a Bertol Brech “ti es unha desas persoas que leva loitando toda a vida, unha persoa imprescindible”.  

 No nome do concello da Guarda, gracias a todas as persoas e colectivos que participástedes e fixéstedes posible esta homenaxe a Julia Sobrino. De forma moi especial as persoas máis implicadas na súa organización, Chuni Vázquez e a concelleira de Cultura, Elena Baz.  

 Para rematar quero deixar a Julia un recordo deste día de parte do concello da Guarda, un recordo que simboliza o noso agradecemento por toda unha vida dedicación no eido social e cultural. Queremos que aceptes Julia o “pin de ouro do concello da Guarda”.  

 O mundo necesita moitas Julias.  

 Gracias a todos".

 Logo de que o alcalde lle impuxera a Julia Sobrino a devandita distinción, subiría o escenario Victoriano Rodríguez González, membro da Agrupación Cultural Guardesa, que en nome de tódalas asociacións que participaron nesta homenaxe fíxolle entrega de unha peza de cerámica de Sargadelos, representando á figura de D. Quixote de La Mancha, de Miguel de Cervantes Saavedra, á obra literaria máis publicada de tódolos tempos.



 Victoriano Rodríguez salientou o motivo da elección desa figura, para aplicalas ás múltiples facetas de Julia Sobrino, unha muller destacada e respectada por todo o mundo. 

 O presentador Manuel Santos González tamén quixo corresponder coa confianza que Julia Sobrino ven depositando nel desde fai anos, entregándole un ramo de flores.

 E logo chegaría o intre en que tódalas olladas e tódolos ouvidos estaban concentrados nunha persoa: Julia Sobrino. 

 Ela sería a que visiblemente feliz tería unhas verbas de agradecemento a tódalas persoas que fixeron posible esta homenaxe e por suposto a tódalas persoas que asistiron o mesmo, decindo entre outras cousas: "(...) No creo que merezca tanto (...)".

 E desde o público unha voz de muller respostou. "¡Sí te lo mereces!".

 Pois claro que o merece. Julia Sobrino é unha figura troncal dunha grande familia que aglutina non soio a persoas con vencellos de consanguinidade, senón a persoas que ó longo da súa andaina vital teñen tratado con ela.

 A homenaxe a Julia Sobrino González foi unha verdadeira regalía para tódolos asistentes.

 Con iso nos quedamos. Coa satisfacción de haber participado nun evento longamente agardado e en boa hora feito realidade.

 Non en balde, Julia Sobrino González, é unha guardesa de lei.

GALERÍA DE IMAXES DA HOMENAXE A JULIA SOBRINO GONZÁLEZ

Ningún comentario:

Publicar un comentario