19 de mar. de 2018

DEPORTES

PIRAGÜISMO

TRES MEDALLAS PARA O CLUB DEPORTIVO MIÑO NA 2ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM 

· O bo tempo acompañou a esta celebración na que se deron cita máis de 200 participantes, os mellores do slálom español


                              

                              Emilio Rodríguez, medalla de ouro en K1 veterano
Manuel Ochoa, compartindo podio coa súa medalla de bronce en K1 sénior

                                   Luís Fernández, medalla de prata en C1 sénior

Informa (redacción e fotografías): Rosa Fernández Carrera / Mondariz Balneario 

 Esta fin de semana celebrouse en Mondariz-Balneario, nas augas do río Tea, a segunda das competicións da Copa de España de Slálom. O bo tempo acompañou a esta celebración na que se deron cita máis de 200 participantes, os mellores do slálom español. So faltou a olímpica Maialen Chorraut, por lesión.  

 O club Deportivo Miño inscribiu a 15 deportistas, pero so 10 participaron na competición oficial, os outros cinco foron en calidade de abridores.  

 Na categoría absoluta, sénior feminino, Laura Alonso foi a mellor no décimo cuarto lugar cun recorrido sen penalizacións, Laura Soutelo e Marina Ruedas decimo oitava e décimo novenas respectivamente.  

 Na categoría cadete, Ariadna Pereira, baixou en canoa e caiac. En canoa rematou quinta, non entrando en finais por non superar o tempo de corte, na categoría k1, conseguiu facer final, rematando cuarta e rozando a medalla de bronce.  

Luís Fernández, e plena competición

 En C1 sénior tanto Brais Castro como Luís Fernández superaron as clasificatorias do sábado, entrando en semifinais. Xa na mañá do domingo Luís conseguiu pasar a finais mentres que Brais Castro quedou fóra por apenas dous segundos, rematando finalmente nun envexable  sexto posto. Na final Luís Fernández fixo unha baixada impresionante que lle valeu a medalla de prata por detrás de Dani Marzo e por diante do olímpico Ander Elosegui. Esta é a segunda medalla para o deportista de Salceda na Liga Española de Slálom Olímpico, o que da fe do seu bo momento esta tempada.  

Manuel Ochoa, medalla de bronce en K1 sénior

 En K1 sénior, a categoría máis numerosa e igualada, Manuel Ochoa fixo unha boa clasificatoria na mañá do sábado, pasando a semifinais co quinto mellor tempo. A primeira hora do domingo cunha baixada rápida e sen penalizacións conseguiu entrar en finais. Xa na final, Manuel fixo unha baixada limpa e moi rápida que lle valeu unha medalla de bronce a apenas un segundo do segundo clasificado Unai Nabaskues e a tres do gañador Joan Crespo. 

Emilio Rodríguez, medalla de ouro en K1 veterano


 En K1 veterano, Emilio Rodríguez, fixo finais e na mañá do domingo foi quen de facer o mellor tempo da súa categoría, por diante de Raúl Barba e de Juan Segundo, o que o fixo merecedor da medalla de ouro.  

 Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño-Teixugos remataron sétimos. Destacar o segundo lugar conseguido polos galegos do Penedo e o quinto lugar do club organizador do evento, o Tea de Mondariz.  

 Non puido ir mellor o evento para Os Teixugos, coas súas tres medallas. O seguinte reto para este deportistas será superar os selectivos para formar parte do equipo español sénior e sub-23 de slálom, que se celebraran en abril e maio nas localidades de Pau e Seu D´Urgell, e para os que están clasificados Brais Castro e Luís Fernández en canoa, e Manuel Ochoa en caiac.

Ningún comentario:

Publicar un comentario